Corexía
A Corexía (choregia), na antiga Atenas, era unha forma de liturxia, isto é, de servizo público, na que os cidadáns adiñeirados tiñan que facerse cargo dos custos que carrexaba a contratación de coros para os certames líricos ou dramáticos que se celebraban con motivo das Panateneas, Tarxelias, Dionisias e Leneas; de aí o seu nome, choregoí. Os custos eran moi considerábeis. No -405, co empobrecemento de Atenas por mor da Guerra do Peloponeso, dous coregos tiveron que asumir os custos da produción das Grandes Dionisias. Os coregos elixían os membros dos seus coros, pagábanlles o vestiario, os ensaios e o local para ensaiar. O premio para o corego que resultaba vencedor nun certame de ditirambos consistía nun trípode que a continuación dedicaba a un deus; en Atenas a rúa dos trípodes (hoi tripodes) tomou o seu nome das múltiples ofrendas deste tipo había nela.
Corego
editarO corego (grego, χορηγός, khorêgós) é, na Grecia antiga, un cidadán (ou un meteco) encargado de organizar ás súas expensas un coro e os figurantes para unha representación teatral.
Entre os coregos famosos, pódese citar a Pericles, cuns vinte anos, para Os persas de Esquilo en -472, e Temístocles para As fenicias de Frínico en -476 (obra cuxo texto se perdeu).
A corexía era un cargo financeiro moi oneroso. Trátase na orixe de sustentar a 12 coreutas, despois 15 para a traxedia, 12 para o drama satírico e 24 para a comedia. O corego tiña igualmente ao seu cargo os vestidos e as máscaras, os decorados e os figurantes (gardas, servidores, nenos e outros personaxes mudos). Os actores, os músicos e os autores, eran remunerados polo Estado. En caso de vitoria, o corego debía ofrecer un gran banquete. Platón, n'O banquete, describe así o dado para a vitoria do poeta Agatón.
Xa que logo, non parece que a antidosis (procedemento para designar a outro cidadán estimado máis rico), exista neste caso. Ser corego era en efecto un gran honor, e é probábel que algúns fosen voluntarios. O corego cuxo poeta triunfara era coroado no teatro, co mesmo título que o autor, e o seu nome figuraba na lista de vencedores.