Elias Canetti
Elias Canetti, nado en Rustschuk, agora chamada Ruse, na actual Bulgaria, o 25 de xullo de 1905 e finado en Zürich o 14 de agosto de 1994, foi un escritor e pensador en lingua alemá, Premio Nobel de Literatura en 1981.
Traxectoria
editarCanetti era fillo dunha familia comerciante xudía de orixe sefardí (o seu apelido provén de Cañete, localidade da Cuenca). Viviu na actual Bulgaria ata que en 1911 se trasladou a Gran Bretaña, máis precisamente á cidade de Manchester, onde tomou contacto coas mellores obras da literatura universal. Desde neno dominaba o búlgaro, o alemán e o sefardí, idioma que asociaba a fortes recordos da infancia. Morto o seu pai, ao ano seguinte a familia emigrou a Viena, onde viviu a primeira guerra mundial e enorgullécese cos seus pequenos amigos de ser "británico antes que austríaco". Unha vez instalado en Austria, utilizará o alemán principalmente.
Tras pasar por Zürich e Alemaña, regresou de novo a Viena en 1924 como estudante de Ciencias Químicas, licenciándose en 1929. Porén, a súa gran paixón era a literatura, a cuxo estudo se dedicaba en Suíza. Durante a súa estancia en Viena, contraeu matrimonio coa tamén escritora Veza Taubner, e redactou as súas primeiras obras: Die Hochzeit, Komoedie der Eitelkeit e Die Blendung. En 1938, logo da Noite dos cristais rotos en Austria, Canetti trasladouse a Londres, obtendo a cidadanía británica en 1952. En Gran Bretaña viviu pobremente traballando nunha das súas obras magnas, Masse und Macht, influído notablemente pola Alemaña nazi que puidera ver de cerca.
Incómodo coa mentalidade e os costumes ingleses, mostrouse moi crítico coa intelectualidade do país, como describe no seu libro Party im Blitz. Foi amante da novelista británica Iris Murdoch, de quen deixou neste libro un retrato inmisericorde. A partir da década de 1970 viviu en Zürich ata a súa morte, acontecida o 14 de agosto de 1994. En 1971, tras a morte da súa primeira esposa, casa coa restauradora de arte Hera Buschor, de quen ten unha filla. En 1972 recibiu o Premio Georg Büchner, a máis importante distinción literaria en lingua alemá, e en 1981 o Premio Nobel de Literatura. Entre os fundamentos da entrega do Nobel menciónase o seu estudo dos movementos de masas e, de xeito especial, da brutalidade do nacionalsocialismo xermano e das ditaduras en xeral. O conxunto da súa obra persoal non poderá ser coñecido ata o 2024 polas súas propias disposicións testamentarias.
Obra
editar- 1932: Die Hochzeit (A Voda)
- 1934: Komoedie der Eitelkeit (A Comedia das Vaidades)
- 1935: Die Blendung (Auto de Fe)
- 1956: Die Befristeten
- 1960: Masse und Macht (Masa e poder)
- 1965: Aufzeichnungen 1942-48
- 1968: Die Stimmen von Marrakesch (As voces de Marrakesch)
- 1969: Der andere Prozess (O outro proceso de Kafka)
- 1972: Die Provinz des Menschen Aufzeichnungen
- 1974: Der Ohrenzeuge. Fuenfzig Charaktere
- 1975: Das Gewissen der Worte
- 1977: Die Gerettete Zunge
- 1980: Die Fackel im Ohr
- 1985: Das Augenspiel
- 1987: Das Geheimherz der Uhr: Aufzeichnungen
- 1992: Die Fliegenpein
- 1994: Nachträge aus Hampstead
- 2003: Party im Blitz; Die englischen Jahre, obra póstuma
- 2005: Aufzeichnungen für Marie-Louise, obra póstuma