Castelo de Frías

O Castelo de Frías, oficialmente Castelo dos duques de Frías e tamén chamado Castelo dos Velasco, atópase no concello de Frías no norte da provincia de Burgos en Castela e León.

Castelo de Frías
ben de interese cultural
ConcelloFrías
ProvinciaBurgos
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas42°45′44″N 3°17′43″O / 42.76222222, -3.29527778Coordenadas: 42°45′44″N 3°17′43″O / 42.76222222, -3.29527778
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico-gótico (século XI-XVI)
Estilo actualBo estado
editar datos en Wikidata ]

Sitúase sobre a pena de La Muela, arredor do cal se desenvolve a armazón urbana da vila de Frías. Dende a súa privilexiada situación controla o Val de Tobalina e o paso do río Ebro mediante a ponte, tamén fortificada, que se sitúa aos seus pés. Esta é unha das rutas principais que uniron, historialmente, a meseta castelá coa cornixa cantábrica.

Está considerado como un dos castelos roqueiros máis espectaculares de Castela. O conxunto actual está conformado por unha mestura de construcións de diversos séculos: XII, XIII, XV e XVI.

Construído en cachotaría, o edíficio está ben conservado. O seu está interior exento de construcións auxiliares. O castelo ten usos turístico e dedícase tamén á realización de eventos lúdicos e deportivos. O castelo xunto á igrexa de San Vicente de Frías coroan a armazón urbana que rodean o outeiro de La Muela e son os vértices referenciais da silueta da vila.

Está protexido polo Decreto 22 de abril de 1949 e pola Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español.

Historia editar

A primeira mención da fortaleza de Frías data do ano 867. A súa orixe reside na fortaleza defensiva nun punto de alto valor estratéxico na loita contra os musulmáns.

En 1201 compleméntase coa construción da muralla e pasa ás mans da coroa tras ser entregado polos Armengol. O rei Afonso VIII refórmao dotándoo de novas defensas, pois chega a ser unha peza importante no control do territorio ao substituír o Castelo de Petralata nesas funcións.

En 1446, o castelo foi cedido a Pedro Fernández de Velasco y Solier, realizando este un importante labor de restauración. En 1450 a vila de Frías, gobernada ata ese momento polo poder real, non aceptou de bo grado o sometemento ao novo señor. Tras un longo asedio, os veciños deberon desistir. Os Reis Católicos crean o Ducado de Frías para os Velasco en 1492. Na segunda metade do século XV adáptase o seu uso á de artillaría, coa apertura de canoneiras e troneiras.

A súa función militar cesou tras a Guerra de Independencia. En 1920 pasa a mans municipais que intentou subastalo. Destinouse a lugar de esparexemento da poboación, no seu patio de armas realizábanse diferentes xogos populares e eventos deportivos. Unha vez restaurado ese foi un dos elementos estrela da oferta turística e cultural da cidade.[1]

Descrición editar

Situado no outeiro de La Muela, sobre o paso do Ebro e a vía procedente de Vadillo, dominado a única entrada á cidade o castelo de Frías mantén unha curiosa característica, o conxunto da torre da homenaxe está situado nunha rocha separada do resto da construción con defensas e alxibe propios. Está rocha tivo varios desprendementos, hai polo menos tres documentados, que alteraron a súa estrutura.

Ao pé da torre da homenaxe, sitúase un recinto cuadrangular formado por altas murallas ameadas cun paseo de rolda e senllas torres redondas nos vértices exteriores. No recinto estaba o patio de armas, baixo o cal hai un grande alxibe cun pozo central, e aos lados estaban os edificios destinados a residencia no sur, pódense observar aínda os ventanais adornados por capiteis historiados, e para usos auxiliares (adegas, almacéns, cortes, etc...) ao norte.

O acceso realizábase mediante unha ponte levadiza que salvaba un foso escavado na rocha, tras el unha anteporta e no medio do muro a porta protexida mediante os sistemas de defensa de torre-porta.

Porta de acceso editar

Tras o foso salvado mediante unha ponte levadiza encontrámonos cunha anteporta, de clara función defensiva, dando un acceso oculto e abeirado baixo a torre-porta na que hai unha bufedeira, na que aínda hoxe en día é posible contemplar restos de vans en forma de canoneiras, troneiras e seteiras nos merlóns. A porta refórzase cunha tranca de ferro e unha reixa de aceiro ou madeira.

Na parte norte do patio de armas. baixo unha pequena torre, ábrese unha pequena porta de acceso ao castelo. Esta porta podíase utilizar como saída de emerxencia.

Patio de Armas editar

 
Patio de Armas

O recinto interior adopta a forma dun cadrado, que na súa orixe estaría parcialmente cuberto, no seu lado sur situábanse as estanzas dos residentes e ao norte as de servizos. No centro, consérvase un alxibe ao que se accede cun pozo central. O acceso é pola parte leste e ao oeste álzase, sobre unha pena, a torre da homenaxe.

O muro do lado sur conserva tres ventanais aximezados adornados con capiteis románicos historiados datados entre finais do século XII e comezos do XIII. Estes capiteis están decorados con cabaleiros e figuras mitolóxicas. En detalle a decoración dos capiteis é:

 
Ventanais con capiteis
  • Capitel 1, baixo un deseño xeométrico pódense observar catro aspias de complicada plumaxe unidas polas ás e a cola suxeitando nas súas poutas unha serpe.
  • Capitel 2, sobre un fondo de follas vense tres xinetes con escudos e espadas ou lanzas. Nunha das caras hai unha centáurea dando de mamar a súa cría. O fuste desta columna está ornamentado.
  • Capitel 3, hai catro grifóns.

Torre do Reloxo editar

Na torre sur do muro da fachada este, a que queda sobre o núcleo urbano, situouse sobre o século XVI ou XVII un reloxo con campá para o servizo dos cidadáns. Actualmente o reloxo que se amosa no interior da torre corresponde ao século XVII e o servizo, que se segue prestando, realízase cun reloxo eléctrico. Esta torre de forma cilíndrica está situada no extremo oposto en relación á torre da homenaxe.

Torre da Homenaxe editar

 
Torre da Homenaxe

A torre da homenaxe elévase de forma independente do resto da construción. É de planta poligonal e está construída en cachotaría. A torre únese ao resto do castelo por unha angosta escaleira. Consérvanse capiteis en columnas aximezadas. Dentro da torre, hai un par de estanzas abovedadas, e sobre elas unha terraza ameada con torreciñas sobre mísulas nos ángulos do leste. A parte superior está datada no século XV mentres que a inferior é dos restos máis antigos da fortaleza.

A torre da homenaxe tivo tres caídas documentadas ao longo da historia. A última delas, acontecida en 1830 e con 30 vítimas mortais, tivo que ver coa voadura dunha das portas das murallas da vila por parte do exército de Napoleón durante a guerra da independencia.

Sistema de defensa editar

O sistema defensivo que se acabou conformando baseábase na separación da fortaleza do núcleo urbano, único lugar por onde se lle podía atacar con facilidade, e uns grandes muros ameados co paso de rolda. No paso de rolda, corre polo muros leste, oeste e sur, sitúanse as ameas nas que se construíron seteiras. No século XV realizouse unha modificación para a artillaría construíndo canoneiras e troneiras.

O foso, a anteporta, o paso de rolda ameado e a torre da homenaxe separada e autónoma do resto do castelo constituían un eficaz sistema defensivo que complementaba á muralla que rodeaba o outeiro de La Muela, protexendo e determinando os límites da vila de Frías. Nesta muralla abríanse tres portas, a de Medina, a do Postigo e a da Cadea ou da Vila, esta última foi destruída polas tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia.

Notas editar

  1. "Castelo de Frías en Castelos de España". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2013. Consultado o 06 de abril de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Castillos de Burgos. Javier Remón Bernard. Ediciones Lancia. Madrid, 1993

Ligazóns externas editar