Cromátide

(Redirección desde «Cromátides irmás»)

Chamamos cromátide[1][2] a cada unha das dúas copias idénticas que constitúen un cromosoma duplicado, que se manteñen unidas polo centrómero, e que se separan durante a división celular (anafase da mitose e anafase II da meiose). Reciben o nome de cromátides mentres están unidas polos seus centrómeros, pero cando se separan na anafase cada unha xa se considera cromosoma. Noutras palabras, unha cromátide é "unha metade dun cromosoma replicado".[3]

Partes dun cromosoma:

(1) Cromátide
(2) Centrómero
(3) Brazo curto
(4) Brazo longo

Cando un cromosoma se duplica consta de dúas cromátides que son idénticas entre si, que reciben o nome de cromátides irmás.

Un cromosoma normal duplicado ten dúas cromátides, pero os cromosomas politénicos que se observan nas glándulas salivares de certos insectos teñen moitas copias de cada filamento de ADN.[4]

Utilízase o termo díade para referirse a un par de cromátides irmás durante a profase I da meiose. Nese momento as dúas cromátides irmás están aliñadas e parecen ter un centrómero indiviso, a diferenza da profase da mitose na que parecen ter cada unha o seu propio centrómero individualizado. O termo díade tamén se usa na descrición da morfoloxía de proteínas.[5]

Utilízase o termo tétrade para referirse ao conxunto das catro cromátides dos dous cromosomas homólogos emparellados durante a meiose para facer a recombinación. Os dous cromosomas forman un bivalente e cada un ten dúas cromátides, polo que o conxunto teñen catro cromátides. As tétrades desaparecen na anafase I da meiose, momento en que os bivalentes se separan. O número de tétrades que se forman na meiose coincide co número haploide da especie de que se trate.

Cromátides irmás

editar
 
Os cromosomas paterno (azul) e materno (rosa) son cromosomas homólogos. Cando se replican constan de dúas cromátides idéntidas (cromátides irmás). Durante a mitose estas sepáranse e acaban en células fillas distintas. Unha vez separadas xa se chaman cromosomas.

As dúas cromátides dun mesmo cromosoma duplicado reciben o nome de cromátides irmás. As cromátides irmás son idénticas entre si (con iguais xenes e alelos), xa que son resultado dunha replicación do ADN. Con todo, na meiose as cromátides dun cromosoma realizan o sobrecruzamento (intercambio de segmentos) coas cromátides do cromosoma homólogo, o que ten como resultado a recombinación xenética entre elas, polo que as cromátides irmás iniciais poden acabar tendo alelos distintos. Durante a mitose as cromátides irmás sepáranse e van parar a células fillas distintas.

Hai probas de que, nalgunhas especies, as cromátides irmás son o molde preferido para facer a reparación do ADN (en lugar de utilizar os cromosomas homólogos).[6] A cohesión das cromátides irmás é esencial para a correcta distribución da información xenética entre as células fillas e a reparación dos cromosomas danados. Os defectos neste proceso poden orixinar aneuploidías e cancro, especialmente cando fallan os puntos de comprobación para detectar danos no ADN ou cando os fusos mitóticos unidos incorrectamente non funcionan debidamente.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cromátide.
  2. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 55. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  3. "Chromatid - A Cell Biology Definition". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2010. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  4. Ashburner M. (1970). "Function and structure of polytene chromosomes during insect development". Adv Insect Physiol (1 ed.) 7: 3S4. 
  5. dyad - 4 dictionary results
  6. Kadyk, Lc; Hartwell, Lh (Oct 1992). "Sister chromatids are preferred over homologs as substrates for recombinational repair in Saccharomyces cerevisiae" (Free full text). Genetics 132 (2): 387–402. ISSN 0016-6731. PMC 1205144. PMID 1427035. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar