Cuspirei sobre as vosas tumbas

novela de Boris Vian

Cuspirei sobre as vosas tumbas é unha novela do polifacético autor Boris Vian, escrita orixinalmente en francés co título de J'irai cracher sur vos tombes. Foi publicada baixo o pseudónimo de Vernon Sullivan en 1946 e ilustrada posteriormente por Jean Boullet en 1947. Foi traducida ao galego por David Gippini e editada en 2007 por Faktoría K de libros.

Cuspirei sobre as vosas tumbas
Título orixinalJ'irai cracher sur vos tombes
Autor/aBoris Vian
Ilustrador/aJean Boullet
OrixeFrancia
Linguafrancés
Xénero(s)Novela
EditorialFaktoría K de libros
Data de pub.1946 (2007 en galego)
Páxinas145 páx.
ISBNISBN 978-84-96957-08-04
TraduciónDavid Gippini
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

A historia, como as demais escritas por Vian baixo o pseudónimo de Sullivan, desenvólvese no sur dos Estados Unidos, e pon en escena as dificultades dos afroamericanos na súa vida cotiá no trato cos brancos. Neste caso, Lee Anderson, un home negro pero de pel branca, deixa a súa vila natal trala morte do seu irmán, linchado e colgado por namorar dunha muller branca. Cando chega a outra vila, Lee faise dependente nunha tenda de libros e entra a formar parte da cuadrilla local de mozos sedentos de alcohol e sexo. O seu desexo secreto, porén, é vingar a morte do seu irmán.

En canto ó seu estilo, esta obra é a máis violenta das escritas por Boris Vian, a máis crúa e a máis representativa da serie de "Sullivan", na que Vian se propuxo denunciar o racismo e as condicións precarias dos negros nos estados sureños dos Estados Unidos. Pouco despois da súa aparición, en 1949, o libro foi prohibido por consideralo pornográfico e inmoral, e o seu autor foi condenado por aldraxe ós mortos. Tamén se publicou unha versión "edulcorada" do libro.