Dialecto suletino

O suletino ou zuberera é un dialecto da lingua éuscara particular que se fala en Sola (Zuberoa, Xiberoa ou Soule, a máis pequena das sete provincias vascas históricas, situada ao nordeste do histórico País Vasco, en Francia). Ten varias particularidades lingüísticas e fonéticas que o fan singular. A súa fonética estivo marcadamente influenciada polo gascón. Por exemplo, o e pronúnciase i e o o, u cando preceden a unha vogal. O ü (acentuado) pronúnciase como o u francés, aínda que se pode converter en i por disimilación vocálica (ex: gaü, 'noite' > gaia, 'a noite'). Este ü é característica única da fonética suletina con respecto do resto das variedades. Tamén posúe sibilantes sonoras, característica compartida co antigo dialecto roncalés, xa extinto.

Extensión dos dialectos do éuscaro.

O suletino tamén ten particularidades léxicas e na declinación.

Algunhas particularidades lingüísticas suletinas
Lingua galega Éuscaro batua Suletino
Adverbios nunca sekulan sekülan
a miúdo maiz, usu üsü
Adxectivos ben ongi hunki, ontsa
bonito polit eijer
Verbos suceder gertatu agitü
haber ukan üken
terminar bukatu ürrentü
vir etorri jin
Nomes cociña sukalde sükalte
flor lore lili
lugar alde, leku atze, lekü
montaña mendi bortü, borthü
choiva euri ebi
poeta bertsolari koblakari
sol eguzki/eki eki, ekhi
saída irteera, atera elki
Soa Zuberoa Xiberoa

Actualmente, máis do 60 % dos 16.000 suletinos son vascófonos, pero a diminución do número dos que o falan entre os mozos e a falta de empregos poden ser a longo prazo un risco para o mantemento da lingua en Zuberoa. Con todo, o traballo efectuado polas asociacións culturais nas que moitos mozos están implicados permite que o dialecto se manteña a pesar da estandarización da lingua co batua, que non parece estar influíndo na desaparición do suletino. A arraigada tradición do teatro popular utilizouse nestes últimos anos como unha forma de cohesionar ás comunidades (pastorais e mascaradas), que sofren un preocupante descenso demográfico. As obras represéntanse en éuscaro e convértense en actos de reafirmación da identidade suletina.

Seguen a publicarse obras na forma literaria desta variedade, sendo os escritores mais soados Itxaro Borda e o académico e dramaturgo Jean Louis Davant. Os músicos Niko Etxart e o grupo Guk, entre moitos outros, cantan en éuscaro suletino. Posúe unha rica tradición lírica de gran prestixio entre os vascos, recompilada e dada a coñecer no País Vasco español a partir dos anos 60 e 70.

Véxase tamén

editar