Constantino Candeira Pérez

arquitecto e escritor galego


Constantino Candeira Pérez, nado na Guarda o 12 de marzo de 1892 e finado en Valladolid o 6 de marzo de 1962,[1] foi un arquitecto e escritor galego.

Infotaula de personaConstantino Candeira Pérez
Biografía
Nacemento12 de marzo de 1892 Editar o valor em Wikidata
A Guarda, España Editar o valor em Wikidata
Morte6 de marzo de 1962 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Valladolid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiConstantino Candeira González Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Fillo de Constantino Candeira González. Ingresou en 1913 na Escola de Arquitectura de Madrid e en 1921, tras dirixir as obras do Hospital-Asilo da Garda, foi nomeado arquitecto municipal de Medina del Campo (Valladolid) despois de abandonar ese cargo Leopoldo Torres Balbás.

En 1924 tomou posesión do cargo de arquitecto municipal de Santiago de Compostela e logo foi nomeado arquitecto diocesano, colaborando neste último cargo con Ricardo García Guereta na restauración da Capela do Hospital Real. Como arquitecto municipal encargouse das obras de traída de augas, rede de sumidoiros e pavimentación, así como da reforma de aliñacións e proxectos urbanísticos, tales como o de ensanche no Agro de Mendo, para Campus universitario con Residencias de estudantes, xardíns e campo de deportes, que acabaría sendo desenvolto por Jenaro de la Fuente Álvarez. Tivo grande empeño na conservación e restauración da arquitectura vernácula compostelá, destacando as súas intervencións na casa da Parra e na praza da Quintana. Traballou no Seminario de Estudos Galegos dirixindo a Sección de Catalogación Iconográfica de Galicia e pronunciando diversas conferencias sobre a arquitectura renacentista e barroca galega.

En 1930 tomou posesión do cargo de Arquitecto provincial da Deputación de Valladolid, exercéndoo ata a data da súa xubilación en 1955.

En 1933 foi nomeado arquitecto conservador do Museo Nacional de Escultura, encargándose das obras de reforma do Colexio de San Gregorio e da súa instalación museográfica, así como da restauración de igrexa mozárabe de San Cebrián de Mazote, xunto ao Arquitecto conservador Emilio Moya Lledós.

En 1934 foi nomeado Arquitecto director das obras de reparación, conservación e reformas do Tesouro artístico, e Académico de número da Real Academia da Purísima Concepción de Valladolid; en 1936 Arquitecto conservador dos Monumentos Histórico Artísticos da Zona Terceira (Salamanca, Ávila, Valladolid, Segovia, Soria e Zaragoza), e en 1947 Académico Correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A partir de 1940 foi subdirector do Museo Nacional de Escultura de Valladolid.

Fíxose cargo das obras de reconstrución da Universidade de Valladolid despois o incendio que se produciu en 1939, do traslado do Reitorado, oficinas e Seminarios de Arte, Arqueoloxía, e Historia, ao Colexio de Santa Cruz e da ampliación do Colexio Maior do mesmo nome. Proxectou o Colexio Maior Filipe II e os seus campos de deportes, despois transformado en Seminario Maior de Valladolid.

Proxectou e dirixiu diversos edificios residenciais e comerciais, como o de Aceites HIPESA -coñecido como a casa do barco-, transformado despois en Centro de Saúde. E como Arquitecto Provincial: a Escola de Capacitación agraria José Antonio Girón, en colaboración co Instituto Nacional de Colonización, da que se conserva, en parte, a vaquería e as dúas torres-silos.

Faleceu en 1962 e está enterrado no panteón familiar do cemiterio de Camposancos. Del escribiu Ramón Otero Pedrayo[2]:

A grandes vilas simbólicas precisan de mans agarimosas que saiban coidar das vellas pedras cargadas de espírito (...) Candeira quere a Compostela, leva na súa alma de artista a sinfonía grave e eterna das nobres arquitecturas, das rúas que gardan un rostro e un espírito, da ordenación radiante cunha estrela da vila apostólica. Non a considera un museo de cousas respetables senon como un grande ser vivo. A Catedral, o Hospital, catro igrexas, algúns pazos isolados e coidados para satisfacción dos turistas de Baedeker, perdidos na moitedume de rúas dereitas, prazas con acacias, edificios de estilo administrativo-centralista, cartón-pedra, cemento Port-land farían de Santiago conciencia propia. E preciso gardar a unanimidade urbana nos mais pequenos recunchos, nun esquinal, nun balcón, nuha porta. Niste senso inspírase a formidable labor de Candeira. Sempre vixilante, previsor, oportuno, loita cos acordos que poidan arrincar a Compostela unha soia area do seu granito prestixioso. (...)

Obras editar

  • Los retablos de Gaspar de Tordesillas, 1941.
  • Las nuevas atribuciones del Museo Nacional de Escultura, 1943
  • Guía del Museo Nacional de Escultura de Valladolid, 1945.
  • Alonso Berruguete en el Retablo de San Benito el Real de Valladolid. 1960.

Notas editar

  1. El Pueblo Gallego, 14-3-1962, p. 13.
  2. Otero Pedrayo, Ramón (18 de xullo de 1926). "Xente nova". Galicia. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Puente Aparicio, Pablo (2002). Constantino Candeira. Arquitecto.Valladolid. ISBN 84-7852-203-5.
  • Redondo Cantera, María José (2002). Una casa para la sabiduría. El edificio histórico de la Universidad de Valladolid. Valladolid. ISBN 84-8448-204-9.
  • Soneira Beloso, Begoña (2006). O arquitecto Constantino Candeira. Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-238-4. 
  • Esteban Chapapría, Julián (2007). La conservación del patrimonio español durante la República (1931-1939). Barcelona. ISBN 978-84-935929-1-2.
  • Sánchez del Barrio, Antonio (2013). Leopoldo Torres Balbás, arquitecto municipal de Medina del Campo (1919-1921). Granada. ISBN 978-84-86827-74-8.

Ligazóns externas editar