Dólar de prata do bicentenario do Congreso dos Estados Unidos

moeda conmemorativa estadounidense de 1989
Dólar de prata do bicentenario do
Congreso dos Estados Unidos
A/: Estatua da Liberdade de bronce da cúpula do Capitolio; nubes e raios. Marca de ceca.

Lendas: LIBERTY / 1789 / 1989 /IN GOD WE TRUST

R/: Maza da Cámara de Representantes dos EEUU. Marcas de gravador (WW e CYM).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / BICENTENNIAL OF THE CONGRESS / ONE DOLLAR

  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: W. Woodword (anv. e rev.) e C. Y. Martin (rev.).
  • Datas de emisión: 1989
  • Ceca: US Mint: Cecas de Denver (D) e de San Francisco (S).
  • Tiraxe: 897.401 exemplares.
  • Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
  • Diámetro: 38,1 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Espesor: 2,8 mm.
  • Canto: estriado.

O dólar de prata do bicentenario do Congreso dos Estados Unidos é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1989 e cuñada polas Casas da Moeda de Denver e de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 100-673, do 17 de novembro de 1988,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en conmemoración do bicentenario do Congreso dos Estados Unidos, fundado o 4 de marzo de 1789.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3]

Deseño editar

 
Maza da Cámara de Representantes, reproducida no reverso da moeda.

No anverso da moeda, deseñado e gravado por William Woodword, represéntase unha vista completa da Estatua da Liberdade de bronce de Thomas Crawford que se colocou no cumio da cúpula do Capitolio en 1863, cunhas nubes e uns raios de sol ao fondo. Este motivo aparece acompañado polos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, e a dobre data alude ao mesmo tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra do mesmo deseñador e de Chester Y. Martin, reproduce a maza da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, que se atopa na cámara cando o hemiciclo está reunido, coroada por unha aguia sobre o globo terráqueo. Este motivo do reverso está rodeado pola lenda alusiva ao feito conmemorado, BICENTENNIAL OF THE CONGRESS, así como o lema E PLURIBUS UNUM, o nome do país e o valor facial da moeda.[2][4]

Produción e comercialización editar

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de dez millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] O primeiro día de produción foi o 14 de xuño de 1989.[2]

A súa produción foi de 135.203 moedas na súa condición estándar e 762.198 en versión proof, o que fai un total de 897.401 exemplares.[3][4]

A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 29 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, parte dos beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados ao Fondo de Preservación do Capitolio dos Estados Unidos, e outra parte ingresou no fondo xeral do Tesouro, co fin de reducir a débeda nacional.[2]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar