Enerxía escura
n cosmoloxía, a enerxía escura é unha forma hipotética de enerxía que estaría permeada no espazo, tendo unha forte presión negativa. De acordo coa teoría da relatividade, o efecto de tal presión negativa sería semellante, cualitativamente, a unha forza que axe en larga escala en oposición á gravidade. Tal efecto hipotético é frecuentemente utilizado por diversas teorías actuais que tentan explicar as observacións que apuntan a un universo en aceleración, así como para explicar a porción significativa de masa en falta no universo.
Os datos das sondas COBE e WMAP sinalan que o universo está formado nun 5 % de materia e enerxía ordinarias, nun 25 % de materia escura (que xera gravidade, consonte os datos obtidos da rotación das estrelas nas galaxias), e nun 70 % de enerxía escura (que mantén a súa densidade fixa no universo, a diferenza da materia e enerxía ordinarias que se dilúen pola expansión do universo), datos tamén confirmados polo experimento BOOMERanG.
Hoxe en día propóñense dúas hipóteses explicativas posíbeis para a enerxía escura: a constante cosmolóxica (unha densidade enerxética que preenchería o espazo de forma homoxénea) e a "quintesencia" (un campo dinámico cuxa densidade enerxética podería variar no tempo e no espazo). Optar por unha destas dúas alternativas presuporá medidas rigorosas da expansión do universo para comprender de que forma varía co tempo a velocidade da expansión. A taxa de expansión é parametrizada pola ecuación de estado cosmolóxica.
Descuberta da enerxía escura
editarAínda que foi Albert Einstein o que postulou no século XX a existencia dunha enerxía á que chamou constante cosmolóxica, e que despois desdeñou coma un dos seus maiores erros, non sería ata o ano 1998 cando dous equipos científicos demostraron a expansión acelerada do universo e polo tanto a existencia da chamada enerxía escura. Un deles chamado "Proxecto Cosmolóxico Supernova"(Supernova Cosmology Project) dirixido por Saul Perlmutter no Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley (Estados Unidos); e o outro chamado "Equipo de Busca de Supernovas de Alto Z" (High-z Supernova Search Team) dirixido por Brian Schmidt da Australian National University en Weston Creek (Australia), e no que tamén traballa Adam G. Riess da Jhons Hopkins University e do Space Telescope Science Institute de Baltimore (Estados Unidos). Ambos os equipos estudando as explosións de supernovas de tipo IA -como candelas estándar- descubriron de xeito independente a expansión acelerada do universo, isto é a separación entre os obxectos do universo aumenta de xeito exponencial en todas as direccións. Dende entón, a aceleración tense confirmado por outras fontes: medidas do fondo cósmico de microondas, lentes gravitacionais, nucleosínteses primixenias de elementos lixeiros, estrutura a grande escala do universo, medidas melloradas de supernovas IA, todas elas teñen sido consistentes co modelo Lambda-CDM. Saul Perlmutter, Brian P. Schmidt, e Adam G. Riess foron galardoados co Premio Nobel de Física no ano 2011 polo descubrimento da expansión acelerada do universo.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Resultados do "Proxecto Cosmolóxico Supernova" (en inglés)
- Resultados do ""Equipo de Busca de Supernovas de Alto Z" (en inglés)
Este artigo sobre astronomía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |