Ernst Jünger

escritor alemán

Ernst Jünger, nado en Heidelberg o 29 de marzo de 1895 e finado en Riedlingen o 17 de febreiro de 1998, foi un escritor, filósofo, novelista e historiador alemán. Os nazis tachárono de "anarcomarxista", e os comunistas de "protonazi", promovendo un descoñecemento da súa obra que só comezou a solucionarse co tempo. Realmente a súa filosofía política e a súa obra encádranse nunha corrente de pensamento conservadora cuxo elemento principal é un nacionalismo radical, moi influído por Nietzsche, que rexeita o liberalismo, o igualitarismo, a Revolución Francesa e o comunismo. O seu pensamento e figura foron enormemente populares entre a mocidade alemá, a clase media-alta e a aristocracia durante a República de Weimar. Durante a Alemaña Nazi, Jünger situouse entre o grupo de intelectuais nacionalistas que non apoiaron a Adolf Hitler, a pesar de que o propio Joseph Goebbels pretendeu convencelo persoalmente para ingresar no Partido Nazi. Despois da segunda guerra mundial e a pesar de recoñecer a súa oposición ao réxime nazi, os seus críticos reprocháronlle conferir atractivo ao nazismo de maneira indirecta, polos seus relatos da primeira guerra mundial e a súa exaltación da nación.

Infotaula de personaErnst Jünger

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento29 de marzo de 1895 Editar o valor em Wikidata
Heidelberg (Imperio Alemán) Editar o valor em Wikidata
Morte17 de febreiro de 1998 Editar o valor em Wikidata (102 anos)
Riedlingen (Alemaña) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemaña Editar o valor em Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Leipzig Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmilitar , autor de diarios , xornalista , escritor de ciencia ficción , escritor , entomólogo , filósofo , poeta Editar o valor em Wikidata
MovementoMovimento Revolucionário Conservador (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarExército Imperial Alemán Editar o valor em Wikidata
Rango militarsoldado Editar o valor em Wikidata
ConflitoPrimeira guerra mundial e segunda guerra mundial Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
IrmánsFriedrich Georg Jünger (pt) Traducir, Wolfgang Jünger (en) Traducir, Hans Otto Jünger (en) Traducir e Johanna Deventer-Jünger (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Páxina webjuenger-haus.de Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm1297780 Dialnet: 20654 Musicbrainz: 271ee9ff-aae5-4a3c-b440-426e35c66134 WikiTree: Jünger-74 Find a Grave: 9761372 Editar o valor em Wikidata

Ademais de ser un dos máis eminentes prosistas do século XX, tamén asombra a súa profundidade filosófica e científica, que o levou a compartir amizade e recoñecemento de pensadores tan ilustres como Martin Heidegger ou Borges. Cultivou a crónica, o ensaio, a novela, foi soldado nas dúas grandes guerras, viaxeiro, entomólogo, psiconauta e recibiu numerosas honras académicas e científicos ao longo da súa vida, principalmente en Europa.

Traxectoria editar

Era fillo do doutor Ernst George Jünger, profesor de química, e Lily Karoline. Únese aos Wandervögel en 1911, un movemento xuvenil que sostiña principios radicalmente opostos á sociedade moderna, extremaba o espírito da natureza e a procura dos bosques así como o respecto absoluto pola vida animal, e así mesmo un exaltado sentimento de amor cara á patria e a glorificación da nación alemá.

En 1913, aos 17 anos, foxe do fogar familiar e alístase na Lexión Estranxeira francesa, viaxando a África. Esa experiencia marcouno para sempre, quedando retratada na súa obra Xogos africanos. Cando estalou a I guerra mundial, Jünger foi un dos primeiros en alistarse, obtendo en 1918, poucas semanas antes do fin da guerra, a máxima condecoración prusiana, Pour le Mérite, tamén coñecida como «Blauer Max» ao mérito militar. Foi o último gañador da medalla Pour le Mérite, a última persoa condecorada en morrer, e a persoa máis nova en recibir a prezada condecoración, con só 23 anos.

Froito desta experiencia, foi a publicación -con tan só 25 anos- dos seus recordos da guerra no libro In Stahlgewittern, un encomio á guerra en canto experiencia interior, que catapultou o novo escritor á fama.

En 1923 comeza os seus estudos de Ciencias Naturais e Filosofía, e a finais da década trasládase a Berlín, onde colabora no Konservative Revolution, do que formaron parte, ademais de diversos grupos, autores como Ernst Von Salomon, Werner Sombart, Carl Schmitt ou Oswald Spengler. Algunhas das características máis importantes que definiron ao Konservative Revolution foron o seu nacionalismo radical, o seu rexeitamento ao liberalismo do século XIX ou á Revolución francesa.

Aínda que libros como A guerra como experiencia interior, A mobilización xeral ou O traballador suscitaron o interese dos nacionalsocialistas, Jünger rexeita varias veces a oferta para ocupar un cargo parlamentario e prohibe aos nazis usar a súa obra con fins propagandísticos.

Entre outras moitas razóns o antisemitismo levou a Jünger a rexeitar xa en 1933 o nacionalsocialismo, ao non aceptar o ingreso na Academia de Poesía Alemá, purgada había pouco tempo pola Gestapo, e marchou a unha aldea, Goslar, nas montañas Harz; despois radicouse en Ueberlingen.

En 1934 prohibe ao xornal do partido nazi que siga utilizando e manipulando os seus escritos, rexeitando tamén ocupar un asento no Reichstag, á vez que publica Blaetter und Steine (Follas e pedras), a súa primeira crítica ao racismo nacionalsocialista.

Desta época tamén debemos destacar Das abenteuerliche Herz. Figuren und Capricios(1938). A amplitude dos múltiples saberes e a incansable curiosidade de Jünger ponse de manifesto nesta obra. Está composta por observacións convertidas en auténticas reflexións metafísicas acerca das correspondencias existentes entre os elementos máis dispares da realidade. A inclusión de breves e inquietantes contos, pesadelos e alucinacións aproximan o libro aos temas característicos do surrealismo.

En 1939 publica a novela Sobre os cantís de mármore, a súa serena resposta aos totalitarismos, que o coloca rapidamente no punto de mira dos nazis. A admiración de Hitler pola primeira obra de Jünger, In Stahlgewittern (Tempestades de aceiro), aforra a este un serio problema.

Jünger pasou unha parte da II guerra mundial como militar no París ocupado, onde a partir de 1941 frecuentou o trato con diversas personalidades da cultura (Picasso...), así como a bohemia parisiense e os fumadoiros de opio, deixouse convidar polos oficiais que comezaban a rebelarse contra Hitler e salvou a vida a cantos xudeus represaliados puido. «O uniforme, as condecoracións e o brillo das armas, que tanto amei, prodúcenme repugnancia», anotou Jünger no seu diario, ao decatarse da exterminación progresiva dos xudeus.

A publicación en plena guerra dos seus diarios Gärten und Straßen (Xardíns e estradas) (1942) válelle a censura por parte do réxime. En 1942 foi enviado á fronte rusa, e en 1944, tras o errado atentado contra Hitler (a quen nos seus escritos chamaba Kniebolo), no que participou, dimitiu do seu posto no exército. Para entón xa comezou a circular de forma clandestina Der Friede (A paz), que se publicará inicialmente en 1946 fóra de Alemaña, xa que inicialmente tamén o goberno militar británico da zona ocupada lle prohibe publicar.

Os seus libros foron prohibidos até 1949 (a pesar do cal, como dixemos, conseguiría publicar Der Friede (A paz) en 1946 en Ámsterdam, en 1947 Atlantische Fahrt (Viaxe atlántica) e un ano máis tarde Aus der goldenen Muschel (A cuncha de ouro). A prohibición das súas publicacións en 1949 xorde por mor de negarse Jünger a cumprimentar un formulario sobre a desnazificación na zona de ocupación británica. Esta prohibición levouno a se mudar a Ravensburg, na zona de ocupación francesa.

Obra literaria editar

A emboscadura editar

Antonio Escohotado, un dos primeiros pensadores españois en divulgar a obra de Jünger, describiu "A emboscadura" nunha recensión dispoñible (baixo dominio público) na súa web que citamos a continuación: "Atafegados pola derrota e a miseria, non menos que pola súa responsabilidade no Holocausto, os alemáns inauguraban unha democracia moi vixiada, escindidos en irmáns irreconciliables por esixencias da guerra fría. E nese clima -de terror, confusión, vergonza e baño propagandístico- Jünger redacta un maxestoso himno á dignidade humana: Der Waldgang (O paseo polo bosque) (1951). Desde os antípodas do ánimo patético e o vitimismo, lembra que o tema da nosa vida segue sendo resistir á opresión, sexan cal sexan as súas formas, e que de manter dita resistencia derívanse innumerables alegrías e cumprimentos. Dita resposta recae agora sobre unha figura que Jünger bautiza como o Emboscado, cuxa esencia é “a persoa singular soberana".

O auténtico problema é que unha maioría non quere a liberdade e aínda lle ten medo. Para chegar a ser libre hai que ser libre, pois a liberdade é existencia, concordancia consciente coa existencia, e é o pracer, sentido como destino, de facela realidade. (Der Waldgang).

Esta obra expón que a libre acción é o único poder que vence ao medo, aínda que só alí onde ademais de resistencia ao suborno ou á coacción é tamén “pracer”, goce de si mesma. A emboscadura examina diversas estratexias de guerrilla para oporse ao intolerable -aliado primario do medo-, chamándoo “crueldade” ou violencia gratuíta. Estas premisas son unha declaración de guerra ao gregarismo e á propaganda, por non dicir que unha declaración de guerra á autoridade coactiva en xeral. Pero resistir vén de que os emboscados se vacinaron contra o nihilismo –ao expulsar dos seus peitos o resentimento ante a necesidade de morrer-, e grazas a iso topan con fontes de vida que ofrecen “mananciais de abundancia, de poder cósmico”. Fora cal fora a súa sorte particular, “son conscientes da inatacable profundidade [...] e a plenitude do mundo”. Iso infunde neles ánimos de benevolencia, como infunde o amor dos pais propia estima nos fillos. As liñas finais do libro, que resumen a paisaxe deparada polo bosque, din así: “O agrisado, o poeirento, adhírense unicamente á superficie. Quen cava máis fondo alcanza en calquera deserto o estrato onde se acha o manancial. E coas augas sobe á superficie unha fecundidade nova”. (Goce e esixencias da liberdade, 2003)[1]

Outras obras editar

Desde que nos anos 50 establecese amizade con Albert Hofmann, o creador do LSD, varios dos libros de Jünger versaron de forma directa ou indirecta sobre a experiencia psicodélica.

En 1952, despois da súa primeira experiencia co LSD, escribe Besuch auf Godenholm (Visita a Godenholm), cuxa publicación coincidiu coa aparición de The doors of perception (As portas da percepción), de Aldous Huxley. Tamén hai referencias na súa novela Heliopolis (1949).

O seu outro gran libro sobre o tema das drogas é Annäherungen. Drogen und Rausch (Achegamentos. Drogas e ebriedad), de 1970. Esta obra, na que o autor acuñou o termo psiconautas ('navegantes da psique'), expón as numerosas experiencias de Jünger con varios tipos de substancias psicoactivas, tanto enteoxénicas como estimulantes ou opiáceos. En 1959 outórganlle a Cruz do Mérito Federal, xunto ao pintor Otto Dix.

Cara a 1977 escribe outra das súas obras máis coñecidas, Eumeswil, onde sobresae a figura do «anarca», personaxe preconfigurado por Albert Camus no seu libro L'homme révolté (O home rebelde, 1951). A substancia do anarca é a creación, a do anarquista é a destrución. Así, di Jünger: "O anarca non é o antagonista do monarca senón o seu polo contrario, algo ao que o poder do monarca non chega... Non é o adversario senón a súa correspondencia". "O paso máis rudimentario cara á liberdade é liberarse de toda servidume (crenza) política". "O monarca quere dominar a moitos, o anarca só a si mesmo".

Un dos seus últimos textos sería Die Schere (A tesoira), publicado en 1989, cando Jünger contaba con 95 anos de idade. De gran valor histórico e literario son os seus diarios da segunda guerra mundial (Radiacións). Na actualidade, a súa obra está considerada como unha das maiores contribucións á literatura en lingua alemá no século XX.

Morreu o 17 de febreiro de 1998, a dúas semanas de cumprir 103 anos de idade.

Enumeración da súa obra escrita editar

  • In Stahlgewittern (1920)
  • Der Kampf als inneres Erlebnis (1922)
  • Sturm (1923)
  • Feuer und Blut (1925)
  • Das Wäldchen 125 (1925)
  • Das abenteuerliche Herz. Aufzeichnungen bei Tag und Nacht (1929)
  • Der Arbeiter. Herrschaft und Gestalt (1932)
  • Blätter und Steine (1934)
  • Afrikanische Spiele (1936)
  • Das abenteuerliche Herz. Figuren und Capricios (1938)
  • Auf den Marmorklippen (1939)
  • Gärten und Straßen (1942)
  • Myrdun. Briefe aus Norwegen (1943)
  • Der Friede. Ein Wort an die Jugend Europas und an die Jugend der Welt. (1945)
  • Atlantische Fahrt (1947)
  • Sprache und Körperbau (1947)
  • Ein Inselfrühling (1948)
  • Heliopolis. Rückblick auf eine Stadt (1949)
  • Strahlungen (1949)
  • Am Kieselstrand (1950)
  • Über die Linie (1951)
  • Der Waldgang (1951)
  • Besuch auf Godenholm (1952)
  • Der gordische Knoten (1953)
  • Das Sanduhrbuch (1954)
  • Am Sarazenturm (1955)
  • Rivarol (1956)
  • Gläserne Bienen (1957)
  • Jahre der Okkupation (1958)
  • An der Zeitmauer (1959)
  • Der Weltstaat (1960)
  • Typus, Name, Gestalt (1963)
  • Grenzgänge. Essays. Reden. Träume (1966)
  • Subtile Jagden (1967)
  • Sgraffiti (1969)
  • Ad hoc (1970)
  • Annäherungen. Drogen und Rausch (1970)
  • Die Zwille (1973)
  • Zahlen und Götter. Philemon und Baucis. Zwei Essays (1974)
  • Eumeswil (1977)
  • Siebzig verweht I (1980)
  • Siebzig verweht II (1981)
  • Aladins Problem (1983)
  • Máxima – Mínima, Adnoten zum 'Arbeiter' (1983)
  • Autor und Autorschaft (1984)
  • Eine gefährliche Begegnung (1985)
  • Zwei Mal Halley (1987)
  • Die Schere (1989)
  • Prognosen (1993)
  • Siebzig verweht III (1993)
  • Siebzig verweht IV (1995)
  • Siebzig verweht V (1997)

Notas

  1. Escohotado, Jorge (2017-11-21). "Goce y exigencias de la libertad". La Emboscadura - Editorial oficial de libros de Antonio Escohotado (en castelán). Consultado o 2023-04-27.