Casa Baludío

pazo en Mañufe, Gondomar

A casa Baludío é unha casa grande galega situada no lugar da Texosa (parroquia de Mañufe, Gondomar), actualmente en ruínas. A casa, con terras de labranza, pertenceu orixinariamente ao mosteiro de Santa Baia de Donas, e sobre ela fundou morgado o capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa en 1623.

Casa de Baludío
ConcelloGondomar
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°06′46″N 8°46′34″O / 42.112861111111, -8.7760833333333Coordenadas: 42°06′46″N 8°46′34″O / 42.112861111111, -8.7760833333333
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

Casa e capela editar

Ao igual que o veciño pazo de Fontán, esta propiedade está en ruínas, e non existe de momento documentación que permita colocar data certa aos seus orixes. José Espinosa Rodríguez indica que cando no século XVII se fundou morgado sobre ela a través do capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa, estas terras foron con anterioridade propiedade do mosteiro de Santa Baia de Donas[1]. Esta orde feminina baixo a regra de San Bieito desapareceu sobre o século XV[2], polo que se pode afirmar que polo menos é anterior a esas datas. Tivo capela baixo advocación de Santa Catarina.[1][3]

Da casa e capela pouco queda e os seus restos están en boa parte cubertos pola vexetación. Un muro de cachotería percorre o perímetro da propiedade, e un canizo (hórreo) amosa como único sobrevivente da antiga propiedade.[4]

Do relato feito por Espinosa Rodríguez, queda unha descrición da capela que a sitúa a carón da casa principal. Sinala que no frontal o pequeno templo tiña o brasón de armas do fundador do morgado, no ano 1623, o xa mencionado capitán Álvaro Pérez de Ceta.[5] O escudo foi trasladado no século XX a unha casa da vila de Gondomar situada no cruzamento das rúas Elduayen, Urzaiz e Eduardo Iglesias[4] por decisión de Sergio Espinosa Baladrón (pai de José Espinosa Rodríguez), descendente directo da casa de Baludío.[5]

Á devandita capela pertencía unha imaxe de Santa Catarina mártir ("talla de boa man"[5]), que foi tamén trasladada por decisión da familia Espinosa, á capela da Virxe da Soidade na Mourisca, parroquia de Chaín.

Pódese engadir, relativo a este templo, que figura no Interrogatorio da fregresía de San Vicente de Mañufe, no libro do Catastro de Ensenada[6], como propiedade do fidalgo, Juan Antonio Arias de Saavedra, herdeiro do morgado.

As terras da Casa Baludío editar

No século XXI, xa case sen rastros das antigas construcións, o traballo de campo do historiador Anxo Rodríguez Lemos para a recollida de toponimia na Texosa, permitiu rescatar microtopónimos vencellados ás terras de Baludío, que orientan na posible extensión deste morgado[7].  Ao norte salienta As Tomadas de Baluído sobre o monte do Crasto de Penalba contiguo ao de Eiró nos lindes entre as parroquias de Mañufe e San Pedro da Ramallosa (Nigrán). A Granxa, outra tomada ao oeste da casa Baludío, recostada ás escolas Hispano-Americanas Pro-Val Miñor. Ao sur, e segundo se desprende do traballo de Espinosa Rodríguez, as terras chegaban polo menos até a ribeira norte do río Miñor, leiras que foron cortadas de leste a oeste pola estrada Guillarei - A Ramallosa, trazado do século XIX. Feito que foi aproveitado para o posterior parcelamento destas terras, a construción de novos edificios e a formación de novas terras de labor co achegamento de nova veciñanza á zona[5].

A xeito de confirmación, no traballo antes citado de Rodríguez Lemos, foi recollido o topónimo Baludío como terras de labor nos terreos situados entre a fronte das escolas Pro Val e o río Miñor. Sen datos concretos dos límites ao leste, cabe supoñer que serían próximos ás terras veciñas do Pazo de Fontán, casa coa que comparte época.

As terras de Baludío formaron parte dos terreos beneficiados pola obra de enxeñería civil máis importante de Gondomar no século XVII, o Acueduto do Bravo. Construído sobre o río Zamáns, permitía a través dunha canle pétrea, o rego dos campos de cultivos da zona. Como parte da súa estrutura estaba a chamada Levada do Bravo que atravesaba as terras da Baixa Redonda, Fontán até o morgado de Baludío, trazado que seguía en paralelo á beira norte do río Miñor. Para o arquitecto Soliño Troncoso é posible pensar que o morgado estivese detrás da súa construción, aínda que advirte a falla de documentación para comprobar esta teoría.[8]

Sinala o mesmo autor que esta traída de augas tiña unha pequena presa, aínda existente no río Miñor, que permitía o rego das terras do morgado. Engade que as augas eran traídas por unha desviación da canle principal, que baixaba cara o barrio da Ponte, pasando polo lugar do Acordo e grazas á devandita presa, podíanse regar tamén as terras próximas da ribeira sur do Miñor.[8]

O morgado editar

A historia do morgado está ampriamente reflectida na obra de Espinosa Rodríguez polo seu vencello familiar á casa. Tamén é posible de consultar no libro sobre pazos do Val Miñor de Carmen Pérez Pérez[3], de máis recente publicación.

A fundación, como ven dito no limiar do artigo, ten data de 1623 e correspondeu ao capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa, pertencente á casa de Ceta orixinaria de Baiona, "a de maior avoengo do Val Miñor", segundo Espinosa Rodríguez[9].

O tecido asociativo da fidalguía e parte da nobreza afincada na comarca do Val Miñor ten un claro exemplo nas vinculacións que no correr dos séculos tiveron as liñaxes que ocuparon a casa de Baludío. Comezando polo fundador do morgado, fillo de Esteban Pérez de Ceta (rexedor de Baiona) e Constanza de Abreu y Zúñiga. Álvaro casou en primeiras nupcias con Aldonza Vázquez coa que non tivo sucesión.[3] [9]

No momento de fundación do morgado, a súa muller era María Suárez de Castro. Á súa vez, esta muller estivo en primeiras nupcias casada con Manuel Pereira de Castro, da casa Pereira de Nigrán. María Suárez de Castro era ademais  filla do inquisidor Gómez Correa de Araújo e neta por liña materna do señor de Torres Brancas de Camos, e rexedor de Baiona, Pedro Arines Troncoso y Sotomayor. [9][3]

No intre da fundación do morgado de Baludío, os Arines Troncoso  tamén estaban presentes no veciño Pazo de Fontán, a través de San Juan, fillo de Pedro e a súa muller Mayor Fernández de Acuña, inda que a titularidade do devandito pazo era de María Alonso de Castro, muller de San Juan.[10]

Do matrimonio de Álvaro e María nacerán dous fillos na casa de Baludío. En 1609, Catalina Suárez de Castro, que levará os apelidos da nai; e en 1611 Gonzalo Pérez de Ceta, que herdará o morgado e será tamén capitán. A maiores, nesta tradición de casamento con vencello á acumulación patrimonial das familias fidalgas, ambos os dous casarán con irmáns da casa de Cadaval de Budiño que máis adiante fundarán as liñaxes de Cadaval vinculadas a Santa Cristina da Ramallosa e Nigrán.[3][1]

No transcurso do século XVII, Gonzalo casará con Blanca Correa Ozores, da casa Cadaval, coa que tivo tres fillas que ingresaron á vida relixiosa en Baiona. E máis tarde, en segundas nupcias con Juana Mariño de Castro (descendente da casa dos Salgado de Baiona), matrimonio de onde naceu María de Ceta, que herdará o morgado.[1][3]

Por esta liña continuará a herdanza do morgado, xa que María de Ceta casará con Alonso Arias de Saavedra y Sotomayor, señor do pazo da Gulpilleira do Porriño.

No século XVIII, a casa é reedificada por este matrimonio, segundo consta no testamento outorgado por Alonso Arias en 1704, e recollido no libro citado de Camen Pérez Pérez[3].  Desta unión nacerá un fillo que levará o mesmo nome que o seu pai, Alonso Arias Saavedra. Este novo herdeiro quedará cos morgados de Baludío e do Pazo de Gulpilleira. Destacará como caudillo das milicias do Val da Louriña. [1]

Posteriormente, casará con Úrsula de Castro Ozores, filla do capitán de Corazas e comisario xeral , Gregorio de Castro. Desta unión nacerá o novo herdeiro, Juan Antonio Arias Saavedra, que aparece como fidalgo de Mañufe no libro do Catastro do Marqués de Ensenada.[3]

Juan Antonio casará con María Jacinta Ochoa e Orcasitas coa que vivirá ao igual que os seus pais por moitos anos na casa Baludío. Nela nacerá a seguinte herdeira, María Francisca Arias Saavedra. [3][1]

María Francisca casará con Juan Antonio Patiño de la Chica, duque de Patiño, título adquirido en cuarta xeración da distinción outorgada no entón reino de Nápoles a seu bisavó Baltasar Patiño Saavedra y Moscoso por Filipe V.

Deste matrimonio  naceu tamén en Baludío María del Pilar Patiño y Saavedra, seguinte herdeira do morgado que casará con Joaquín Espinosa de los Monteros, tenente do navío da Real Armada.[3][1]

Finalmente, desta unión nacerá o derradeiro herdeiro do morgado, José María Espinosa de los Monteros y Patiño quen verá a derrogación deste privilexio coa lei de 1836. A casa seguirá na familia polo nova lei sucesoria, neste caso o herdeiro da propiedade será Sergio Espinosa, pai do historiador xa mencionado. [4][3][1]

Coa partición dos terreos no século XIX, para a construción da estrada Guillarei - A Ramallosa, as novas parcelas foron adquiridas por moitos propietarios e así atópanse as terras do Baluído até de agora, coas antigas edificacións orixinais en ruínas.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y Cosas del Valle Miñor (en Castelán). Imprenta Gutemberg. p. 49. OCLC 1080013937. 
  2. Vázquez Corbal, Margarita (2015). "El arte románico en la antigua diócesis de Tui". Minerva - Repositorio da Universidade de Santiago de Compostela (Tese de Doutoramento) (en Castelán). p. 28. Consultado o 10/06/2020. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Pérez Pérez, Carmen (2012). Un percorrido pola historia do Val Miñor. Deputación de Pontevedra. p. 41. ISBN 978-84-8457-383-8. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 96. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y cosas del Valle Miñor (en Castelán). Imprenta Gutemberg. p. 50. OCLC 432013119. 
  6. Rodríguez Lemos, Anxo. "Catastro de Ensenada. Respostas Xerais Mañufe". Blog Toponimia de Mañufe (Transcrición do orixinal). Consultado o 10/06/2020. 
  7. "Toponimia de Gondomar". Concello de Gondomar. Arquivado dende o orixinal o 26/05/2020. Consultado o 10/06/2020. 
  8. 8,0 8,1 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio Cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 94. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y Cosas del Valle Miñor (en Castelán). Imprenta Gutemberg. p. 16. 
  10. Pérez Pérez, Carmen (2012). percorrido pola historia do Val Miñor. Deputación de Pontevedra. p. 43. ISBN 978-84-8457-383-8.