Ciclismo en pista

O ciclismo en pista é unha modalidade ciclista caracterizada porque se disputa en velódromos con bicicletas especiais. As bicis de pista son especialmente deseñadas para esprintar que teñen un eixe pedalier situado a máis altura que as bicicletas de estrada para que non golpeen o chan. Ademais estas bicicletas non teñen freos nin cambios, son de piñón fixo. A primeira carreira de pista está considerado que son as Seis Días de Londres, que se crearon en 1878.

Competición de ciclismo en pista en Cali.

Probas editar

Velocidade individual editar

 
Lanzamento dun sprint.

Esta proba conta con dúas fases diferentes: a clasificación e o torneo de roldas de eliminación. A clasificación consta dun sprint individual de 200 metros despois de facer un lanzamento dando varias voltas ao velódromo acelerando. Segundo o tempo que marque o ciclista na clasificación, toca un emparellamento ou outro (ao primeiro tócalle o último, ao segundo o penúltimo, ao terceiro o antepenúltimo e así sucesivamente) para celebrar o torneo de eliminación. Normalmente en cada rolda participas 2 persoas aínda que dependendo do número de participantes e da organización, os duelos poden chegar a ser de ata 4 ciclistas. Logo de percorrer 3 voltas, o clasificado é o que chega de primeiro á meta. Ás veces tamén hai repescas para completar as clasificacións.

Velocidade por equipos editar

Antes coñecida como velocidade olímpica é unha competición na que un equipo de 3 integrantes en categoría masculina e de 2 en categoría feminina, realizan un sprint sen aceleración previa. Cada corredor percorre unha volta ao velódromo en primeira posición do grupo. Por iso, os homes dan 3 voltas e as mulleres 2. O cronómetro párase cando o último ciclista cruza a meta. Gaña o equipo que faga menos tempo.

Quilómetro contra o reloxo editar

Esta carreira percorre 1000 m (500 en competicións femininas) na cal o ciclista comeza quedo dende unha máquina que non permite saír antes de que o reloxo comece a contar. Aquí vence o corredor que conclúe os metros correspondentes no menor tempo posíbel.

Persecución individual editar

Nesta modalidade dous corredores enfróntanse saíndo dende dúas contrametas (puntos opostos) nunha distancia de 4 km os homes e 3 as mulleres. A primeira é unha fase clasificatoria onde os 4 mellores tempos pasan ás finais. Nas finais gaña o velocista que se acerca máis ao outro e por conseguinte, o que fai menos tempo.

Persecución por equipos editar

 
Unha persecución por equipos feminina en Londres 2012.

Nesta proba dous equipos de 4 ciclistas (3 en mulleres) enfróntanse saíndo cada conxunto dende dúas contrametas coma na persecución individual. Os ciclistas tamén inician a carreira dende unha posición estática e percorren 4 quilómetros. Gaña o equipo que fai o menor tempo. O cronómetro párase cando a quinta roda do equipo pasa pola meta.

Carreira por puntos editar

Esta carreira cobre unha distancia de 25 a 40 km (160 voltas) dependendo das medidas do velódromo. A clasificación final establécese polos puntos sumados por cada ciclista nos sprints celebrados cada 10 voltas onde unha campada avisa a disputa dos puntos. As puntuacións son: o 1º en cada sprint lévase 5 puntos, o 2º 3 puntos, o 3º 2 e o 4º 1 punto, ademais, se un ciclista que vai en cabeza chega de novo ao grupo logra 20 puntos. Ao rematar a carreira o gañador é o que consegue máis puntos.

Keirin editar

 
Un keirin nos Estados Unidos.

Modalidade na que varios corredores (de 6 a 8) disputan un sprint despois de percorrer un número de voltas determinado detrás dun lanzador que vai en ciclomotor ou motocicleta ata alcanzar os 40 km/h, nese momento o lanzador abandona a pista e comeza un sprint que normalmente dura 2'5 voltas, pero que pode variar dependendo da lonxitude do velódromo. O Keirin (競輪) creouse no Xapón en 1948 e fíxose olímpico nos Xogos Olímpicos de 2000 de Sidney.

Scratch editar

Esta é unha proba en liña na cal un pelotón duns 25 ciclistas compiten sabendo as voltas que teñen que dar. En categoría masculina a carreira é de 15 km e en categoría feminina 10 km. Gaña a persoa que chega antes á meta.

Proba de eliminación editar

Trátase dunha proba na que normalmente corren de 20 a 30 ciclistas. Realízase unha volta lanzada e xusto despois comeza a carreira. Cada dúas voltas soa unha campá que ordena un sprint. En cada sprint, o ciclista que pase último coa roda traseira queda eliminado. A carreira continúa ata que só quedan dous ciclistas. O vencedor dese último sprint entre dous é o gañador da carreira.

Ómnium editar

A ómnium é unha competición múltiple na que os ciclistas compiten en 6 modalidades distintas. Os ciclistas teñen que ser capaces de combinar e ser competitivos en todas as disciplinas para gañar, xa que o ómnium conta con probas de velocidade de resistencia como: a velocidade individual, a carreira por puntos, a persecución individual, a proba de eliminación, o scratch... Os puntos repártense ao final de cada proba, pero en orde inversa, ou sexa, o primeiro leva 1 punto, o segundo 2 e así sucesivamente. O ómnium vénceo o ciclista que logre menos puntos. En caso de empate a puntos, o que teña menos tempo entre a combinación das tres probas por tempo gaña.

Probas da categoría masculina:

  • Volta lanzada
  • Carreira por puntos de 30 km
  • Proba de eliminación
  • Persecución individual de 4 km
  • Scratch
  • Quilómetro contra o reloxo

Probas de categoría feminina:

  • Flying lap
  • Carreira por puntos de 20 km
  • Proba de eliminación
  • Persecución individual de 3 km
  • Scratch
  • 500 m contra o reloxo

Carreiras de Seis Días editar

 
Proba de Madison.

Entre novembro e marzo, os mellores ciclistas europeos gañan a vida correndo estas carreiras. Os Seis Días modernos non son de tanta dureza como as primitivas, que se celebraron dende 1896, nas que os participantes botaban os seis días correndo e facendo distancias duns 3.300 km con só breves paradas para descansar e recibir mensaxes.. Os Seis Días actuais son máis normais e duran oito horas por día.

Madison ou americana editar

Esta proba é o acontecemento central das carreiras de Seis Días. É unha variación da carreira por puntos na cal participan ata 19 equipos de tres corredores, chegando a haber até 57 corredores en pista. Caracterízase pola maneira en que se dan os relevos, agarrándose do brazo do compañeiro e aproveitando para aumentar a aceleración co impulso. A máxima lonxitude a percorrer é de 70 km con sprints cada 21 km e puntuando os catro primeiros da mesma maneira que na carreira por puntos. Se se dobra ao segundo gáñase por distancia.

 
Bradley Wiggins batendo o actual Récord da Hora.

A Hora editar

Artigo principal: Récord da Hora.

Esta é unha proba individual que busca contabilizar a maior cantidade de voltas e quilómetros percorridos, onde o ciclista corre só no velódromo sen máis competidores para intentar bater o récord de máis distancia percorrida nunha hora.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar