A conquilioloxía é o estudo científico das cunchas de moluscos. É unha rama da malacoloxía. Os conquiliólogos poden estudar as cunchas para conseguir entender a diversa e complexa taxonomía dos moluscos ou simplemente para aprecialas polo seu valor estético.

Un posto de venda de cunchas en Tanzania.
Lámina do Museum Wormianum, ou gabinete de curiosidades de Ole Worm (1588–1654), médico e anticuario danés. No centro, no andel máis proximo ao chan, pódese ver a súa colección de conchilliata.
Unha lámina do libro de Lister mostrando o que el chama conchas buccinis.

Esta definición ás veces se amplía (especialmente en Europa) para incluír o estudo dos moluscos, o que tecnicamente é a malacoloxía, ao mesmo tempo que inclúen outros invertebrados mariños, como os equinodermos, os cnidarios e os crustáceos.

A conquilioloxía ocúpase de todas as cunchas de moluscos; porén, as luras e outros cefalópodos non teñen cunchas externas (coa excepción dos náutilos), xa que desenvolveron só un óso interno ou cuncha, utilizado para a flotación ou como soporte.

Algunhas especies perderon completamente o seu esqueleto (interno ou externo), mentres que algúns substituírono por unha estrutura de soporte cartilaxinosa. Debido a isto, os conquiliólogos ocúpanse principalmente dos gasterópodos, os bivalvos, os poliplacóforos e os escafópodos.

Etimoloxía editar

O termo conquilioloxía deriva dos elementos conquilio-, tirado do grego antigo κογχύλιον kogchýlion /konkílion/, 'cunchiña', e -loxía, do grego -λογία -logía, 'tratado'.[1]

Historia editar

A recolección de cunchas, actividade predecesora da conquilioloxía, remóntase até aos máis afastados tempos da humanidade: desde que houbo persoas que paseaban polas praias agunhas puideron recoller cunchas debido á súa beleza e tamén é posíbel que fose ao día seguinte a buscar máis. O feito de que moita xente xa estuviera usando os moluscos como unha fonte de alimentación, unido á súa abundancia, facilitou a súa introdución nas vidas das persoas.

Encontráronse colares de cunchas en asentamentos arqueolóxicos datados na Idade de Pedra, algúns dos cales situados en áreas afastadas das costas indicando que foron obxecto dalgún tipo de comercio ou intercambio. Colares de cunchas e outras xoias encóntranse na maioría das escavacións arqueolóxicas, incluíndo ruínas antigas aztecas e doutos pobos amerindios, da antiga China e do val do Indo.

Durante o Renacemento, a xente comezou a ter un maior interese na beleza de obxectos naturais para incluír nos seus gabinetes de curiosidades ou cuartos de marabillas. As cunchas convertéronse nunha gran parte desas coleccións.

Contra o final do século XVII, a xente comezou a ver as cunchas cun interese científico. Martin Lister entre 1685 e 1692 publicou a súa Historia Conchyliorum, que foi o primeiro libro detallado sobre cunchas, con máis de 1 000 pranchas gravadas.

Usos das cunchas editar

As cunchas foron coleccionadas durante milenios, pero non seempre só pola súa beleza. Á parte de que os moluscos, sobre todo os bivalvos, foron desde sempre unha importante fonte de alimentación para moitos poboss en distintos lugares do mundo, as cunchas utilizáronse en diversas partes como:

  • Moeda (de cambio), é dicir, como un medio de intercambio en varios lugares, incluíndo América do Norte, África e o Caribe.
  • Ferramentas, debido á súa gran variedade de formas.
  • Nalgús pobos, as cunchas desempeñan así mesmo un papel na relixión e a espiritualidade. Por exemplo, as de Cypraea foron moitas veces consideradas como símbolos das mulleres debido á súa forma parecida á da vaxina.
  • As cunchas tamén foron (e son) empregadas como instrumentos musicais, normalmente como unha especie de trompeta ou buguina.
  • Con fins decorativos. Os "valentíns" dos mariñeiros eran recordos decorativos fabricados no Caribe do século XIX. Consistían en complexos deseños de cunchas incrustadas en caixas de madeira (normalmente en forma de hexágono). Os "valentíns" en forma de corazón encontrábanse entre os deseños máis populares, de aí o seu nome.
  • Así mesmo, utilízanse algúns subprodutos das cunchas en procesos industriais.
  • Quizais os subprodutos máis significativos son as perlas "fabricadas" polas ostras.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar