Abrir o menú principal


Ao norte da Comarca de Verín atópase unha pequena vila chamada Laza, que conta cunha das festas máis emblemáticas de Galicia e, sobre todo, da provincia de Ourense. Falamos do Entroido.

O Entroido de Laza é una festividade de carácter tradicional que se realiza durante os días anteriores ao mércores de Cinza na propia vila e está considerado como o entroido con maior antigüidade e esplendor de Galicia.

Este Entroido é o máis longo da provincia xa que comeza un mes antes do Domingo de estrea. Tres venres antes de que comece, a xente do lugar e dos arredores xúntanse para percorrer a aldea a ritmo dos chocos e dos bombos.

O xoves antes do tan desexado domingo todas as mulleres da aldea se xuntan para celebrar una cea onde os homes non teñen lugar, aínda que sempre se pode colar algún.

Seguindo coa tradición dos tres venres anteriores, no último venres tamén se celebra un folión, pero desta vez o máis grande de todos, coñecido como Folión grande. Neste día un home disfrazado de demo e situado nun altar de madeira percorre a aldea botando lume pola boca xunto cos fachóns incandescentes que portan os habitantes.

O sábado de Entroido está dedicado aos máis pequenos da casa, aínda que ningún adulto se resiste a participar. Neste día pola tarde na praza da Picota todos os participantes se somerxen nunha batalla branca, onde a fariña voa duns a outros ata tinguir a aldea e as xentes de branco.

E por fin chega o tan desexado Domingo de estrea para toda a xente do lugar e, sobre todo, para os peliqueiros. Ben cedo pola maña os mozos e mozas, homes e mulleres que van vestir o traxe comezan a prepararse. O peliqueiro é o personaxe principal do Entroido de Laza ao que todos veneran e respectan. Unha vez que están preparados e impolutos saen cara a praza da Picota para botar unas carreiras pola acera, onde estarán a gran parte do día, ademais de percorrer as casas dos veciños para saudalos. Sobre a media maña prodúcese a subida da bica do peliqueiro que, unha vez chega a Picota, reparten as galegas custodiadas polos peliqueiros.

O luns é denominado Luns borralleiro. Pola maña a praza da Picota convertese nunha batalla campal coa denominada farrapada, que consiste en trapos impregnados en barro que se van tirando uns contra outros. E pola tarde chega a baixada da morena, un personaxe que consta dunha cabeza de vaca feita de madeira dirixida por un home da aldea. Xunto a ela, baixan tamén as formigas recollidas polos mozos e mozas do lugar que, ao chegar a Picota, ás tiran a toda a xente que alí se atope.

E por último chega o martes de Entroido un día triste para toda a xente da aldea. Pola maña saen os peliqueiros máis veteranos a correr pola acera da praza, observados de cerca polos máis novos, que se fixan ben para saber como teñen que representar eles o traxe. Pola tarde xa se xuntan todos os peliqueiros do lugar para percorrer por última vez no ano a praza da Picota co traxe posto.

Entrada a noitiña, os peliqueiros van buscar ao testamenteiro e acompáñano ata a praza onde vai a ler o testamento que da por finalizado o Entroido por ese ano. O testamento, tamén chamado reparto do burro, trátase dunha serie de rimas que contan anécdotas que lles sucederon aos veciños do pobo entre un Entroido e outro.

Despois da lectura do testamento, os peliqueiros volven a subir por última vez ata a Picota onde se queima un boneco de palla que simboliza o enterro do Entroido. Dende ese momento, os peliqueiros corren pola beirarrúa ata ben entrada a noitiña facendo soar as súas chocas por última vez ata o ano que ven.

Véxase taménEditar