Sonda Cassini-Huygens

sonda espacial
(Redirección desde «Cassini-Huygens»)

Cassini-Huygens é unha sonda espacial feita en colaboración entre a NASA, a Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia Espacial Italiana. Foi lanzada o 15 de outubro de 1997 ás 8:43 UTC desde Cabo Cañaveral, Estados Unidos, sobre un foguete Titan IV. A sonda finalizou a súa misión o 15 de setembro de 2017 ao entrar na atmosfera de Saturno de maneira intencionada ao rematar a súa vida útil.[1]

Representación artística da sonda Cassini-Huygens sobre Saturno.
Voo da sonda espacial Cassini-Huygens: o voo comeza na Terra, sobrevoando dúas veces a Venus e unha á Terra antes de achegarse a Xúpiter, aproveitando o impulso gravitacional dos planetas para coller abonda enerxía cinética e achegarse a Saturno.
Titán dende a sonda Cassini, o 26 de outubro de 2004.

A viaxe cara a Saturno fíxose usando catro veces a asistencia gravitacional: Venus o 27 de abril de 1998 e 24 de xuño de 1999, a Terra o 18 de agosto de 1999 e Xúpiter o 30 de decembro de 2000.

A duración nominal da misión a partir da súa chegada ó sistema planetario foi de catro anos, ata xullo de 2008, estendéndose ata 2017 en que se desintegrou na atmosfera do planeta.

A sonda editar

Cassini-Huygens é unha sonda de 5650 kg (peso no lanzamento) composta de dous módulos: o orbitador Cassini, feito para a exploración do sistema planetario de Saturno, e a sonda Huygens, un módulo destinado a entrar na atmosfera de Titán, a lúa máis grande de Saturno.

 
Foto do 9 de febreiro de 2004 da misión Cassini-Huygens sobre o planeta Saturno. Nese intre estaba a 69,4 millóns de km.

Xúpiter editar

Cassini editar

A sonda Cassini foi feita pola NASA en colaboración coa ESA e a Axencia Espacial Italiana (para a antena de comunicación e alta ganancia). Foi chamada así polo astrónomo Jean-Dominique Cassini que estudou os aneis planetarios de Saturno en detalle e descubriu algunhas das principais lúas do planeta xigante (Iapeto, Rea, Tetis e Dione).

A sonda chegou en xuño de 2004 ós arredores de Saturno e comezou o seu programa de catro anos coa visita a Febe, a lúa coñecida máis distante de Saturno, o 11 de xuño de 2004. A inserción na órbita saturniana efectuouse o 1 de xullo de 2004 cunha serie de manobras que a levaron a cruzar os aneis de Saturno (entre os aneis F e G) e a achegarse a aproximadamente 18.000 km de Saturno (ou sexa, só 0,3 veces o raio de Saturno), o que non se repetiu ata o final da misión.

 
Toma de fotos de Titán pola sonda Cassini.

A propia misión inclúe 74 órbitas arredor do planeta xigante, incluíndo 44 sobrevoos de Titán, así como numerosos voos das outras lúas de Saturno.

Cassini transporta a bordo 12 instrumentos científicos:

  • Cassini Plasma Spectrometer (CAPS) (espectrómetro de plasma Cassini)
  • Cosmic Dust Analyzer (CDA) (analizador de po cósmico)
  • Composite Infrared Spectrometer (CIRS) (espectrómetro de infravermellos composto)
  • Ion and Neutral Mass Spectrometer (INMS) (espectrómetro de ións e masa neutra)
  • Imaging Science Subsystem (ISS) (subsistema de xestión de imaxes científicas)
  • Dual Technique Magnetometer (MAG) (magnetómetro de técnica dual)
  • Magnetospheric Imaging Instrument (MIMI) (instrumento magnetosférico de imaxes)
  • Radio Detection and Ranging Instrument (RADAR) (instrumento de radiodetección e medición de distancias)
  • Radio and Plasma Wave Science instrument (RPWS) (instrumento científico de radioondas e ondas de plasma)
  • Radio Science Subsystem (RSS) (subsistema de radio científica)
  • Ultraviolet Imaging Spectrograph (UVIS) (espectrógrafo ultravioleta de imaxes)
  • Visible and Infrared Mapping Spectrometer (VIMS) (espectrómetro trazador de mapas de luz visible e infravermella)

Huygens editar

Cassini serviu tamén de transporte a Huygens, un módulo de exploración de 318 kg destinado a penetrar na atmosfera de Titán, a lúa máis grande de Saturno, cunha composición de hidrocarburos. O seu nome provén de Christiaan Huygens, que descubriu o satélite en 1655.

Huygens foi liberado por Cassini o 25 de decembro de 2004 nunha viaxe de 22 días cara Titán, chegando o 14 de xaneiro de 2005 ás 11:30 UTC. Os seus instrumentos de a bordo permitiron o coñecemento dos detalles da composición química da atmosfera e da superficie -se ben non estaba deseñada para soportar moito tempo a atmosfera de Titán-. A sonda continuou a emitir (cunha produción de preto de 8 kbit/s) ata o esgotamento das súas baterías, ou cando Cassini (que serve de ligazón coa Terra), estivo fora do alcance da súa recepción. A duración aproximada prevista era de dúas horas a dúas horas e media, a partir da entrada na atmosfera de Titán, e rematou sendo de catro horas e trinta e seis minutos[2]. Huygens foi o primeiro obxecto realizado polo ser humano que se pousou sobre un corpo celeste do Sistema Solar exterior (máis aló do Cinto de asteroides), sendo o descenso máis lonxe ata a data (20023).[3]

Huygens está composto de dous módulos: o Modulo de entrada (ENA, ENtry Assembly) e o Módulo de descenso (DM, Descent Module). O primeiro aseguraba o transporte do segundo despois da separación de Cassini cara a Titán, e serviu de protección térmica na inserción na atmosfera de Titán, freando a sonda co seu paracaídas ata a liberación do Módulo de descenso. Este contiña toda a instrumentación científica, así coma os seus propios paracaídas para a aterraxe e os controis de orientación da sonda.

A instrumentación do Huygens situada no Módulo de descenso inclúe os seguintes módulos:

  • Huygens Atmospheric Structure Instrument (HASI) (instrumento de estrutura atmosférica do Huygens )
  • Doppler Wind Experiment (DWE) (experimento do vento Doppler)
  • Descent Imager/Spectral Radiometer (DISR) (radiómetro descendente de imaxe/espectral)
  • Aerosol Collector and Pyrolyser (ACP) (aerosol colleitador e pirolizador)
  • Gas Chromatograph and Mass Spectrometer (GCMS) (cromatógrafo de gas e espectómetro de masas)
  • Surface Science Package (SSP) (Conxunto científico de superficie)

Notas editar

  1. Phillips Davis, ed. (2017). "Orbit Guide - End of Mission: 15 Sep 2017" (en inglés). Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  2. http://sci.esa.int/science-e/www/object/index.cfm?fobjectid=36280
  3. "ESA Extremes". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-06-09. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar