Día Mundial contra o Cancro

O Día Mundial contra o Cancro é unha xornada de concienciación social e política que busca incrementa-los medios de loita contra esta enfermidade e difundi-la información existente entre enfermos e profesionais.

Correlación entre o consumo de tabaco e as mortes por cancro de pulmón 20 anos despois

Historia e características editar

Foi convocado pola Unión Internacional Contra o Cancro (International Union Against Cancer –UICC) no Cumio Mundial contra o Cancro para o Novo Milenio, celebrado o 4 de febreiro de 2000 e no que se asinou a denominada Carta de París, na que se establece a convocatoria para os anos seguintes.

No devandito documento propoñen que o día 4 de febreiro sexa declarado “Día Mundial contra o Cancro” e que tódolos países organicen actividades divulgativas que pretendan que os principios da Carta de París estean presentes cada ano nos corazóns e nas mentes de tódalas persoas do mundo. Simultaneamente, esta celebración debe buscar difundir información e compartir coñecementos sobre medidas preventivas e novas tecnoloxías.

Campañas editar

As campañas contra o cancro, baixo o lema común de “Meniños de hoxe, o mundo do mañá”, concretáronse no Día Mundial contra o Cancro 2007 no obxectivo de “Previ-lo cancro agora”, centrándose as actividades dirixidas á prevención dos catro factores de risco que causan o maior número de casos de cancro:

  • O consumo de tabaco: débese proporcionar ós meniños unha contorna libre de fume de tabaco.
  • Unha dieta pouco saudable e a obesidade: débese adoptar un estilo de vida activo e equilibrado: unha actividade física regular, evita-la obesidade e comer saudablemente.
  • As infeccións que poden producir cancro: débese aumenta-la investigación e difundi-la información sobre as vacinas que poden previr certos tipos de cancro, como o cancro de cérvix.
  • Unha prexudicial sobreexposición ó sol: previ-la sobreexposición ó sol e as queimaduras solares.

Cifras editar

Os datos que se indican a continuación proceden de Acción Mundial contra o Cancro (Peso del cáncer. Hechos y cifras 2005 [1]).

  • O cancro, nas súas 200 formas diferentes, é a segunda causa de morte nos países desenvolvidos, e a terceira causa entre os países en vías de desenvolvemento. Estímase que causa un 12,5% das mortes, porcentaxe superior ó das mortes por SIDA, tuberculose e malaria xuntas. Tamén é a segunda causa de mortalidade infantil en idades comprendidas entre 1 e 14 anos.
  • Continuamente se están facendo progresos no diagnóstico, control e tratamento do cancro e pódese afirmar que un bo número de casos de cancro resultan curables se se diagnostican coa suficiente antelación. Aínda así, cada ano aumenta o número de casos: a Organización Mundial da Saúde informou que no ano 2002 se diagnosticaron 10,9 millóns de novos casos e calcula que no 2020 haberá un mínimo de 16 millóns de enfermos no mundo.
  • No ano 2002, o cancro matou a 6,7 millóns de persoas en todo o mundo. No 2020 pode causa-la morte de 10,3 millóns de persoas.
  • Ademais dos avances no diagnóstico precoz (screening), a loita contra o cancro ha de basearse en promover estilos de vida saudables: o 43% de tódolos casos de cancro poden previrse.
  • Estímase que o 43% das mortes por cancro se deben ó consumo de tabaco, a dietas inadecuadas ou a certas infeccións.
  • O consumo de tabaco é a causa de cancro máis fácil de evitar. A estatística demostra que nos países desenvolvidos provoca ata o 30% de tódalas muertes por cancro. Máis do 80% dos casos de cancro de pulmón nos homes e o 45% nas mulleres débense ó hábito de fumar.
  • O 70% dos enfermos de cancro en 2020 vivirá en países en vías de desenvolvemento ou de recente industrialización, países que suman unicamente o 5% dos recursos para o control do cancro, o cal implica que, na actualidade, a maioría dos enfermos de cancro non ten posibilidades reais de curación. A supervivencia do cancro infantil nestes países é inferior ó 50%, fronte ó 80% nos países desenvolvidos.

Unión Internacional contra o Cancro (UICC) editar

É a única organización internacional non gobernamental dedicada de modo exclusivo ó control e tratamento do cancro. Ten a sede en Xenebra e está integrada por máis de 270 organizacións en máis de 80 países.

Nace da asunción da incidencia mundial da enfermidade, que non recoñece fronteiras políticas, sociais nin de idade. Isto fai necesario que a loita contra o cancro se estableza dunha forma conxunta e solidaria, mediante unha alianza e colaboración intimas entre o mundo científico (profesionais da saúde e investigadores), político (gobernos e as súas políticas de saúde pública) e social (cidadáns e medios de comunicación).

Outra das bases da filosofía da UICC é a comprobación de que existe un estigma social contra os enfermos de cancro que atopa os seus aliados no medo e na ignorancia. Cómpre redefini-la enfermidade como unha patoloxía biolóxica máis e non como unha condición social que haxa que agochar. Porén, a consideración social actual da enfermidade é causa de:

  • Un importante trauma emocional, superior ó que se presenta ante calquera outra enfermidade, para os enfermos e as súas familias, que tenden a ignora-la realidade e a nega-la enfermidade.
  • Prexuízos e discriminación cara á contratación de persoas con cancro e cara a súa participación en calquera actividade social.
  • Dificultades económicas e perda de produtividade.
  • Ausencia da necesaria educación pública dirixida á súa prevención.
  • Excesivo sentimento de fatalismo, que impacta negativamente no compromiso dos gobernos, dos servizos públicos de saúde e das institucións privadas na loita contra o cancro.

Este estigma obstaculiza o diagnóstico precoz, os investimentos e, en definitiva, a consecución de avances significativos na loita contra a enfermidade.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar