Dagmar Ingrid Hagelin, nada o 29 de setembro de 1959 en Buenos Aires e desaparecida o 27 de xaneiro de 1977 en El Palomar, Provincia de Buenos Aires, foi unha moza arxentino-sueca ferida e secuestrada por forzas militares ao mando do ex capitán da Mariña Alfredo Astiz, durante a ditadura chamada Proceso de Reorganización Nacional (1976-1983) e desaparecida desde entón. Hai testemuños de persoas que a viron con vida no centro clandestino de detención ESMA. O feito xerou un escándalo internacional que levou case ao rompemento de relacións diplomáticas entre Suecia e a Arxentina. Pola súa vida pediron persoalmente o presidente dos Estados Unidos, James Carter, e o Papa Xoán Paulo II.

Dagmar Hagelin
Nacemento29 de setembro de 1959
Lugar de nacementoBuenos Aires
Falecemento27 de xaneiro de 1977
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeArxentina
EtniaSwedish Argentines
Ocupaciónestudante
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Dagmar Hagelin vivía en Buenos Aires coa súa nai e o esposo desta, Edgardo Waissman, avogado defensor de presos políticos. O seu pai, Ragnar Hagelin, de pais suecos, nacera en Chile e estaba nacionalizado arxentino (en 1989 adquiriu a nacionalidade sueca).

Existen poucos datos sobre a vida de Dagmar. Algúns testemuños recórdana como "una atleta avanzada" [1]. O seu pai a lembra como:

...una chica llena de vida y de ilusiones; no estababa lejos de la edad de las muñecas; ella creía en la vida, en el amor, en la magia de las cosas cotidianas.[2]

En 1977 Dagmar Hagelin estaba vivindo nunha pensión situada na rúa Bermúdez N° 5261, Villa Bosch, partido de Tres de Febrero[3].

O seu secuestro editar

Durante as vacacións de verán de 1975 Dagmar trabara amizade en Villa Gesell con Norma Burgos, muller de Carlos Caride, un importante xefe da organización guerrilleira Montoneros. A relación produciuse a través do padrasto de Dagmar, Edgardo Waissman, quen fora defensor de Carlos Caride en 1974.

O serán do 26 de xaneiro de 1977 un Grupo de Tarefas da Escuela de Mecánica de la Armada (ESMA), comandado polo entón tenente Alfredo Astiz, detivo na rúa a Norma Burgos. Este procedemento foi rexistrado nunha acta pola policía de Morón, mostrada ao día seguinte ao pai de Dagmar[4].

Esa mesma noite o grupo achandou a vivenda de Burgos, situada na rúa Sargento Cabral 317 de El Palomar (Gran Buenos Aires) onde vivía cos seus pais. Interrogada polos militares, Norma Burgos dixo que ao día seguinte recibiría a visita de Maria Antonia Berger, unha importante dirixente do grupo Montoneros da zona oeste e parte do grupo quedou a esperala.

O 27 de xaneiro de 1977, ás 8:30 da mañá, Dagmar Hagelin foi a visitar a Norma Burgos na súa casa. Os militares confundírona con María Antonia Berger, debido ao seu tipo nórdico, e apuntáronlle coas armas dándolle a orde de alto. A resposta de Dagmar foi saír correndo pola rúa Pampa. Na súa persecución foron Astiz e o cabo Peralta, quen lle reiteraron a orde de alto antes de dispararlle. Dagmar recibiu entón unha bala na cabeza disparada por Astiz, caendo boca abaixo sobre a beirarrúa. As forzas de seguridade detiveron entón un taxi Chevrolet, chapa-patente C-086838, conducido por Jorge Eles, onde Dagmar Hagelin foi introducida no maleteiro. Segundo as numerosas testemuñas que presenciaron a acción, Dagmar atopábase viva e consciente, pois intentou frear coas súas mans a tapa do maleteiro antes de pecharse.

A súa desaparición editar

Ragmar Hagelin, o pai de Dagmar, comezou a preocuparse pola súa filla ese mesmo mediodía, cando non chegou para xantar. O pai de Norma Burgos e os veciños contáronlle o acontecido. O Sr. Hagelin dirixiuse entón á Subcomisaría do Palomar onde o Subcomisario Rogelio Vázquez informoulle que «había sido un operativo oficial de las Fuerzas Armadas». Esa mesma noite dirixiuse á central policial de Morón onde o Xefe da Policía lle mostrou un acta do día anterior onde constaba que a Mariña pedira "area libre", informándolle que se trataba dun grupo da ESMA. Ao día seguinte, á primeira hora, Ragmar Hagelin denunciou o feito na Embaixada de Suecia, intervindo o embaixador Bertie Kollberg, quen confirmou persoalmente que Dagmar fora detida polas Forzas Armadas coa policía de Morón e o Ministerio de Relacións Exteriores[4].

A partir dese momento, a pesar da incansábel labor do seu pai, todas as xestións ante o goberno arxentino para establecer o paradoiro e obter a liberación de Dagmar serían inútiles e intencionalmente demoradas ou obstruídas polas autoridades militares. Non só o primeiro ministro sueco esixiu que se informase sobre a situación de Dagmar Hagelin, senón tamén persoalmente o presidente dos Estados Unidos James Carter e o Papa Xoán Paulo II, sen obter resultado algún.

Por este motivo Suecia chegou a retirar o seu embaixador en Buenos Aires e a piques de interromper relacións diplomáticas coa Arxentina.

En xullo de 1977 o réxime militar intentou soster que Dagmar Hagelin era en realidade unha guerrilleira pertencente a Montoneros que se atopaba prófuga[5].

A desaparición de Dagmar Hagelin xunto coas das monxas francesas Léonie Duquet e Alice Domon tiveron, desde un primeiro momento, un grande impacto na opinión pública mundial e constituíronse como casos testemuña para o coñecemento no exterior do estado de violación masiva de dereitos humanos que se estaba producindo na Arxentina.

A súa procura editar

Ragmar Hagelin buscou á súa filla e esixiu que se castigase aos culpábeis do seu secuestro e seguro asasinato sen cesar desde o mesmo día da súa desaparición.

En novembro de 1979 a opinión pública mundial coñeceu por primeira vez testemuños directos dos campos de concentración na Arxentina, a través das declaracións de tres liberadas que habían estado na ESMA: Ana María Martí, Alicia Milia de Pirles e Sara Solarz de Osatinsky. A prensa sueca dixo entón que "Dagmar fue arrojada al mar", pero ningunha das tres coñecía nada sobre a sorte da moza. Con todo Pirles e Osatinsky deron a coñecer unha información decisiva: que Norma Susana Burgos tamén fora liberada e estaba en Madrid.

As autoridades suecas tomaron entón contacto con Norma Burgos, quen prestou un testemuño decisivo o 13 de decembro de 1979. Contou que mentres estaba detida na ESMA, viu e falou con Dagmar Hagelin en tres oportunidades, o mesmo 27 de xaneiro en que a moza foi secuestrada e novamente, dous ou tres días despois e ao finalizar a primeira semana de febreiro. Nas dúas primeiras ocasións Dagmar atopábase consciente nunha padiola na enfermería do soto. Presentaba unha ferida un pouco máis arriba do arco superciliar esquerdo, un derramo avermellado baixo os seus ollos e non podía controlar esfínteres. Chegou a preguntarlle como estaba e Dagmar contestou algo equivalente a "a pesar de todo me siento bien". A última vez que a viu foi no terceiro piso, levantándose a capucha por uns poucos segundos: Dagmar estaba nunha habitación soa, de pé e cun camisón ou bata floreada. Aproximadamente o 10 de febreiro, Burgos viu que a habitación na que se atopaba Dagmar estaba baleira e logrou que un custodio lle informase que fora trasladada individualmente. Burgos declarou tamén que:

...a diferencia de otros casos que solían ser referidos en los diálogos entre los captores y entre estos y sus prisioneros, nunca nadie más hizo mención a la suerte corrida por Dagmar Ingrid Hagelin.[6]

Norma Burgos ata, tiña a blusa que Dagmar levaba posta cando foi secuestrada e trasladada á ESMA, e entregoulla ao pai. No seu testemuño Burgos brindou outro dato fundamental, ao individualizar á persoa que disparou contra Dagmar e que conducía o grupo que a secuestrou: Alfredo Astiz.

O 8 de abril de 1980 o Ministro de Relacións Exteriores de Suecia informou ao Parlamento sobre o caso Dagmar Hagelin, sintetizando a actitude do goberno arxentino con estas palabras:

gobierno argentino ha mentido y sigue mintiendo. La respuesta es insatisfactoria e inaceptable.

En xuño de 1983, Ragnar Hagelin e a súa familia, que se radicaron en Suecia debido ás ameazas que recibían na Arxentina, volveron ao país esperanzados coa posibilidade das eleccións xerais e democráticas.

Xuízos editar

O 12 de xaneiro de 1984, Ragnar Hagelin, acompañado por xornalistas da revista "La Semana" entrevistou a Raúl Vilariño en Punta del Este, Uruguai. Vilariño era un represor da ESMA que dixo ver a Dagmar en Mar del Plata, nun centro clandestino de detención chamado "centro de recuperación". Sostivo que a moza estaba en cadeira de rodas. Ragnar Hagelin atopou os restos do centro nunha confeitería chamada "Villajoyosa", en Camet, situada fronte ao mar, onde tamén atopou inscritas nun tronco as iniciais D.H., pero sen poder determinar se foran talladas por Dagmar.

Poucos días despois de que o novo presidente democrático, Raúl Alfonsín, asumise o poder o 10 de decembro de 1983, en xaneiro de 1984, iniciouse a causa Dagmar Ingrid Hagelin no Xulgado Penal Nº 4 de Morón, a cargo do xuíz Luís María Chichizola. Inmediatamente o Consello Supremo das Forzas Armadas informoulle que o caso fora xulgado en segredo pola xustiza militar e que fora sobresido.

En 1985 realizouse o Xuízo ás Xuntas, no que o caso de Dagmar Hagelin era un dos casos testemuña que foron utilizados para condenar aos seus integrantes. En 1990 todos os condenados foron indultados polo presidente Carlos Menem.

A causa penal contra Astiz pola desaparición de Dagmar Hagelin foi pechada en 1986 por considerar que a causa había prescripto. Alfredo Astiz quedou sen posibilidade de ser xulgado por este caso.

Desde entón Ragnar Hagelin e o seu avogado o dirixente político de esquerdas Luis Zamora, insistiron tenazmente na reapertura da causa habendo sufrido dous rexeitamentos da Corte Suprema de Xustiza.

En 1998 Ragmar Hagelin e outros familiares de desaparecidos na ESMA conseguiron que a xustiza arxentina investigase que lle sucedeu aos seus familiares, aínda que sen posibilidade de condenar aos culpábeis. Estes xuízos coñecéronse co nome de xuízos pola verdade. Nese marco formalizouse o testemuño de Mercedes Carazo, quen xa realizara declaracións á televisión sueca en 1996. Carazo foi unha detida desaparecida na ESMA que debeu converterse en amante dun dos principais represores, Antonio Pernías. Declarou que non só viu a Dagmar na ESMA senón que oíu a Pernías e o Tigre Acosta, xefe da ESMA, dicir que o seu secuestro fora froito dun erro, debido a que foi confundida con María Antonia Berger, e que logo decidiron matala debido á alta exposición mundial.

Sobre a declaración de Carazo o pai de Dagmar reflexionaba o seguinte:

Carazo le dijo a la televisión sueca que había hablado sobre el caso de mi hija con el propio Pernías y con el "Tigre" Acosta, y que ellos reconocían que habían cometido un error. Que esperaban a María Antonia Berger y que la confundieron con Dagmar, pero que como estaban en una situación difícil por la presión diplomática internacional decidieron profundizar el error matándola... la fecha en que la mujer dice haber visto a Dagmar en la ESMA tiene una trascendencia terrible. Es que Carazo dice que este encuentro se produjo entre febrero y marzo de 1977... A mi hija la llevaron el 27 de enero y lo sabemos concretamente porque el gobierno sueco nos facilitó información confidencial que indica que estuvo viva hasta la segunda quincena de febrero. El rastro se perdió por esa fecha.[7]

O 18 de agosto de 2006 a Cámara de Casación Penal, admitiu a trámite a petición de reapertura da investigación do ocorrido con Dagmar Hagelin por considerala delito de lesa humanidade e como tal imprescriptíbel [8].

Notas editar

  1. Dagmar Ingrid Hagelin, Desaparecidos
  2. Recordando a Dagmar Hagelin a 23 años de su secuestro, anacos da entrevista a Ragnar Hagelin por Jack Hammer, Nürnberg, setembro de 1998
  3. Informe da Arxentina, Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, 1980
  4. 4,0 4,1 Informe Nunca Más, Capítulo II, Víctimas, El secuestro y desaparición de Dagmar Hagelin, CONADEP, 1985
  5. "POR MEDIO DE PROCEDIMIENTOS REALIZADOS POR FUERZAS ANTISUBVERSIVAS, SE LOGRO DETERMINAR QUE DENTRO DE LA TERRITORIALIDAD OESTE DE MNTONEROS, Y A CARGO DE PATO FELINI OPERABAN ENTRE OTROS ROXANAN Y PATRICIA (NOMBRES DE GUERRA). PUDO DETERMINARSE QUE PATRICIA SERIA EN REALIDAD DAGMAR INGRID HAGELIN CUYOS DEMÁS DATOS SE IGNORAN. HASTA EL PRESENTE LA CAUSANTE CONTINUA PROFUGA, DESCONOCIENDOSE EL DETALLE DE LAS ACTIVIDADES REALIZADAS DENTRO DE LA BANDA DE DELINCUENTES SUBVERSIVOS MENCIONADA, PERO SABIENDOSE QUE INTEGRARIA EL APARATO MILITAR COMO COMBATIENTE, TENDRIA INTIMA VINCULACIÓN CON UN OFICIAL DEL APARATO MILITAR DE COMBATE DE NOMBRE DE GUERRA BETO, CUYO PARADERO ACTUAL ES TAMBIÉN DESCONOCIDO." Telegrama entregado polo Vicealmirante Mendía, Agregado Naval arxentino en Washington, ao seu colega sueco Lennart Forsmann
  6. Testemuño de Norma Susana Burgos ante o goberno de Suecia, 13 de decembro de 1979
  7. Los muchachos de la ESMA, Páxina 12, 17 de novembro de 1998
  8. El caso Hagelin, Páxina 12, 28 de agosto de 2006

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar