Condicións normais

A expresión Condicións normais emprégase moito para a medida de volumes de gases (sendo o volume de 1 mol dun gas medido en condicións normais 22,4 L) e emprégase tamén frecuentemente no campo da termodinámica.

Cando nos referimos a volumes de gases, Condicións normais de presión e temperatura (abreviadamente CNPT) ou presión e temperatura normais (abreviadamente PTN), son termos químicos que implican que a temperatura á que se fai referencia é de 0°C (273,16 K) e á presión de 1 atm (definida como 101.325 Pa).

A partir de 1982 a IUPAC recomendou empregar un valor para a presión estándar de 105 Pa = 100 kPa (equivalente a 1 bar).

En Termodínámica a expresión condicións normais ou condicións estándar ten un significado distinto. Cando en Termodinámica nos dan un valor de entalpía ou de entropía ou de calquera outra magnitude en condicións normais ou estándar o termo condicións normais ou estándar refírese a substancias (habitualmente a 1 mol das mesmas) no seu estado estándar (a forma máis estable da substancia a 1 atmosfera de presión e a unha determinada temperatura, que adoita ser 298 K ou 25 °C).

Represéntase poñendo un cero como superíndice, así H0 para referirse a entalpía estándar, S0 para referirse a entropía estándar e de igual xeito para outras magnitudes termodinámicas.