Emberiza aureola é unha especie de ave paseriforme da familia dos emberícidos que se encontra en Eurasia. O nome común que se lle deu a esta ave é escribenta[2] aureolada.[3][4] (ou escribente[5][6] aureolado). O nome do xénero Emberiza procede do alemán antigo Embritz, un escribente. O nome específico aureola é a palabra latina para "dourada".[7] En Galicia esta ave pode aparecer como visitante accidental moi rara. A chamada da ave é un distintivo zick, e a súa canción é un claro tru-tru, tri-tri.

Ovos de Emberiza aureola MHNT

Ata 2004, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considerábao como unha especie en estado pouco preocupante en canto á súa conservación. Desde 2004, foi gradualmente elevado ao status de especie en perigo crítico debido á súa rápida caída en tamaño de poboación.[1] Está suxeita a unha forte presión na China, xa que a maioría dos espécimes pasan por ese país durante a súa emigración.[8]

Descrición editar

É un pequeno paxaro, de 14 a 16 cm de lonxitude, e de 17 a 26 g de peso. No conxunto das especies do seu xénero é bastante grande e robusto.[9]

O macho reprodutor ten as partes inferiores dunha rechamante cor amarela con liñas negras no flanco, parte superior marrón, cara negra e barra escura na gorxa e unha mandíbula rosa. A femia ten un dorso marrón agrisado con moitas liñas, e estas son menos intensas nas partes inferiores amarelas. A femia ten unha cara abrancazada cun píleo escuro, e liñas no ollo e meixela. Os xuvenís son similares, pero a cor de fondo das partes inferiores e cara é beixe.

Distribución e hábitat editar

Reprodúcese no nordeste de Europa e ao longo do norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna no sueste de Asia, India e sur da China. É unha ave errante rara pero regular en Europa occidental, e algúns exemplares visitan Galicia. Hai tamén ~4 rexistros nas illas Aleutianas de Alasca e un rexistro de 2017 no Labrador, Canadá. A especie inverna en grandes bandadas en áreas cultivadas, campos de arroz e praderías, e prefire pousarse en campos de arroz.[1]

Reprodución editar

Reprodúcese en áreas de matogueira aberta que constan de campos de arroz secos para comer e con xuncos para pousarse, a miúdo preto da auga, e está presente en Siberia. Pon de catro a seis ovos nun niño construído no chan. O seu alimento son insectos cando a ave é xove e despois sementes.

Conservación editar

As poboacións desta especie declinaron rapidamenre desde a década do 2000, e a especie é agora considerada en perigo crítico. O declive da especie foi causado probablemente por unha substancial captura de espécimes durante a súa migración, especialmente nos seus sitios de invernación. As aves son espantadas e capturadas en redes para ser vendidas para o seu consumo como "pardais" ou "paxaros do arroz". Aínda que estas accións estaban restrinxidas a unha pequena área do sur da China, estase facendo cada vez máis popular como alimento para aumentar a saúde, e os cazadores viaxan agora longas distancias para encontrar paxaros suficientes. Os cambios nas prácticas da rega dos campos de arroz reduciron a calidade e cantidade de hábitats para a invernada, incluíndo a perda de restrollo en zonas acuáticas e a perda de xunqueiras, que reduciu os sitios dispoñibles para pousarse.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2017). "Emberiza aureola". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2017: e.T22720966A119335690. doi:10.2305/IUCN.UK.2017-3.RLTS.T22720966A119335690.en. Consultado o 15 January 2018. 
  2. Nota: o DRAG non acepta escribenta como paxaro, senón escribente ou escribidora e o Digalego só escribente.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  5. Dicionario Digalego escribente Arquivado 09 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribente.
  7. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. pp. 62, 145. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. "abundant bird species could be wiped out like passenger pigeons". Consultado o 9 June 2015. 
  9. Brazil, Mark (2009). Birds of East Asia. London, UK: Christopher Helm. p. 488. ISBN 978-0-7136-7040-0. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • OBC 24 fotografías (ver menú ao final da páxina)