Corpo de Negri

(Redirección desde «Corpos de Negri»)

Os corpos de Negri son pequenas inclusións citoplasmáticas basófilas que se observan caracteristicamente ao microscopio óptico nas neuronas dos animais infectados polo virus da rabia. Constan de proteínas ribonucleares producidas polo virus durante a súa transcrición e replicación. Toman o seu nome de Adelchi Negri, o médico italiano que os describiu por primeira vez en 1903.

Numerosos corpos de Negri nunha célula de Purkinje do cerebelo.
Microfotografía electrónica do tecido cerebral dun animal rabioso. É visible o virus (de forma alongada ou circular en sección transversal); os corpos de Negri (en gris) son de maiores dimensións.

Aínda que os corpos de Negri son un signo distintivo (patognomónico) da rabia [1], atopáronse con microscopio óptico algúns casos de inclusións similares aos corpos de Negri en células de cans, que en probas adicionais non deron positivo para o virus da rabia.[2]

Morfoloxía editar

Os corpos de Negri son o aspecto histolóxico máis característico da patoloxía da rabia. Consisten en pequenos corpúsculos basófilos, xeralmente arredondados ou ovais, de 2-10 μm de diámetro, numerosos, que se poden observar en todas as neuronas de individuos afectados, pero sobre todo no corno de Amón do (hipocampo) e no lóbulo temporal do cerebro e córtex cerebelar. Poden estar afectados tamén os ganglios espiñais e os simpáticos.

Historia editar

Adelchi Negri (1876-1912), axudante de Camillo Golgi no instituto de Patoloxia xeral da Universidade de Pavia, descubriu a presenza de inclusións citoplasmáticas basófilas nas células do sistema nervioso de numerosos animais rabiosos (coellos, cans, equinos, bovinos, e homes). A comunicación do descubrimento, que tivo lugar nunha reunión da Sociedade Médico-Cirúrxica de Pavia o 27 de marzo de 1903[3], foi difundida pouco despois por revistas alemás[4] o que lle deu notoriedade ao xove erudito italiano. Negri sostiña, erroneamente, que estes corpúsculos citoplasmáticos eran os axentes da patoxenia da rabia, e que eran de natureza protozoaria. Pouco despois, foron Di Vestea en Nápoles[5] e Remlinger en Istambul[6] os que demostraron, independentemente, a filtrabilidade a través dos filtros de Berkefeld e Chamberland de ditos axentes, e, por tanto, a natureza viral do axente etiolóxico da rabia. O virus foi finalmente visualizado con microscopio electrónico en 1962 por Sokolov e Vanag, os cales mostraron o aspecto característico de bala que ten o virus da rabia e demostraron que os corpos de Negri eran fragmentos dese virus.[7]

Notas editar

  1. Drew WL (2004). "Chapter 41: Rabies". In Ryan KJ, Ray CG (editors). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. pp. 597–600. ISBN 0-8385-8529-9.
  2. Nietfeld JC, Rakich PM, Tyler DE, Bauer RW. Rabies-like inclusions in dogs. J Vet Diagn Invest. 1989 Oct;1(4):333-8. PMID 2488717. [1]
  3. Adelchi Negri, 1904. «Contributo allo studio dell'eziologia della rabbia». Bollettino della Società medico-chirurgica di Pavia 2:88-115
  4. Negri A., 1903. «Beitrag zum Studium der Aetiologie der Tollwuth». Zeitschrift für Hygiene und Infektionskrankheiten, Leipzig, 43: 507-528
  5. Di Vestea A., 1905. «Sul trovato della filtrabilità del virus della rabbia», Annali di igiene sperimentale, n. s., XV, pp. 147
  6. Remlinger, P., 1903. «Isolement du virus rabique par filtration», CR Soc. Biol., 55, pp. 1433
  7. Sokolov NN, Vanag KA. «The nature of intranuclear inclusions in experimental rabies», Acta Virol. 1962 Sep;6:452-7, PMID 14039409

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alfredo Margreth, «Adelchi Negri and Schools of General Pathology in Italy between the end of the nineteenth and beginning of the twentieth century». Rendiconti Lincei 14(4):251-262 (2003) doi 10.1007/BF02904485 (free text)
  • Derakhshan I, «Is the Negri body specific for rabies? A light and electron microscopical study», Arch Neurol. 1975 Feb;32(2):75-9, PMID 1122180
  • Miyamoto K, Matsumoto S., «The nature of the Negri body», J Cell Biol. 1965 Dec;27(3):677-82, PMID 5328376 (free text)

Outros artigos editar

Ligazóns extrernas editar