Cornetada

A cornetada ou cencerrada é unha festa que organizan os veciños dun lugar para burlarse dos vellos ou viúvos que casan de segundas. Tamén recibe os nomes de chocallada, cencerrallada, cinzarrada ou cornetama.

Consiste na reunión fronte a cada do vello ou do novo matrimonio para formar balbordo con cornos, cornetas, chocallas, cinzarros, tixolas, latas ou calquera obxecto capaz de provocar sonidos enxordecedores e desapracibles. Pode realizarse só na véspera da voda ou prolongarse durante os días seguintes; na zona oriental da provincia de Lugo podía durar ata quince días.

Era común complementa-lo ruído de tales instrumentos con coplas burlescas alusivas ós contraentes (ós seus defectos físicos, alcumes ou outras circunstancias da parella):

¿Quen casou?
Bata cagada.
¿E con quen?
Con Mexa-na-cama.
¡Arriba ca cencerrallada!

Aínda que a causa máis común destas celebracións era a voda dun viúvo vello cunha moza máis nova ca el, tamén podían aplicarse contra os viúvos dos que se sospeitaba ou sabía que comezaba a manter relacións cunha moza, especialmente se se lles vía de palique a horas ou en lugares que os conveciños podían considerar sospeitosos.

Casáronse hoxe e veñen fuxindo da cencerrada porque ela é unha vella
Castelao: Os dous de sempre, 371.

A cornetada duraba ata altas horas da noite ou ata que a vítima se resignaba a convidar con viño ós participantes. Este convite a modo de compensación recibía o nome de paga-lo piso.

Eladio Rodríguez recolle no Ribeiro de Avia e noutras zonas de Ourense o costume de realizar estas cornetadas contra os mozos de fóra que viñan casar cunha moza da parroquia. Os mozos do lugar, que os vían como intrusos no que consideraban territorio propio e que se sentían prexudicados nas súas expectativas matromoniais, mostraban así o rexeitamento contra o foráneo, que se vía obrigado a paga-lo piso se quería continuar coas súas relacións coa moza do lugar. Esta fórmula de pago podía consistir nunha merenda, nunhas xarras de viño, paga-los músicos da festa ou outras compensacións similares. Adoitaba rematar cun baile o domingo á tarde, que recibía o nome de festa dos mozos.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • CASTELAO: Obras. Henrique Monteagudo (coord.). Galaxia, Vigo 2000.
  • RÁBADE PAREDES, Xesús: "Cornetada", na Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.