O Colectivo Alén foi un dos grupos poéticos da literatura galega que naceu a finais da década de 1970 co propósito de renovar a poesía galega, xunto a outros como Cravo Fondo ou Rompente. Os seus membros eran Miguel Anxo Mato Fondo, Xosé Ramón Pena e Francisco Salinas Portugal, todos eles escritores coa súa propia produción independente mais unidos como conxunto na súa obra colectiva, Alén. Os tres eran estudantes da Universidade de Santiago de Compostela que contaron co apoio do seu profesor Ricardo Carvalho Calero, autor do limiar do libro Alén que dá nome ao grupo. O poemario foi publicado por Follas Novas na súa colección Lumeiro, e nel se recolle a produción poética do grupo.

Colectivo Alén
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]
Xosé Ramón Pena, un dos membros do Colectivo Alén.

Influencias editar

A pesar da súa intención de renovación o colectivo emprega formas e temas de autores da tradición anterior. Así, Xosé Ramón Pena está influído pola crítica do home e da vida de Curros Enríquez. Segundo escribe Carvalho Calero: “Acho en Xosé Ramón Pena umha enerxía, umha violencia que non raro semelha convulsión vindicativa frente a un presente que se nega. Mais semelha-me que ese dramatismo esistencial, esa ironía, ese sarcasmo levan umha cárrega de paixón humana que no fundo respondea umha posición máis radical, menos serva do tempo histórico --aínda que hayaa el referencias sobexamente esplícitas-- e máis vencelhada a umha crítica do home, a umha crítica da vida. Ao meo xuicio, ése era o caso de Curros, tamén, e eso foi o que dou permanencia á súa poesía de circunstancias.”[1] De Francisco Salinas di Carvalho Calero que “evoca a Manuel Antonio cando fala da inconcreta liridade dos seráns equívocos, e mesmo nos seus cantos de soedade glosa.”[1] Por último, canto a Miguel Anxo Mato Fondo di: “Non podemos, desde logo, definir a este lírico como un discípulo de Amado Carballo. Máis dá-se nel un gosto pola paisaxe en canto espeitago, en canto pintura, que hay tempo fora substituído por máis pretenciosos enfoques cosmográficos.”[1]

 
Miguel Anxo Mato Fondo, outro membro.

Estética e temas editar

 
Francisco Salinas Portugal.

O estilo e os temas do Colectivo Alén diferen entre os seus membros. Xosé Ramón Pena escribe unha poesía enérxica, irónica e crítica, mentres que Francisco Salinas cultiva unha de corte máis vangardista e Miguel Anxo Mato Fondo podería encadrarse na paisaxística. Porén, todos eles parten da procura dunha nova poesía con raíces na tradición.

Como afirma Carvalho Calero: para a busca de renovación existen dous camiños, por unha parte afastarse do xa coñecido e tratado polos poetas precedentes, buscando novos temas e ideas que expresar na poesía; ou retornar a orixe dos temas propios da nosa poesía e volvelos a cantar dende novas perspectivas. É este segundo xeito o que parecen seguir con máis asiduidade os poetas do Colectivo Alén xa que, se ben non renuncian á busca de novos temas, a súa poesía trata , en boa medida, de reelaborar temas xa presentes na tradición lírica galega.

Alén e o reintegracionismo editar

O Colectivo Alén tentou encamiñar a ortografía galega cara a unha maior aproximación ao portugués e un distanciamento do español, seguindo a estela do seu titor: a corrente reintegracionista. Así o fan saber nunha nota final do seu libro homónimo, na que ofrecen as seguintes razóns para a súa elección: a falta dunha ortografía galega homoxénea, a idea de que as grafías actuais responden ao español e non ao galego-portugués e a restitución da comunidade galega-portuguesa así como procurar facilitar a comprensión aos lectores portugueses.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Alén 1977, pp. 10-11
  2. Alén 1977, p. 61