Don Juan Tenorio

Don Juan Tenorio: drama religioso-fantástico en dos partes é unha peza teatral publicada en 1844 por José Zorrilla.[1] Debedora de El burlador de Sevilla y convidado de piedra (1630), obra atribuída a Tirso de Molina, ambas constitúen as dúas principais materializacións literarias en lingua española do mito de Don Juan.[2][3]

Don Juan Tenorio
Tenorio 1922.jpg
AutorJosé Zorrilla
Xéneroromantic drama
Ambientada enSevilla
Lugar de estreaTeatro de la Cruz
Data de estrea28 de marzo de 1844
editar datos en Wikidata ]

PersonaxesEditar

  • Don Juan Tenorio
  • Don Luis Mejía, o galán rival de Don Juan Tenorio
  • Don Gonzalo de Ulloa, comendador de Calatrava
  • Don Diego Tenorio, pai de Don Juan
  • Dona Inés de Ulloa, filla do comendador e prometida de Don Juan
  • Marcos Ciutti, criado de don Juan
  • Gastón, criado de don Luis
  • Buttarelli, propietario da hostería de El Laurel
  • Brígida, serventa de Dona Inés no convento
  • Dona Ana de Pantoja, prometida de Don Luis Mejía
  • Pascual, servente da familia Pantoja
  • Lucía, serventa da familia Pantoja
  • A abadesa das Calatravas de Sevilla
  • A irmá torneira das Calatravas de Sevilla
  • O capitán Centellas, amigo de Don Juan Tenorio
  • Don Rafael de Avellaneda
  • A estatua de Don Gonzalo (o convidado de pedra)
  • A sombra
  • Dous alguacís
  • Escultor

ArgumentoEditar

A acción transcorre na Sevilla de 1545, nos últimos anos do rei Carlos I.[4] Está dividida en dúas partes.

Primeira parteEditar

A obra ten lugar na noite de Entroido. Había un tempo, don Juan e don Luís Mejía fixeran unha aposta dobre sobre «quen de ambos sabía obrar peor con mellor fortuna no prazo dun ano» e «quen dos dous se batía en máis duelos e quen seducía máis doncelas». A historia comeza un ano despois desa aposta. Don Luís Mejía e don Juan vólvense atopar en Sevilla, onde comparan as súas fazañas. Os rivais contan os mortos en batalla (23 de Don Luís e 32 de Don Juan) e as mulleres seducidas (56 de Don Luís e 72 de Don Juan), co que Don Juan resulta vencedor. Con todo, Don Luís vólve desafiar a don Juan dicíndolle que só lle falta na lista «unha noviza que estea para profesar». Don Juan vólvelle apostar a Don Luís non só que conquistará unha noviza, senón que tamén lle quitará a súa prometida, Dona Ana de Pantoja. Don Luís, ante as palabras do outro, envía o seu criado, Gastón, a avisar á xustiza. Don Juan fai o mesmo co seu, Ciutti.

O desafío chega a ouvidos do comendador Don Gonzalo de Ulloa, pai de dona Inés. A moza, que levaba no convento das Calatravas desde a infancia, estaba destinada a casar con Don Juan. Porén, ante os feitos, Don Gonzalo desfai o acordo matrimonial.

Á hostería chegan dúas roldas de alguaciles que arrestan os dous nobres. Don Luís logra saír do cárcere e vaille suplicar a Dona Ana que se manteña firme ante Don Juan, quen irá tras ela. Don Juan tamén sae e na rúa da casa de Dona Ana fai encerrar a Don Luís. Despois conversa con Brígida, a beata comprada do convento, quen lle explica como entrar no convento sen ser visto. Para acabar de asegurar a aposta, Don Juan suborna a Lucía, a serventa de dona Ana, para que abra as portas da casa ás dez da noite.

Namentres, Dona Inés le unha carta de Don Juan en que este lle declara abertamente o seu amor. Ao rematar, Don Juan entra na cela, o que provoca que ela se desmaie, e Don Juan tomáa e lévaa á súa casa. Don Gonzalo chega tempo despois a contarlle á abadesa que a serventa de dona Inés está comprada, e teme polo seu benestar. Aparece entón a irmá torneira, quen anuncia a desaparición de Dona Inés. Na casa de Don Juan, Dona Inés cae nas redes do galán. Unidos polo seu amor, están dispostos a todo.

Nese momento chega Don Luís, quen quere matar a Don Juan. Pouco despois chega don Gonzalo con xente armada. Don Juan manda a don Luís esperar nun cuarto próximo. Don Juan humíllase ante don Gonzalo e suplícalle pola súa filla a cambio de probas que el mesmo dispón, mais Don Gonzalo négase. Don Luís sae do cuarto e tenta aliarse co comendador para mataren a Don Juan. Finalmente, resulta ser este último o asasino, pois mata a Don Gonzalo dun balazo e a Don Luís dunha estocada. Don Juan foxe de Sevilla nun bergantín cara a Italia.[5]

Segunda parteEditar

Cinco anos despois, Don Juan volve a Sevilla. Buscando o antigo palacio da familia Tenorio, atopa no seu lugar o cemiterio onde están enterrados Don Luís, o Comendador e o resto das vítimas mortas a mans del. Mentres admira as estatuas, don Juan descobre un sepulcro inesperado, o de Dona Inés. A moza morrera de dor ao comprender que Don Juan e ela xamais volverían estar xuntos malia amárense profundamente.

Chegan ao lugar Centellas e Avellaneda, dous vellos amigos de Don Juan. Este convídaos a cear na súa casa xunto co espírito de Don Gonzalo, de onde vén a idea de que Zorrilla puido basearse no Convidado de Pedra de Tirso de Molina. Mentres se atopan ceando, aparece o espectro do Comendador co obxectivo de conducir a Don Juan ao inferno. Con todo, Dona Inés intercede e logra que ambos suban ao ceo entre unha apoteose de anxos e cantos celestiais.

Lugares onde a obra ten acciónEditar

  • Hostería de El Laurel: a taberna en que don Juan e don Luís acordaran reunirse un ano despois da súa aposta. Alí desenvólvese case todo o acto I da obra. É propiedade de Cristófano Buttarelli.
  • Rúa da casa de Dona Ana: Don Luís Mejía pídelle a Dona Ana que lle permita acceder á súa casa para defender a súa virtude das pretensións de Don Juan. Porén, é encerrado nunha adega, o que permite que Don Juan realice a súa parte da aposta.
  • Convento da Virxe: onde Dona Inés leva recluída desde o seu nacemento.
  • Quinta de Don Juan: onde é levada Dona Inés tras desmaiarse no convento. Nesta casa don Juan mata a don Gonzalo de Ulloa e a Don Luís Mejía.
  • Cemiterio: o que antes fora o palacio da famillia Tenorio. Alí Don Juan atópase co autor das estatuas e intimídao para que lle dea as chaves do cemiterio. Alí tamén suceden acontecementos sobrenaturais: as estatuas cobran vida, as sombras falan etc.
  • Casa de Don Juan: Don Juan convida a cear alí aos seus amigos Avellaneda e Centellas.

Características románticasEditar

  • Lugares sombríos: utilízase un lugar tenebroso e solitario, o cemiterio, onde cobran vida as esculturas.
  • Amor imposíbel: entre Don Juan e Dona Inés. Este fai que Dona Inés morra de pena por non poderen estar xuntos, pois Don Juan fuxiu a Italia tras matar a Don Gonzalo e a Don Luís.
  • Os protagonistas: o heroe é é solitario e de familia nobre, propio do seu tempo. Oponse á tradición medieval, encarnada por Don Gonzalo. A heroína cumpre cos canons físicos e espirituais e representa a inocencia e a virtude cristiás.
  • Final tráxico: a morte dos dous namorados.
  • Natureza dinámica: as accións suceden case sempre pola noite.
  • Misterio: as estatuas cobran vida, as sombras falan e dáse unha visión idealizada do ceo e do inferno.
  • Predominio do sentimento sobre a razón: Dona Inés estaba realmente namorada de Don Juan e tentaba evadir os seus sentimentos cara a el.
  • Amor e arrepentimento: ao final, Dona Inés salva a Don Juan. Este, amais, acaba por arrepentirse.
  • Outros: pelexas na rúa e uso de antefaces.

NotasEditar

  1. Morales Vega, José Antonio; Muñoz Marquina, Francisco; Sarrión Mora, Miguel Ángel (2011). "Los textos dialogados". Lengua Castellana y Literatura (Akal ed.). Madrid: Akal Sociedad Anónima. p. 178. ISBN 9788446033677. 
  2. «Don Juan Tenorio». Aula El Mundo. Consultado el 15 de decembro de 2011.
  3. Paul Bitternut: «Don Juan Tenorio de José Zorrilla». Lenguas de Fuego, revista de cultura. Publicado o 6 de novembro de 2005. Consultado o 15 de decembro de 2011.
  4. Sevilla en el s. XVI, en Commons.
  5. Don Juan Tenorio. Guía de lectura y actividades. Junta de Andalucía. Consultado o 15 de decembro de 2011.

Ligazóns externasEditar