Cardo corredor

especie de planta
(Redirección desde «Eryngium campestre»)
Cardo corredor

Eryngium campestre
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Apiales
Familia: Apiaceae
Subfamilia: Saniculoideae
Xénero: Eryngium
Nome binomial
Eryngium campestre
L., Sp. Pl., 1: 232, 1753 [1]
Variedades
  • Eryngium campestre var. campestre L.
  • Eryngium campestre var. virens (Link) Weins

O cardo corredor[1] Eryngium campestre, é unha planta herbácea perenne da familia Apiaceae (Umbelliferae).

Descrición editar

É unha planta espiñenta de talo erecto e moi ramificado que pode medrar até uns 70 cm de altura, porén, as súas raíces son moi longas e poden chegar a medir uns 5 m. As súas follas están cubertas de espiños e divididas en lobos. As súas flores, de cor azulada, reúnense en capítulos arrodeadas por un invólucro composto de 5 ou 6 brácteas. O seu froito é un aquenio de 2 mericarpios uniloculares.

 
Ilustración.
 
Froitos (aquenios duplos uniloculares escamosos)
 
Eryngium campestre

Hábitat editar

É unha especie común en Europa central e occidental, o norte de África, Medio Oriente e o Cáucaso. Dáse principalmente en terreos secos e planos, especialmente nas beirados dos camiños e en leiras de cultivo desleixadas. A este cardo está asociada, mediante micorrizas, o cogomelo de cardo (Pleurotus eryngii), de gran valor culinario. Moi a miúdo, é obxecto de parasitismo por varias especies de Orobanche, en particular Orobanche amethystea (que, por isto mesmo, ten como sinonimia - entre outras - Orobanche eryngii).

Ciclo de vida editar

É unha planta perenne do tipo vivaz, é dicir, a parte aérea morre despois de se reproducir e só persiste a raíz tuberosa até a primavera seguinte, en que regroman o talo e as follas. É unha planta estepicursora, pois as inflorescencias despréndense ao morrer os talos e de alí orixinouse o nome de "cardo corredor", pois pola acción do vento arrastran tanto os talos mortos como os capítulos secos. Deste xeito, facilítase a dispersión das sementes e incluso a colonización de novos ambientes. Florea desde fins da primavera (maio no Hemisferio Norte) até inicios do outono (setembro), dependendo do inicio e da lonxitude desta etapa do clima e a latitude.

Usos editar

Non se cultiva, pola contra, combáteselle cando invade terreos destinados ao pastoreo ou a produción de forraxe. A pesar disto, é bastante apreciado porque as súas raíces son o hábitat do fungo Pleurotus eryngii, chamado cogomelo de cardo, que nos países mediterráneos se recolecta para o consumo humano; por iso a planta recibe o nome de "cardo cogomeleiro". Ademais, na herbolaria tradicional atribúenselle propiedades diuréticas r cicatrizantes, as súas follas tenras e a súa raíz poden consumirse en ensaladas e cando se seca pode usarse como enfeite.

Taxonomía editar

Eryngium campestre foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum, vol. 1, p. 233, 1753.[2]

Citoloxía

Número de cromosomas de Eryngium campestre (Fam. Umbelliferae) e táxones infraespecíficos: 2n=28[3]

Etimoloxía

Eryngium: nome xenérico que probabelmente fai referencia á palabra que lembra o ourizo: "Erinaceus" (especialmente desde o grego "erungion" = "ción"), senón que tamén podería derivar de "eruma" (= protección), en referencia ás espiñentas follas das plantas deste tipo.

campestre: epíteto que significa "dos campos".

Sinonimia
var. virens (Link) Weins

Notas editar

  1. Denominación en galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, A Coruña, Deputación da Coruña, 2000
  2. "Cardo corredor". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 30 de setembro de 2012. 
  3. Números cromosomáticos de plantas occidentales, 322-328. Perdigó Arisó, M. T. & M. Llauradó Miravall (1985) Anales Jard. Bot. Madrid 42(1): 227-230
  4. Cardo corredor en PlantList

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  1. Gleason, H. A. 1968. The Choripetalous Dicotyledoneae. vol. 2. 655 pp. In H. A. Gleason Ill. Fl. N. U.S. (ed. 3). New York Botanical Garden, Nova York.
  2. Gleason, H. A. & A. J. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–910. New York Botanical Garden, Bronx.
  3. Mathias, M. E. & L. Constance. 1941. A synopsis of the North American species of Eryngium. Amer. Midl. Naturalist 25(2): 361–387.

Ligazóns externas editar