Os damocloides son planetas menores do Sistema Solar como 5335 Damocles e 1996 PW que pertencen á familia Halley ou teñen períodos longos con grandes órbitas excéntricas típicas dos cometas periódicos coma o Halley, mais sen mostrar unha cola. David Jewitt define damocloide como un obxecto cun parámetro de Tisserand relativo a Xúpiter TJ ≤ 2.[1] Isto pode definirse como (q < 5.2 AU, a > 8.0 AU, e excentricidade e > 0.75) ou i > 90 graos,[2] mais esta definición que non se fixa en Xúpiter exclúe obxectos como (127546) 2002 XU93, 2003 WG166 e 2004 DA62.[3]

Usando o parámetro de Tisserand (T-Xúpiter ≤ 2) existen noventa e seis candidatos a damocloides.[4] Destes, setenta e catro teñen arcos de observación orbital maiores de trinta días, o que produce órbitas razoablemente decentes.[5][1] O seu raio medio é de oito quilómetros asumindo un albedo de 0,04. Medíronse os albedos dos catro damocloides e están entre os obxectos coñecidos máis escuros do Sistema Solar. Os damocloides teñen cor avermellada, pero non tanto como a maioría dos obxectos do cinto de Kuiper ou os centauros.

Outros damocloides son 2013 BL76, 2012 DR30, 2008 KV42, (65407) 2002 RP120 e 20461 Dioretsa. Obxectos retrógrados como o cometa Halley e o damocloide (343158) 2009 HC82 poden ter velocidades relativas á terra de 81 km/s (290 000 km/h).[6]

Orixe editar

Pénsase que os damocloides poden ser núcleos de cometas do tipo Halley que perderon os materiais volátiles debido á desgasificación e se converteron en cometas dormentes. Eses cometas probablemente se orixinaron na nube de Oort. Esta hipótese está reforzada polo feito de que algúns obxectos que se cría que eran damocloides (e que foron clasificados provisionalmente como planetas menores) mostraron despois unha cola cometaria e confirmouse que eran cometas. Este foi o caso de C/2001 OG108 (LONEOS), C/2002 CE10 (LINEAR), C/2002 VQ94 (LINEAR) e C/2004 HV60 (Spacewatch). Outro indicativo da orixe cometaria é o feito de teren algúns damocloides órbitas retrógradas, a diferenza doutros planetas menores. Os obxectos cunha inclinación de entre noventa e cento oitenta graos teñen órbita retrógrada e oposta á doutros obxectos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Jewitt, David (agosto de 2013). "The DAMOCLOIDS". UCLA, Department of Earth and Space Sciences. Consultado o 14 de febreiro de 2014.  (lista de 2013 / lista de 2011 / lista de 2010)
  2. Akimasa Nakamura and bas (2 de maio de 2009). "List of Damocloids (Oort cloud asteroids)". Lowell Observatory. Consultado o 9 de febreiro de 2011. [Ligazón morta]
  3. Jewitt, David (2005). "A first look at the Damocloids" (PDF). The Astronomical Journal 129 (1): 730–538. Bibcode:2005AJ....129..530J. doi:10.1086/426328. Consultado o 13 de febreiro de 2011. 
  4. "JPL Small-Body Database Search Engine: asteroids and T-Jupiter <= 2". JPL Solar System Dynamics. Consultado o 14 de febreiro de 2014.  Os parámetros de busca empregados son: limitados por tipo ou grupo de obxecto: asteroides con T-Xúpiter <= 2
  5. "JPL Small-Body Database Search Engine: asteroids and T-Jupiter <= 2 and data-arc span > 30 (d)". JPL Solar System Dynamics. Consultado o 14 de febreiro de 2014. 
  6. "NEO Close-Approaches (Between 1900 and 2200)". NASA/JPL Near-Earth Object Program. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2020. Consultado o 22 de xuño de 2012. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar