Casitérides
As illas Casitérides[1] é o nome que na Grecia antiga se daba aos centros produtores de estaño (kassiteros) situados no Extremo Occidente. A súa localización exacta non está clara, aínda que é moi probable que o topónimo se fose desprazando cara ó norte, desde Galicia á Bretaña e de aquí a Gran Bretaña, conforme ían sendo descubertos novos centros extractores de estaño.
Historia
editarPlinio o Vello na súa Historia Natural[2] sinala que o primeiro grego que accedeu ás Casitérides foi Midácrito, personaxe do que non sabemos nada máis. Crese que os fenicios xa coñecían a ruta do estaño ou das Casitérides, unhas rutas que os cartaxineses manterían oculta até a época romana, pola súa importancia.
Heródoto (430 a.C.) xa chegara a coñecer algo sobre estas illas. Autores como Posidonio, Diodoro Siculo, Estrabón e outros defínenas como pequenas illas ó longo da costa nordés de Hispania nas que existían xacementos de estaño e, segundo Estrabón[3], tamén de chumbo. Segundo unha pasaxe de Diodoro o seu nome proviña da proximidade destas coa zona noroccidental de Hispania. Estas illas son nomeadas tamén por Tolomeo e Dionisio Periexeta: o primeiro refírese a 10 illotes na área noroccidental, lonxe das costas e que están dispostas de maneira simbólica en forma de anel; o segundo noméaas en relación coas illas Hespérides.
Notas
editar- ↑ "Casitérides, illas". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 453.
- ↑ Plinio o Vello, Historia Natural VII,197
- ↑ Estrabón (Xeografía III.5.11) chámaas "illas no mar oposto ó norte de Hispania” e dúas veces fai un excurso para enumeralas separadamente da Britania. (Xeografía, II.5.30; III.5.11).]