Abrir o menú principal

O Club Pontumio é un equipo de baloncesto de Pontedeume, que acolle mozas e mozos de entre 5 e 18 anos. Foi fundado en setembro de 1992 ao independizarse a sección de baloncesto da Agrupación Deportiva Couceiro Freijomil, da que formaba parte desde había máis de dez anos.

HistoriaEditar

O equipo naceu como sección de baloncesto da AD Couceiro Freijomil. Nesta época xa acadou diversos campionatos como o campionato galego infantil feminino e o provincial alevín masculino (1989), campionato galego infantil masculino (1990), subcampionato galego infantil masculino e participación na fase de sector do campionato de España en Pamplona (1991), ou o subcampionato galego cadete feminino e o terceiro posto na fase de sector do campionato de España en Gasteiz en 1992.

Ao separarse da AD Couceiro Freijomil iniciouse unha nova etapa. No período de formación (de 7 a 11 anos, se ben tamén se aceptan crianzas de 5 ou 6 anos) admítense nenos e nenas, pero no período de competición (de 12 a 18 anos), só hai equipos femininos. Desde entón, amais de diversos títulos de liga e copa a nivel local, acadáronse éxitos como o subcampionato galego xuvenil (1993); campionato provincial alevín, galego xuvenil e participación na fase de sector do campionato de España desta mesma categoría en Zamudio (Biscaia) (1994); organización e participación na fase de sector do campionato de España infantil (1996); participación na fase final do campionato galego infantil en Pontevedra (1998); subcampionato provincial alevín (1999); campionato galego cadete (2000); campionato provincial alevín (2004, 2005, 2006 e 2007); semifinalista na fase de sector do campionato de España infantil en León (2007); 3º posto na liga galega e campionato da Copa da Federación Galega de Baloncesto cadete (2008); campión galego cadete (2009); 3º posto no campionato galego e na fase de sector do campionato de España xuvenil, e participación na fase de sector do campionato de España infantil en Astillero (Cantabria), e subcampionato provincial alevín (2010); subcampionato galego e oitavos de final no campionato de España cadete en Zaragoza, e subcampionato galego alevín (2011).

Amais dos torneos oficiais, o club participou en numerosos torneos non oficiais, tanto en Galicia (Lourenzá, Lugo, Baiona) como no resto de España (Ponferrada, Logroño) e Portugal (Coímbra), resultando gañador nalgunhas ocasións.

OrganizaciónEditar

No período de aprendizaxe-formación desenvólvese, de setembro a maio de cada tempada, unha escola de baloncesto de base onde se aprenden os fundamentos e a técnica do baloncesto. Neste período admítense tanto nenos como nenas. O período de competición federada está dirixido unicamente a rapazas e céntrase na participación dos equipos femininos nas competicións locais, zonais e autonómicas organizadas polas federacións ferrolá e galega de baloncesto.

O club ten equipos nas categorías femininas de alevín, infantil, cadete e xuvenil. Non posúe equipo sénior pois a filosofía do club está orientada á formación de baloncestistas. Porén, facilítase o acceso das xogadoras formadas no club a outros equipos de categoría sénior onde poidan continuar a súa carreira deportiva.

Desde o ano 2001 organiza un torneo de minibasket ao final da tempada. Outras actividades son o Campus de Semana Santa desde 2007, o torneo 3x3 de Nadal, o torneo Festas das Peras e as Xornadas de Tecnificación de Verán.

Baloncestistas destacadasEditar

Ao longo da súa existencia, moitas foron as xogadoras do club que formaron parte tanto das seleccións de Ferrolterra, como das galegas en tódalas categorías que posúe o club.

Entre as xogadoras formadas no club e que chegaron a competiren en competicións de primeiro nivel, destacan Iria Villar Fernández, que xogou na división de honra española no Real Club Celta de Vigo, e que formou parte da selección galega de baloncesto absoluta nos anos 2006 e 2007 sendo xogadora do Ciudad de Burgos. Mónica Vila Allegue xogou na primeira división española no Club Cluny de Santiago de Compostela. María Varela Manso xogou na primeira división española no Club Pío XII de Santiago.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • La Voz de Galicia, 15 de xaneiro de 1993.
  • Artigo sobre o club no programa das Festas das Peras de Pontedeume, ano 1994.
  • Número de xullo 2010 da revista Pegadas.