Gongsun Long
Gongsun Long (chinés simplificado: 公孙龙; chinés tradicional: 公孫龍; pinyin: Gōngsūn Lóng; Wade-Giles: Kung1-sun1 Lung2, c. 320-250 a.C.), nome de cortesía Zibing (子秉), foi un filósofo chinés da Escola de Nomes.[1] Aínda que se conserva pouca información sobre a súa vida, sábese que dirixiu unha escola e que gozou do favor de varios gobernantes.[2] Defendeu sempre a mediación pacífica para resolver os conflitos, en oposición ás constantes guerras da súa época, o período dos Reinos Combatentes. Neste sentido, no Zhuangzi recóllese esta suposta cita de Gongsun Long:[3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 325 a. C. Zhao |
Morte | 250 a. C. (74/75 anos) |
Actividade | |
Ocupación | filósofo |
Período de actividade | (Con vida en: século III a. C. ) |
Obra | |
Obras destacables |
Cando era novo, estudei a vía dos reis anteriores. Ao medrar, entendín a práctica de bondade e deber. Unín o igual e o diferente, separei o duro do branco, e fixen admisible o inadmisible. Desconcertei aos xenios das Cen Escolas e esgotei a elocuencia de infinidade de oradores. No que a min respecta, acadei o cumio.
Do autor só se conservan unha serie de ensaios, parte do fragmentario libro Gongsun Longzi, o texto máis longo que se conserva da Escola dos Nomes.[4]
Gongsun Long é recoñecido polo seu célebre paradoxo, "Un cabalo branco non é un cabalo", elaborado na tradición de Hui Shi (c. 380-c. 305 a.C.). Este emprego da linguaxe garda certas similitudes coa sofística grega.[2]
A corrección dos nomes
editarSegundo Zhenbin Sun, os traballos de Gongsun Long sobre o 名實 (míngshí, lit. "nome e realidade") son dos máis profundos e sistemáticos de toda a Escola dos Nomes.[5] No Gongsun Longzi podemos ler o seguinte:
O ceo, a terra e os seus froitos son todas as cousas (物, wù). Cando as cousas posúen as características das cousas sen excedelas, temos a realidade (實, shí). Cando a realidade cumpre realmente a súa función como realidade, sen desexo, entón hai orde (位, wèi). Non ter orde é caer na desorde. Permanecer en orde é estar no correcto. O correcto emprégase para rectificar o que é incorrecto. [O que é incorrecto non se usa para] dubidar do que é correcto. Rectificar é rectificar de verdade, e rectificar tamén o seu nome (名, míng) correspondente.
Diálogo sobre o cabalo branco
editarNo Diálogo sobre o cabalo branco (白馬論, Báimǎ Lùn), un dos interlocutores, ás veces chamado "o sofista", defende a verdade da afirmación "Un cabalo branco non é un cabalo". Namentres, o outro participante, ás veces chamado "o opoñente", nega a verdade de tal aseveración.[6] Este texto ten sido interpretado coma un traballo lóxico serio, un sofisma, ou unha combinación de ámbalas dúas cousas, segundo o comentarista.[7]
As interpretacións desta pasaxe son múltiples.[2] Unha das máis sinxelas asume que o autor xoga coa confusión entre categoría e identidade. Neste sentido, o argumento xoga coa ambigüidade da chinés clásico. A expresión "X non é Y" (X非Y) pode ter os seguintes significados:[8]
- X non é un membro (ou subconxunto) do conxunto Y.
- X non é idéntico a Y.
O enunciado "Un cabalo branco non é un cabalo" significaría, normalmente, algo falso: que os cabalos brancos non pertencen ao conxunto dos cabalos. Con todo, o sofista do diálogo defende esta aseveración, interpretándoa no sentido de que "Non todos os cabalos son cabalos brancos". Este novo enunciado é verdadeiro xa que, como explica a propia personaxe, "un cabalo" pode ser branco, marrón..., mentres que "un cabalo branco" só pode ser branco. Segundo Graham, o opoñente asume que a frase é semellante a "Unha espada non é unha arma", cando en realidade o sofista está a interpretala de modo análogo a "Unha espada non é un gume".[8]
Outras obras
editarGongsun Long escribiu tamén multitude de 論 lùn (ensaio, discurso, diálogo), algúns de apenas 300 caracteres.[2]
- 《指物論》(Zhǐwù Lùn, Sinalar ás cousas). Trátase dun enigmático debate sobre a referencia e o referente, e sobre a designación e o designado.
- 《通變論》(Tōngbiàn Lùn, Comprender o cambio).
- 《堅白論》(Jiānbái Lùn, Sobre o duro e o branco). O título fai referencia a unha pedra que é dura e branca.
- 《名實論》(Míngshí Lùn, Sobre os nomes e a realidade).
Traducións
editar- Gongsun Long (2001). Libro del maestro Gongsun Long o La Escuela de los nombres. Tradución e notas de Yao Ning e Gabriel García-Noblejas. Estudo preliminar de Pedro San Ginés Aguilar. Trotta.
- Varios autores (2019). The Mingjia and Related Texts. Tradución e notas de Ian Johnston e Wang Ping. The Chinese University of Hong Kong Press.
Notas
editar- ↑ Zhou, Yunzhi, "Gongsun Long". Encyclopedia of China (Philosophy Edition), 1st ed.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Fraser, Chris (2020). Zalta, Edward N., ed. School of Names (Winter 2020 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.
- ↑ Zhuangzi (1996). Zhuangzi (en castelán). Kairós.
- ↑ Needham, Joseph (1956). Science and Civilisation in China (en inglés). Cambridge University Press.
- ↑ Sun, Zhengbin (2015). Language, Discourse, and Praxis in Ancient China (en inglés). Springer.
- ↑ Gongsun Long (2001). Libro del maestro Gongsun Long o La Escuela de los Nombres (en castelán). Trotta.
- ↑ Harbsmeier, Christoph (1989). "Humor in Ancient Chinese Philosophy". Philosophy and Humor 39 (3): 289–310. doi:10.2307/1399450.
- ↑ 8,0 8,1 Graham, A.C. (1989). Disputers of the Tao (en inglés). Open Court.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Fraser, C. (2020). School of Names. The Stanford Encyclopedia of Philosophy.
- Graham, A.C. (1989). Disputers of the Tao.
- Sun, Z. (2015). Language, Discourse, and Praxis in China. Springer.
Ligazóns externas
editar- 公孙龙 (La literatura china traducida en España)