O charrasco é un instrumento idiófono de percusión, da familia dos sistros, pertencente a tradición musical galega. Non debe confundirse coa charrasca, instrumento de música latina, en ocasións chamado tamén charrasco.

Grupo de gaiteiros portando un Charrasco

Características editar

Consistente nun longo mastro cun bastidor cadrado ou con travesas (normalmente tres) na parte superior nas que se sitúan un bo número de ferreñas. No cumio do pau central adóitase a colocar un par de ferreñas máis grande. Un arame suxeito o mastro o percorre o instrumento de arriba a baixo, mentres que unha ponte o separa do instrumento e o tensa. Tócase collendo o instrumento pola metade cunha man mentres que coa outra ráspase cun pau cheo de fenda contra o arame para facer a modo de riscados. Mentres tamén se vai batendo co mastro no chan, facendo a parte forte do ritmo.

O seu son é bastante barulleiro. En ocasións na parte inferior do mastro colócase unha lata que aumenta inda máis a sonoridade do instrumento. Por ese motivo adoita a acompañar a outros instrumentos de bastante potencia sonora como gaitas.

Usos editar

Está especialmente asociado as festas do entroido e do Nadal, tanto no seu uso tradicional como en usos máis modernos.

O seu uso tradicional é moi reducido xeograficamente, estando só documentado no val do río Ulla[1]. Algunhas fontes citan a Xosé Raído, O Patelas como autor da recuperación do instrumento a partir da esquecida tradición en Cuntis[2]. Pero ademais do seu uso tradicional, é moi habitual velo formando parte das charangas galegas de Nadal, unha formación típica das Rías Baixas que percorre as rúas durante as festas que se celebran o fin de ano. Mais modernamente algúns grupos de música folk galegos como Na Lúa, ou algunhas bandas de gaitas téñeno empregado en gravacións de estudio ou concertos.

Notas editar

  1. Carpintero Arias, Pablo (2009). Instrumentos tradicionais galegos - Unha selección natural. Ourense. Difusora de letras, artes e ideas, S.L. ISBN 978-84-937421-1-9. , p. 25
  2. "Patelas, o gaiteiro de Cuntis". Memoria de Cuntis, na Blogoteca. 08/05/2008. Consultado o 17/06/2010. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar