A dorsal de Chile, ou levantamento occidental chileno, é unha dorsal oceánica ou cordilleira submarina situada na área do Pacífico sur. Despréndese como póla da gran dorsal do Pacífico Oriental, ao sur da illa de Pascua, na mesma área en que arrinca a dorsal de Nazca.[1] Esténdese en zigzag en dirección sueste por unha extensión de 3500 km, de xeito que actúa como límite entre dúas placas tectónicas, a placa de Naza, ao norte da dorsal, e a placa antártica, ao sur. O levantamento chega ata as inmediacións da costa de América do Sur, perdéndose na fosa do Perú-Chile, fronte á península de Taitao, no Triplo Punto de Chile. Alí, onde se atopan tres placas (Nazca, Antártica e Suramericana), a dorsal entra en subdución baixo a placa Suramericana.[2] Esta subdución coincide co movemento das placas separadas pola dorsal de Chile, pois tanto a placa de Naza como a placa antártica presentan a mesma tendencia xeral, mais coa distinción de que a placa de Nazca se move cunha velocidade de 8 cm ao ano en dirección nordés, mentres que a placa antártica se despraza 2,4 cm ao ano en sentido leste.[3]

A dorsal de Chile.

Esta dorsal non acada altitude suficiente como para aflorar sobre o nivel do mar formando illas. O relevo desta cordilleira submarina é accidentado, formando vales irregulares e montes submarinos. Unha das formacións máis notables da dorsal é a zona de fractura de Valdivia (ZFV), unha falla transformante, que corre de leste a oeste, integrándose como parte da dorsal á mesma latitude da cidade chilena que lle dá nome. Esta zona de fractura pasa os límites da propia dorsal, proxectándose, ao leste, ata as proximidades da costa de Valdivia e, ao oeste, ata a área do monte submarino Panov e o guyot Markov. Varias outras zonas de fractura atravesan a dorsal de xeito relativamente paralelo, entre outras a zona de fractura de Chiloé, a zona de fractura de Guafo, a zona de fractura de Gamblin, a zona de fractura de Darwin e a zona de fractura de Taitao, que se interseca coa cordilleira submarina no punto triplo de Chile, no límite sueste da dorsal.[4] A dorsal presenta abundante actividade sísmica. A súa existencia fora predita antes de que se confirmase por medio de sondaxes de profundidade.[5] A uns 175 km ao suroeste do límite oeste da intersección entre a zona de fractura de Guafo e a dorsal de Chile atópase a formación illada denominada banco de Karasev, outro dos principais fitos do relevo submarino da zona.

  1. Ana María Errázuriz. Manual de geografía de Chile. Andres Bello, Santiago, 1998, páx. 118-119.
  2. Russo, Ray (2010-01-01). "Subduction of the Chile Ridge: Upper mantle structure and flow". GSA Today. 
  3. Kelly McGuire. Tectonics of South America: Chile Triple Junction. 2004 (en inglés)
  4. DUHART, Paul y ADRIASOLA, Alberto C. New time-constraints on provenance, metamorphism and exhumation of the Bahía Mansa Metamorphic Complex on the Main Chiloé Island, south-central Chile. Rev. geol. Chile [online]. 2008, vol.35, n.1 [citado 2013-12-03], páx. 79-104.
  5. "Chile Rise". Encyclopædia Britannica (en liña)