Centristas de Ourense

Centristas de Ourense foi un partido galego activo na provincia de Ourense, xurdido da desintegración da Unión de Centro Democrático, despois da desfeita das eleccións xerais de 1982.

HistoriaEditar

Nado e formado a primeiros de 1983 por antigos membros ourensáns de UCD, é dicir, alcaldes e concelleiros desta provincia. Na súa asemblea constituínte en marzo de 1983 foi elixido como presidente, Manuel Ubaldo Atanes Romero, e como secretario xeral, José Lage Lage, figurando como un militante máis, Eulogio Gómez Franqueira.

Nas eleccións municipais de 1983, Centristas de Ourense concorreu en coalición conxuntamente co Partido Galeguista, excentristas doutras provincias e a Converxencia Galega de Independentes, baixo a denominación de Coalición Galega. En maio de 1983 a coalición acadou 63 das 92 alcaldías da provincia de Ourense, así como a maioría na Deputación de Ourense (13 deputados). Na asemblea de xuño de 1983 nomeouse como secretario xeral, Santos Oujo Bello, en substitución de José Lage Lage.

No congreso extraordinario de Centristas de Ourense en marzo de 1984, acordouse por unanimidade a integración, por fusión, en Coalición Galega. Na mesa deste congreso, ademais do presidente e o secretario xeral anteriormente nomeados, aparecían: Victorino Nuñez Rodríguez, presidente da Deputación de Ourense, Senén Bernárdez  Álvarez, senador e deputado da Cámara galega, Aurelio Miras Portugal , deputado provincial, e Manuel Vázquez Outeiriño (alcalde da Merca) en representación dos alcaldes da provincia.

Coa escisión de Coalición Galega en marzo de 1985, gran parte dos seus membros, entre eles 34 alcaldes, integrouse no novo partido creado por Victorino Núñez, Centristas de Galicia.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar