Casa de Pavlov

Punto estratéxico durante a Batalla de Stalingrado

A Casa de Pavlov (en ruso: дом Павлова) é un edificio de apartamentos da cidade de Volgogrado. Durante a segunda guerra mundial, foi defendido na Batalla de Stalingrado entre 1942 e 1943. Recibiu o seu nome do sarxento Yakov Pavlov, que mandaba o pelotón que tomou o edificio e o defendeu durante a batalla.

Casa de Pavlov
Casa de Pavlov durante a segunda guerra mundial
Coordenadas48°42′58″N 44°31′53″L / 48.716087, 44.531389
editar datos en Wikidata ]

O edificio

editar

A casa era un edificio de catro andares no centro da cidade de Stalingrado, construído en paralelo á marxe do río Volga e diante da Praza do 9 de xaneiro, unha gran praza cadrada cuxo nome provén do Domingo Sanguento. O edificio foi atacado polos alemáns en setembro de 1942. Na noite do 28 de setembro[1], un pelotón do 42º Rexemento da 13ª División da Garda recibiu a orde de coller o edificio e defendelo. O pelotón estaba comandado polo xove suboficial Yakov Pavlov, que substituía o seu oficial superior que estaba ferido. Aínda que o conseguiron só catro homes sobreviviron ao combate. No soto, Pavlov descubriu a un pequeno grupo de rusos, civís e militares, algúns deles feridos graves. Eles sós conseguiron defender a praza ata que, días despois, as tropas de reforzo forneceron metralladoras, fusís antitanque e morteiros.[2] A gornición de vinte e cinco homes fortificou o perímetro do edificio con arame de espiño e minas, preparando posicións de metralladoras e fusís antitanque nas fiestras. Para mellorar as comunicacións e o abastecemento dentro do edificio, derrubaron os tabiques do soto e dos pisos superiores, ademais de escavar unha trincheira que os comunicaba con posicións soviéticas no exterior. As subministracións chegaban a eles a través da trincheira despois de atravesar o río en bote, evitando os bombardeos alemáns.[3][4]

O inconveniente sempre foi a subministración de auga e comida. A falta de camas, os soldados abriron tubos de amianto para tratar de durmir neles, a pesar do fogo de metralladora alemá día e noite. Os asaltos alemáns sucedían ao longo do día. Cada vez que os tanques alemáns tentaban atravesar a praza, os homes de Pavlov concentraban fogo pesado contra eles dende o soto, as fiestras ou o tellado, deixando atrás cadáveres e aceiro. Os alemáns retirábanse unha e outra vez. Os defensores e civís rusos que continuaban a vivir nos sotos resistiron dende o 23 de setembro ata o 25 de novembro de 1942, cando foron relevados polas forzas soviéticas ao contraataque.

O destacamento de defensores da casa de Pavlov incluía representantes dun gran número de repúblicas soviéticas: o sarxento Pavlov e dous dos seus homes, Alexandrov e Afanasiev, eran rusos, Subgayda e Gluschenko, ucraínos, Mosiyashvili e Stephanashvili xeorxianos, Turganov uzbeko, Murzayev casaco, Turdiev taxico e Ramazanov tártaro.[5]

Nos mapas de batalla do 62º Exército Soviético, a casa en terra de ninguén comezou a ser chamada "Dom Pavlov" (Casa de Pavlov) e converteuse nun lugar de apoio e referencia. Os soviéticos verificaban observacións de movementos das tropas alemás, reportando, por exemplo, tanques inimigos a 200 metros ao norte da Casa de Pavlov. Nos mapas alemáns, o edificio foi marcado como un punto fortificado.

Significado simbólico

editar
 
Casa de Pavlov no seu estado actual. A inscrición no memorial di: "Neste edificio uníronse as heroicas fazañas da guerra e do traballo. Defenderémoste e reconstruirémoste, querido Stalingrado!"

A casa de Pavlov converteuse nun símbolo da resistencia numantina da Unión Soviética na Gran Guerra Patriótica en xeral e na batalla de Stalingrado en particular.

O xeneral Vassili Chuikov, comandante das forzas soviéticas en Stalingrado, declarou con sorna que os nazis perderon máis soldados tentando tomar a casa de Pavlov que tomando París.[6][7]

Foi reconstruída despois da batalla e aínda se usa como edificio de apartamentos. Na parte oriental do edificio orientado ao Volga, levántase un monumento formado polos ladrillos recollidos tras a batalla.

Polas súas accións en Stalingrado, Yakov Pavlov foi nomeado heroe da Unión Soviética[8] e recibiu a Orde de Lenin, a Orde da Revolución de Outubro, dúas Ordes da Estrela Vermella e outros recoñecementos. Despois da guerra, uniuse ao Partido Comunista e foi elixido tres veces deputado no Soviet Supremo da República Socialista Federativa Soviética de Rusia.

O último membro do grupo de Pavlov, Kamoljon Turgunov morreu o 16 de marzo de 2015, aos 93 anos de idade.[9]

  1. Craig (2000). Enemy at the Gates. Penguin Books Ltd. ISBN 0-141-39017-4. 
  2. "Battle of Stalingrad" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de febreiro de 2003. Consultado o 21 de novembro de 2019. 
  3. Mathews et al. 2012.
  4. Beevor et al. 1999.
  5. Young. Jon E. Lewis, ed. The Mammoth Book of Battles. Robinson Publishing. ISBN 1-84119-084-5. 
  6. "ЕВРОПЕЙСКИЕ КУЛЬТУРНЫЕ ЦЕННОСТИ ПОД ОККУПАЦИЕЙ" (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2009. Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  7. "Гвардейская доблесть" (en ruso). Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  8. "Yakov Pavlov 10.17.1917 - 29.09.1981 Heroe da Unión Soviética" (en ruso). Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  9. "Ушел из жизни последний защитник дома Павлова в Сталинграде Камолжон Тургунов" (en ruso). 17 de marzo de 2015. Consultado o 22 de novembro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar