Coroa iugoslava

antiga moeda do Reino de Iugoslavia

Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).

Coroa iugoslava †
Југословенска круна (serbio)
Jugoslavenska kruna (croata)
Jugoslovanska krona (esloveno)

Billete de 100 dinares do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos cunha sobreimpresión de 400 coroas iugoslavas
.
Escudo de armas do Reino dos Serbios, Croatas e eslovenos.
Ámbito: Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (Reino de Iugoslavia).
Fracción:Non.
Billetes:2, 4, 10, 20, 50, 100, 1.000 e 40.000 coroas.
Emisor:Goberno do Reino de Iugoslavia.

A coroa iugoslava foi unha moeda provisional de curta existencia que se utilizou nos anos posteriores á I Guerra Mundial nalgunhas zonas do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos que anteriormente formaran parte do Imperio Austrohúngaro.[1]

Historia editar

Tras a I Guerra Mundial, o Imperio Austrohúngaro, onde circulaba a coroa austrohúngara, desagregouse en diversos estados e a súa parte suroriental pasou a constituír o Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, que logo se fusionou co Reino de Serbia para formar o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que máis tarde pasou a chamarse Reino de Iugoslavia.

Nese territorio instaurouse a coroa iugoslava o 12 de novembro de 1918 cunha taxa de cambio á par coa coroa austrohúngara, e circulou no novo reino en paralelo ao dinar serbio, cunha relación de valor de catro coroas iugoslavas por cada dinar serbio.[2] Esta situación foi transitoria, en tanto que non se adoptase o posterior dinar iugoslavo (1920). A data exacta de cesamento da circulación da coroa iugoslava non se coñece con exactitude e algunhas fontes indican que aínda se mantiña en circulación a finais de 1922.[3]

Billetes editar

A primeira emisión provisional da coroa iugoslava produciuse en 1919. A emisión era moi similar á da coroa checoslovaca dese mesmo ano, consistente nunha sobreimpresión cun tampón oval negro de billetes da coroa austrohúngara de 1912 con valores de 10, 20, 50, 100 e 1.000 coroas.[4]

A segunda emisión provisional, tamén en 1919, baseouse nos mesmos valores da coroa austrohúngara emitidos en 1912 mais, en lugar dunha sobreimpresión oval, pegáronse nos billetes austrohúngaros uns adhesivos para a súa validación como coroas iugoslavas. Estes selos adhesivos eran bilingües (serbocroata e esloveno) nos billetes de 10, 20 e 50 coroas, en tanto que os dos billetes de 100 e de 1.000 coroas eran monolingües en tres versións (serbio, croata e esloveno), alternando, segundo os casos, os caracteres latinos e os cirílicos.[4]

O Ministerio de Facenda do Reino dos Serbos, Croatas e Eslovenos introduciu no mesmo 1919 unha serie de billetes propios (xa non sobre os da coroa austrohúngara), co seu valor expresado en dinares e ao mesmo tempo sobreestampados coa súa equivalencia en coroas iugoslavas, a razón de 1 dinar = 4 coroas.[1][5] Os valores emitidos foron os de 2, 4, 20, 40, 80, 400 e 4.000 coroas iugoslavas, con eses valores sobreimpresos sobre, respectivamente, billetes de ​½, 1, 5, 10, 20, 100 e 1.000 dinares.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Currencies from a Central European’s Perspective (1917-2017) ". RS Bullion: "In these lands, the Austro-Hungarian Krone notes were overstamped and became the Serb, Croat and Slovene Krone. It circulated, together with the Montenegrin Perper, alongside the Serbian Dinar. By 1922 it was replaced by the Dinar at a rate of 1 Dinar for 4 Krone".
  2. "Bosnia-Herzegovina (BAM)". En Berlin, H. M. (2006). World Monetary Units. McFarland & Co. Páxina 26. ISBN 978-0-7864-4042-9
  3. "Serbia (Yugoslavia) Dinar". Global Financial Data.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Yugoslavia banknotes". World Paper Money Catalog and History (ATSnotes.com)
  5. Rafailović, J. (2020). "An Economic Survey of the Kingdom of Yugoslavia". En Murašov, J. et. al. Cultures of Economy in South-Eastern Europe. Culture & Theory. Páxina 47. ISBN 978-3-8376-5026-6

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar