Cladodio

caule de plantas aplanado e fotosintetizador

Un cladodio é unha póla (macroblasto) comprimida, aplanada, ou até laminar, xeralmente con follas rudimentarias, de cor verde, na que se realiza, polo tanto, a función clorofílica.[1] É dicir, exerce na planta a función dunha folla.

Opuntia ficus-indica, cladodios e froitos.

É un caule modificado que ten a aparencia duna folla e que a substitúe nas súas funcións, porque as follas existentes son moi pequenas ou rudimentarias para poderen cumprir as súas tarefas.

Cando son os pecíolos os que se especializaron para teren a aparencia e as funcións das follas, non son cladodios senón filodios.[1]

Etimoloxía

editar

O termo cladodio é unha adaptación do latín científico cladodium, derivado do grego antigo κλάδος kládos, "ramiña".[1]

Cladodios e filóclados

editar

Segundo Strasburger, nos caules con función foliar, o parénquima cortical dos caules herbáceos é verde a causa dos cloroplastos, e tamén neles ten lugar a fotosíntese. Esta función, que destaca claramente nos arbustos xenistoides, pode forzarse aínda máis nos caules planos, os platíclados. Estes son braquiblastos, filóclados, ou macroblastos, cladodios. As follas reducíronse a escamas, ou a espiñas, ou caen prematuramente.[2]

Algúns autores empregan o termo cladodio como sinónimo de filóclado. Porén outros distinguen entre ambos os termos, recomendando que se reserve o nome de filóclado para as ramas laminares de crecemento limitado, e que se aplique o de cladodio aos brotes dilatados. Pola súa parte Fitting, en Strasbuger, vén a expresar o mesmo criterio cando chama cladodios aos macroblastos e filóclados aos braquiblastos, uns e outros aplanados e comprimidos. No seu sentido primixenio, tal e como o definiu Martius, o cladodio é un órgano de natureza axial e mos ou menos foliiforme (en forma de folla), de morfoloxía e nervadura variábeis. Porén, en moitos casos resulta difícil facer a distinción entre ambos os conceptos.[1]

Rexistro fósil

editar

Os cladodios identificáronse en fósiles encontrados desde o pérmico.[3]

Galería

editar
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. Tomo I. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-3350-076-7.
  2. Strasburger 1994, p. 196.
  3. Karasev, E. V.; Krassilov, V. A. (2007). "Late Permian phylloclades of the new genus Permophyllocladus and problems of the evolutionary morphology of peltasperms". Paleontological Journal 41 (2): 198–206. doi:10.1134/S0031030107020104. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. 8ª edición. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-0979-0.