Ergac

Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGaC) é unha asociación de seis espazos radiofónicos independentes que emiten en Cataluña e Andorra en lingua galega.

HistoriaEditar

Constituíuse xuridicamente en asociación o día 22 de febreiro de 1993 coa aprobación dos seus estatutos por parte da Generalitat de Cataluña.

O verdadeiro "acto inaugural" desta asociación foi a primeira vez que acadaron xuntar nun programa de radio todas as persoas que en diferentes emisoras empregaban o galego como idioma de divulgación. Foi o domingo 14 de maio do 1989. Ata entón eran voces esparexidas pola xeografía catalana e desde aquel intre convertéronse en compañeiros. Naquel programa, sintonías e voces xuntáronse por riba de supostas rivalidades. Algúns dos que comezaron agora xa non se adican a este fermoso labor, pero que son nomes para esta historia: Paquita Álvarez quen conducía A Nosa Terra en Radio Florida (L'Hospitalet), Moncha Prieto en Galicia máis cerca en Radio Gramanet ou Ramón López con Sempre en Galiza de Radio Cornellà.[1]

A entidade ERGaC reuniu a comezos dos anos noventa ás persoas que estaban a facer radio en galego en distintas emisoras da cidade de Barcelona e da súa área metropolitana, e que consideraban positivo o vencellamento dos programas en que participaban. O obxectivo prioritario é o espallamento da cultura galega en Cataluña a través dos medios de comunicación. ERGaC procura pontenciar as múltiplas actividades lúdico-culturais xeradas polas entidades galegas en Cataluña, dándoas a coñecer a través das ondas, e ao mesmo tempo, informar a actualidade galega en Cataluña.[2] Cos cambios tecnolóxicos algunhas emisións pasaron a emitirse tamén a través de internet. En 2001 emitiu o curso de lingua O galego nas ondas, con guion e dirección de Camilo Valdehorras.[3]

Foi un dos colectivos que fundou en 2012 a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB).

ProgramasEditar

  • Morriña. Dirección de Manolo Piñeiro, con colaboración habitual de Toni Cotado no comentario de deportes. Creouse o 11 de setembro de 1990, pasou por varias emisoras como Radio Unión Catalunya e Exa Radio de Nou Barris. Foi o espazo radiofónico galego con máis horas de emisión.
  • Galicia algo máis. Pasou por diferentes xeiras. Entre 1994 e 2001 emitiuse en Radio Sants-Montjuïch baixo a dirección de Moncha Prieto, e despois de Xosé M. Sancho e mais Antón Fernández Escuredo. En 2003 Escuredo volve emitir o programa desde Sants3Ràdio cun equipo formado ademais por Martí Aviñoá, Xosé Manuel Conde ‘Xepe’, Raúl González e Suso Mon, quen asume a dirección en marzo de 2004, e conta con Ana Belén Real, Eduard del Castillo, Pablo Aguilar e Judith Vázquez. A partir de 2005 emitiuse a través de internet.[4]
  • Sempre en Galicia, en Ràdio Cornellà. Creouse en 1996 vencellado á Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro. Dirección de Ramón López e Xulio Cougil, sucesivamente.
  • Galicia no Vallés, Radio Mollet. Dirección de Isabel Ares. Creouse en 1981, vencellado á Irmandade A Nosa Galiza de Mollet del Vallès.
  • Aturuxos Bóla Extra, Ràdio Ciutat Vella. Dirección, entre outros, de Alberte Montes. Emitiuse entre 1996 e 2012.[5]
  • Galicia máis cerca, en R7P. Creouse o 14 de outubro de 2002, vencellado á Casa de Galicia de Andorra. Dirección de Xosé Luís Osorio.
  • Barcelona Atlàntica, en Ràdio Trinitat Vella. Dirección de Pablo Aguiar e Silvio Falcón, sucesivamente. Emitiuse entre 2007 e 2012.[5]

PublicaciónsEditar

  • 1994 Esa manía túa de…vivir en vresente, en homenaxe á finada compañeira Paquita Álvarez.
  • 2000-2017 editou o boletín A Micro Pechado (AMP), a única publicación das súas características, escrita en galego e en catalán, na Galiza exterior.

NotasEditar

  1. "ERGAC: As ondas de radio galegas en Cataluña". Vieiros. 1999-03-16. Consultado o 2019-04-25. 
  2. Ademais dos programas de ERGaC, existiron outros programas como A Nosa Galiza en Radio Miramar; A Nosa Terra, Galicia Máis Cerca e Camiño da Terra en Ràdio Gramanet; Galicia Connosco, en Ona Sants; Escoita Galicia, en Ràdio La Llagosta; Con agarimo, en Ràdio Llefià.
  3. "Comeza o curso radiofónico de ERGaC". Vieiros. 2001-01-18. Consultado o 2019-05-25. 
  4. "O programa de ERGAC 'Galiza algo máis' agora tamén pola rede". Vieiros. 2005-05-13. Consultado o 2019-04-25. 
  5. 5,0 5,1 "A Micro Pechado, n. 116" (PDF). 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar