Paragoxe

(Redirección desde «Epítese»)

A paragoxe é un fenómeno fonolóxico consistente na adición dun fonema ou son na posición final dunha palabra ou secuencia fónica. Este fenómeno, tamén chamado epítese, pode darse ó longo da historia dunha lingua ou sincronicamente en diferentes variedades diatópicas. Nalgunhas linguas é un recurso habitual na adaptación de estranxeirismos, así o inglés cement adaptouse en ganda como sementi[1].

A paragoxe en lingua galega editar

E paragóxico editar

O caso da adición dun "e paragóxico" é habitual no galego coloquial (e con máis liberdade aínda nas cancións tradicionais, para forzar a pronuncia paroxítona ou grave de xeito que a sílaba tónica sexa a penúltima) para verbos en infinitivo ou palabras rematadas en "-n", debido a que o galego foxe das sílabas trabadas polo seu pouco rendemento fonolóxico.

En si é un termo simple, pero que pode dar lugar a realidades que presentan lecturas moi diferentes. Cando a adición desa vogal na fala é de carácter sincrónico, considérase un vulgarismo:

Moito che gusta comere.

Porén, cando para a captación da mesma pode desenvolverse unha valoración estética, a paragoxe pode converterse nunha licenza poética que posibilita o metro regular e a rima, e que, en casos como este verso de Rosalía de Castro, achega a fala popular:

Todo é folgare.

Á hora de ser representada a paragoxe na escrita, reflíctese na mesma a lingua falada.

Exemplos editar

Exemplos de paragoxe son *traballare, *comere, *falare, *mare, *corazone e moitos outros.

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrincare.
Os amorciños primeiros
son moi malos de olvidare.
Cal das ondiñas do mare
morren bicando na area,
así, amantiña, contigo,
así finarme eu quixera.

Notas editar

  1. Herbert, Robert K. (2011). Language Universals, Markedness Theory, and Natural Phonetic Processes. Walter de Gruyter. p. 171.