Os estereocilios son especializacións da parte apical das células presentes en certas células epiteliais.

Son longas proxeccións con forma de apéndices, que carecen de mobilidade. Aínda que se parecen a cilios no seu aspecto e nome, non teñen nada que ver con eles, e están máis relacionadas cos microvilli na súa estrutura interna, función, e falta de movemento, polo que son ás veces considerados como unha variante destes [1]. No seu interior teñen un esqueleto de microfilamentos de actina igual ca os microvilli e carecen da tubulina típica dos cilios.

Ollados con microscopio óptico son semellantes ao penacho dun pincel, xa que están ramificados e non son todos da mesma lonxitude. Os do epitelio cilíndrico pseudoestratificado do conduto do epidídimo penetran varios microns na luz do conduto, teñen aspecto de microvilli moi longos e flexibles e de maior diámetro na base, que se entrelazan con outros nas puntas.[2]

Encóntranse no epitelio do epidídimo, onde levan a cabo a función de segregar un líquido chamado licor epididimario, que é un compoñente do seme; e nalgúns tecidos sensoriais, como os mecanorreceptores do son e o equilibrio do oído interno, nos cales ten lugar unha transdución mecanoeléctrica, xa que a flexión do estereocilio provoca a apertura ou peche de canais iónicos do estereocilio, creando un potencial eléctrico na célula.

  1. Krause J. William (July 2005). Krause's Essential Human Histology for Medical Students. Universal-Publishers. pp. 37–. ISBN 978-1-58112-468-2. Consultado o 25 November 2010. 
  2. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxina 74. ISBN 84-7605-361-4

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar