Crime de Alcàsser
Coñécese como crime de Alcàsser ó secuestro, violación, tortura e asasinato de Míriam, Toñi e Desirée, tres adolescentes de catorce e quince anos do concello valenciano de Alcàsser, España. Ó xuízo derivado deste crime coñécese como caso Alcàsser.
As adolescentes desapareceron a noite do venres 13 de novembro de 1992,[1] cando se dirixían facendo autoestop a unha discoteca da veciña localidade de Picassent onde se celebraba unha festa do seu instituto. A procura das coñecidas como «nenas de Alcàsser» tivo unha forte repercusión nos medios de comunicación nacionais. O 27 de xaneiro de 1993, setenta e cinco días despois da súa desaparición, dous apicultores atoparon os cadáveres semienterrados nunha fosa no barranco da Romana, unha paraxe de difícil acceso achegado ó pantano de Tous. O achado dos corpos e o coñecemento posterior das vexacións ás que foron sometidas conmocionaron profundamente á sociedade.
As investigacións policiais apuntaron a que o triplo crime foi cometido por dous delincuentes comúns: Antonio Anglés e Miguel Ricart, de 26 e 23 anos respectivamente. O primeiro, considerado o presunto autor material dos feitos, fuxiu no mesmo momento no que as forzas de seguridade procederon á súa localización. Aínda que a procura foi incesante, Antonio Anglés aínda se atopa en paradoiro descoñecido. En troques, Miguel Ricart foi detido, xulgado e condenado a 170 anos de prisión nun xuízo moi mediatizado, dos que só cumpriu 21 antes de ser posto en liberdade.
A instrución do caso foi duramente cuestionada por algúns dos pais das nenas que, de maneira alternativa, desenvolveron unha teoría da conspiración. Segundo esta, a versión oficial era unha tapadeira para encubrir os verdadeiros criminais: un grupo de políticos e empresarios poderosos involucrados na produción de vídeos "snuff". Arraigou con forza no imaxinario colectivo da sociedade española grazas á súa intensa exposición dos medios.
Notas
editar- ↑ ¡Antonia, Desirée, Miriam!, El País, 7 de decembro de 1992.