Entroido de Xinzo de Limia

celebración do Entroido en Xinzo de Limia
Máscara de pantalla do Entroido de Xinzo de Limia (Museo de Artes e Tradicións Populares, Madrid).

O Entroido de Xinzo de Limia é unha celebración de orixe popular que se celebra en Xinzo de Limia durante o ciclo do entroido. En 2019 foi declarado Festa de interese turístico internacional de España.

CelebraciónsEditar

O entroido de Xinzo de Limia iníciase o sábado antes do domingo fareleiro co petardazo, no que se reúne a xente para facer a conta atrás do que vai ser o Entroido máis longo de España; no propio domingo fareleiro ten lugar a primeira batalla co farelo na praza Maior onde o pobo se divirte xogando e enchendo de farelos a toda xente que se atopa. A procesión do Meco ten lugar o seguinte sábado desde o Barrio de Abaixo, que ao escurecer sae pola rúa dos Viños acompañado con fachucos de palla e unha gran comitiva formada polo carro cos bois, touro, choqueiros, máscaras, cura, gaiteiros, apeiros de labranza e gandeiros con vestimenta tradicional ata a praza Maior onde se fai o "Colgamento do Meco".

O domingo oleiro celébrase na praza Maior o "Xogo da Ola", en que se pasan as olas de barro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); despois o xogo repítese no Barrio de Abaixo. O sábado de corredoiro é a noite das mulleres, que van disfrazadas e se reúnen para cearen en restaurantes ou en locais particulares.

O domingo corredoiro saen as pantallas. Desde o venres até o martes de entroido son os cinco días grandes, coa participación de charangas e bandas de gaitas locais. O venres é a quenda do desfile infantil, no cal os colexios de todos os arredores veñen desfilar polas rúas de Xinzo cos seus disfraces, que nalgún caso levan un tempo elaborándoos. O sábado de carnaval, xa dende case o mediodía, están as rúas amenizadas polas charangas, que van polas rúas tocando ata altas horas da noite, seguidas de grandes grupos de xente, nalgúns casos veñen doutros lugares de España e doutros países. Este martes ten lugar o desfile de entroido. O mércores de cinza ten lugar o enterro da sardiña, despois do sermón.

O ciclo péchase o domingo de piñata.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar