Desoxiuridina difosfato

composto químico
(Redirección desde «Difosfato de desoxiuridina»)

A desoxiuridina difosfato ou difosfato de desoxiuridina, abreviado como dUDP, é un nucleótido que non forma parte dos ácidos nucleicos e que ten como misión intervir na biosíntese de nucleótidos. A molécula está formada polo azucre desoxirribosa enlazado coa base nitroxenada uracilo por enlace N-glicosídico entre o carbono 1' do azucre e o nitróxeno en posición 1 da base, e un grupo de dous fosfatos esterificado no carbono 5', os cales están unidos entre si por enlace anhidro.

Difosfato de desoxiuridina.

Os nucleótidos con uracilo teñen normalmente ribosa, polo que son ribonucleótidos, e o UMP é o nucleótido distintivo do ARN. Non obstante, o dUDP, aínda que pouco común, existe tamén na célula e a súa misión é intervir como intermediario da síntese do desoxirribonucleótido dTMP (ás veces chamado TMP). Tamén existe na mesma ruta metabólica o dUMP. As reaccións nas que están implicados son as seguintes [1]:

UDP + tiorredoxina reducida dUDP + tiorredoxina oxidada + H2O
dUDP + H2O dUMP + Pi
dUMP + N5N10-metilentetrahidrofolato dTMP + dihidrofolato

Notas editar

  1. Lehninger A. Principios de bioquímica. (1988). Omega. Páxina 633. ISBN 84-282-0738-0

Véxase tamén editar

Outros artigos editar