Cinocilio
Latín Kinocilium
Dorlands/Elsevier 12471150

Un cinocilio (kinocilium) é un tipo especial de cilio situado no ápice das células ciliadas ou pilosas situadas no epitelio sensorial do oído interno dos vertebrados, tanto no epitelio que informa sobre o equilibrio do aparato vestibular adulto coma no epitelio auditivo coclear (este só na morfoxénese en humanos, xa que despois o cinocilio se perde).

Anatomía en humanos editar

Os cinocilios encóntranse na superficie apical das células ciliadas do oído e están implicadas tanto na morfoxénese do feixe ciliado destas células e na mecanotransdución. As vibracións (tanto causadas polo movemento coma por ondas sonoras) causan o desprazamento do feixe ciliado, o que ten como resultado a despolarización ou hiperpolarización na célula ciliada. A despolarización das células cliadas en ambos os casos causa a transducións de sinais por medio da liberación de neurotransmisores.

Papel do feixe ciliado na morfoxénese editar

Cada célula ciliada ten un só cinocilio microtubular. Antes da morfoxénese do feixe ciliado ou piloso, o cinocilio encóntrase no centro da superficie apical da célula ciliada rodeado de 20 a 300 microvilosidades. Durante a morfoxénese do feixe ciliado, o cinocilio móvese á periferia da célula determinando a orientación do feixe ciliado. A medida que se move o cinocilio, as microvilosidades que o rodean empezan a alongarse e formar estereocilios de actina. En moitos mamíferos o cinocilio sofre regresión unha vez que madurou o feixe ciliado.[1] Por exemplo, as células ciliadas cocleares humanas adultas teñen moitos pelos (estereocilios ou microvilosidades) pero perderon xa o seu cinocilio, aínda que conservan a raíz ciliar co centríolo. A flexión destes estereocilios ao ser movidos ao contactar coa membrana tectoria é fundamental para a audición.[2]

Aparato vestibular editar

Os cinocilios están presentes na crista ampular dos condutos semicirculares do oído e nas máculas do utrículo e sáculo. As máculas están cubertas dunha capa de xelatina e de otólitos, e as cristas ampulares por unha cúpula xelatinosa móbil. O cinocilio é o cilio máis longo situado na célula ciliada ou pilosa rodeado de decenas de esterocilios (microvilosidades). Durante o movemento do corpo, a célula ciliada é despolarizada cando os estereocilios se moven cara ao cinocilio. A despolarización da célula ciliada causa que se libere un neurotransmisor e haxa un incremento da frecuencia de disparo de impulsos no nervio cranial VIII (estato-acústico). Cando os esterocilios se inclinan separándose do cinocilio, a célula ciliada é hiperpolarizada, diminuíndo a cantidade de neurotransmisor liberado, o cal diminúe a frecuencia de envío de impulsos do nervio cranial VIII.[3]

Anatomía en peixes e ras editar

Os peixes e anfibios teñen cinocilios nas células ciliadas do seu oído e da liña lateral. A superficie apical dunha célula ciliada sensorial de peixe xeralmente ten numerosos estereocilios e un só cinocilio moito máis longo. A diferenza dos mamíferos, o cinocilio non sofre regresión e permanece como parte do feixe ciliado despois da maduración das células ciliadas. A flexión dos estereocilios cara a ou separándose do cinocilio causa un incremento ou diminución na taxa de envío de impulsos da neurona sensorial que innerva as células ciliadas na súa superficie basal.[4]

As células ciliadas das liñas laterais de peixes e algunhas ras utilízanse para detectar os movementos da auga arredor dos seus corpos. Estas células ciliadas están incrustadas nunha protrusión xelatinosa chamada cúpula. As células ciliadas non poden verse na superficie da pel, xa que están dentro das estruturas sensoriais da liña lateral.[5][6]

Notas editar

  1. Schwander M, Kachar B, Müller U (July 2010). "Review series: The cell biology of hearing". The Journal of Cell Biology 190 (1): 9–20. PMC 2911669. PMID 20624897. doi:10.1083/jcb.201001138. 
  2. Dale Purves, George J Augustine, David Fitzpatrick, Lawrence C Katz, Anthony-Samuel LaMantia, James O McNamara, and S Mark Williams. Neuroscience, 2nd edition. Sunderland (MA): Sinauer Associates; 2001. ISBN 0-87893-742-0. Hair Cells and the Mechanoelectrical Transduction of Sound Waves
  3. Ross. 2006. Histology: A Test and Atlas.
  4. David H. Evans,James B. Claiborne. The Physiology of Fishes. Third Edition. Páxina 395. Google books. [1]
  5. Åke Flock and Arndt J. Duvall. The ultrastructure of the kinocilium of the sensory cells in the inner ear and lateral line organs. J Cell Biol. 1965 Apr 1; 25(1): 1–8. PMCID: PMC2106605. [2]
  6. Bloom G.Z. Studies on the olfactory epithelium of the frog and the toad with the aid of light and electron microscopy. Zellforsch Mikrosk Anat. 1954;41(1):89-100. PMID 14360477 .

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar