Fontán, Mañufe, Gondomar
Fontán é un lugar da parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar na comarca do Val Miñor. Segundo o INE en 2019 tiña 221 persoas empadroadas (108 homes e 133 mulleres). Atópase no nordés de Mañufe, a 1 km do centro da vila de Gondomar e a 20 metros de altitude sobre o nivel do mar.[1]
Fontán | |
---|---|
Camiño e lugar de Fontán | |
Parroquia | Mañufe |
Concello | Gondomar |
Coordenadas | 42°06′48″N 8°46′13″O / 42.113472222222, -8.7701944444444 |
Poboación | 221 hab. (2019) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Límites xeográficos
editarTen unha superficie aproximada de 26,5 hectáreas e presenta os seguintes límites: a poñente, os barrios de A Ponte, A Texosa e Penalba, este ao pé do Monte de Eiró, todos pertencentes tamén a Mañufe; Vilarés e Fontenla, a norte, xa na parroquia de Vilaza, dentro do mesmo municipio; a levante co Portelo, en Vilaza, e As Gaiandas, en Gondomar, continuando ata chegar á Baixa Redonda, lugar situado nas Ribeiras do río Miñor. Este río dá nome ao Val e pecha polo sur o barrio que nos ocupa. Tanto Fontán como A Baixa Redonda son topónimos recollidos, na súa forma primitiva, nun documento de venda do século XII[2] no cal se describen os límites do couto de Vilaza, propiedade dos condes de Galicia Raimundo de Borgoña e Urraca de León. Ata A Baixa Redonda chegaba en forma de cuña a parroquia mencionada separando as de Gondomar e Mañufe. Hoxe o seu límite por este vento sitúase desprazado uns 400 m. en dirección norte, noutro punto que tamén en tempos foi de interese atópanse agora as tres parroquias.
Toponimia
editarFontán é un hidrotopónimo que con variantes repítese na xeografía galega. Ten a orixe no substantivo latino fons/fontis.[3] Nomea tanto o lugar como o camiño así como ao Pazo ou Pousa de Fóntán, situado nesta zona.
Historia
editarFontán é atravesado de poñente a levante por un camiño que no medievo e despois, durante o Antigo réxime, tivo un carácter estrutural para estas terras. Tratábase dunha vía comercial, característica perdida hai case século e medio, procedente do norte de Portugal a través do Baixo Miño o cal ademais era, e aínda é, unha das variantes do Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. O Camiño da Nosa Señora do Norte, nome asignado por Manuel Inácio Fernandes da Rocha, un dos seus máximos estudosos portugueses, sepárase do central de peregrinación en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos municipios de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e O Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295, segundo referiu Hipólito de Sa. A continuación tira cara a Tebra e logo sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aí segue baixando ao pé da Forca de Lobos ata A Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata aproximarse á parroquial de Mañufe e logo vai ao barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor. Segue polo Cruceiro do Acordo, pasa pola Pousa de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Continúa por diante do Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal coincide coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios. A continuación polo barrio da Rocha chega ao Muíño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo por Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Afonso XII, chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.[4].
O tramo que atravesa o barrio de Fontán do camiño referido probablemente coincida co que a profesora Ferreira di comunicar a ponte de posible orixe romana de Mañufe[5], a cal deu nome ao barrio arriba indicado, con A Paradela de Gondomar.[6] Ademais, Ferreira entende unha posible orixe romana para o camiño que durante a Idade Media e posteriormente comunicaba Tui con Baiona pasando por Santo Antoniño, en Couso, vía que a partir de A Feira da Doce, parroquia de Gondomar, coincidía no seu trazado co medieval de A Nosa Señora do Norte ata a Ponte de Mañufe, lugar no cal se bifurcaba: unha rama seguía a Baiona, o coñecido como Real, e a outra, unha vez cruzada a ponte, continuaba cara a Vilaza e Parada de Miñor. Quizais conveña lembrar aquí que o monte de O Picoto, a cuxo pé emprázase a actual vila de Gondomar, foi unha mina aurífera a ceo aberto de orixe romana posiblemente dotada cun castro mineiro; industria cuxa actividade probablemente se estendeu ata a Idade Media[7][8].
No punto onde o referido camiño procedente da Ponte sae de Fontán para entrar no Portelo de Vilaza, lugar no que existiu unha desviación, e aínda con dificultade pode verse, que xirando en dirección sueste baixaba por As Gaiandas. Era un camiño fondo coñecido como Matavacas que se dirixía á Paradela de Gondomar a través da granítica Ponte de Rosas, ou Rosa, a quen o historiador Espinosa catalogou de románica[9]. Esta, de cuxa traza unicamente se conserva un debuxo realizado en 1897 polo mencionado historiador, unha peza de perfil empenado composta por unha bóveda apuntada no centro e dous ocos planos, un en cada extremo, foi derrubada por unha enchente do río Vilaza en 1937. Esta parte do río nado na Serra do Galiñeiro cítase como Miñor no documento apuntado do século XII.
O tramo de camiño referido, que perdera o protagonismo a partir da segunda metade do século XIX coa construción da estrada de A Ramallosa-Gondomar-Guillarei, a cal acurtaba e melloraba esta comunicación, é seccionado sen posibilidade de tránsito a mediados do XX. Na década dos 40, tras a guerra propiciada polo alzamento militar do 36, decídese buscar substituto ao desaparecido campo de fútbol de As Cercas, levantado na segunda década do século en terras do condado de Gondomar, e constrúese o municipal de fútbol de As Gaiandas en terreos emprazados a ambas as dúas marxes da vía co conseguinte recheo desta[10]. Obras posteriores barraron a pegada restante dela dende o campo de fútbol ata a desaparecida Ponte de Rosa, substituída hoxe por unha pasarela peonil construída en aceiro e madeira.
Patrimonio
editarNo barrio de Fontán, formando parte do patrimonio material, arquitectónico mais exactamente, consérvanse as ruínas do antigo Pazo de Fontán, en tempos residencia dos condes de San Román. Unha casa da fidalguía do Antigo Réxime con varios escudos, nos que entre outros aparecen os emblemas dos Castro, Acuña, Mariño, Arines e Soutomaior, e unha capela con entrada directa dende o camiño comentado. Sábese que a casa, agora sen o carácter de pazo que lle debeu caracterizar como consecuencia das varias reformas a que foi sometida, xa existía en 1571 sendo ese o ano de fundación dun morgado sobre ela que presentaba a particularidade, por pouco usual, de ser de vinculación feminina[11]. As extensas terras desta casa grande, hoxe moi fraccionadas, incluían o lugar de A Baixa Redonda.
Existen outras dúas casas fidalgas no barrio, estas aínda en uso: a Pousa de Mera e a Pousa de Bermúdez, ambas reformadas; no segundo caso de xeito moi groseiro. A primeira foi fundada a mediados do XVI, segundo pedra de armas conservada no corredor exterior, posiblemente pola familia Pereira. A data da segunda, atendendo á inscrición conservada no lintel do portalón de acceso, sería 1757. Parece ter a súa orixe na familia Bermúdez. Na fachada oeste conserva un dobre escudo de armas. En 1995 déronse a coñecer as planimetrías das pousas de Fontán e Mera e sacáronse a luz pública por primeira vez a existencia da de Mera e Bermúdez[12].
Notas
editar- ↑ "Concello de Gondomar". Concello de Gondomar. Consultado o 06-05-2020.
- ↑ Pallares Méndez, María Carmen; Portela Silva, E. (1971). EL BAJO VALLE DEL MIÑO EN LOS SIGLOS XII Y XIII. ECONOMIA AGRARIA Y ESTRUCTURA SOCIAL. Universidad de Santiago de Compostela.
- ↑ González Chamorro, María Xosé (2002). OS NOMES DE GONDOMAR. Cadernos do IEM, nº 4. Instituto de Estudos Miñoranos.
- ↑ Soliño Troncoso, Antonio, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Gondomar: Instituto de Estudos Miñoráns. ISBN 978-84-09-06595-0. OCLC 1126495195.
- ↑ Alvarado Blanco, Segundo (1991). Pontes históricas de Galicia. Colexio Oficial de Enxeñeiros de Caminos, Canais e Portos, Xunta de Galicia. ISBN 978-84-404-8256-3. OCLC 31207072.
- ↑ Ferreira Priegue, E. (1988). "LOS CAMINOS MEDIEVALES DE GALICIA". Boletín Auriense (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense) 9 (9).
- ↑ As Covas de Sarmento. Mina Romana no Picoto. Ficha-Inventario da Consellería de Cultura da Xunta de Galícia.
- ↑ Hermida, Pascual. "LA MINERÍA ROMANA DEL VALLE DEL ROSAL AL VALLE MIÑOR.". Consultado o 20/05/2020.
- ↑ Espinosa Rodríguez, José, 1880-1966 Talleres Gráficos Gutenberg (Vigo) (1957). Kaleidoscopio gondomareño. Galiciana: Biblioteca Digital de Galicia. OCLC 1080013937.
- ↑ Soliño Troncoso, Antonio (2014). Gondomar, 1914-2014 : identidade e representación da vila condal a través da evolución dunha sociedade artístico deportiva. Instituto de Estudios Miñoranos. ISBN 978-84-617-3613-3. OCLC 1030673885.
- ↑ Espinosa Rodríguez, José. (1951). Casas y cosas del Valle Miñor. [s.n.] OCLC 432013119.
- ↑ Soliño Troncoso, Manuel ([1995?]). Gondomar : historia, arte e territorio. Ir Indo. ISBN 978-84-7680-224-3. OCLC 37238378.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Alvarado Blanco, S.; Durán Fuentes, M.; Nardíz Ortíz, C. (1991): Pontes históricas de Galicia. Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos / Xunta de Galicia. 3ª Edición.
- Espinosa Rodríguez, J. (1951): Casas y cosas del Valle Miñor. Segunda edición. Vigo.
- Espinosa Rodríguez, J. (1957): Kaleidoscopio Gondomareño. Talleres Gráficos Gutemberg. Vigo.
- Ferreira Priegue, E. (1988): Los caminos medievales de Galicia. Boletín Auriense, nº. 9, Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense.
- González Chamorro, Mª. Xosé (2002): Os nomes de Gondomar. Cadernos do Instituto de Estudos Miñoráns, nº 4.
- Pallares Méndez, Mª. Carmen; Portela Silva, E. (1971): El bajo valle del Miño en los siglos XII y XIII. Economía agraria y estructura social. Universidade de Santiago de Compostela.
- Soliño Troncoso, M.; Mosquera Veleiro, J.L.; Soliño Troncoso, Alf.; Soliño Troncoso, Ant. (1995): Gondomar. Historia, arte e territorio. Ir Indo. Vigo.
- Soliño Troncoso, A.; Pérez González, M. X.; Mouriño Pérez, R.; Alonso González, J. (2014): Gondomar 1914-2014. Identidade e representación da vida condal a través da evolución dunha sociedade artístico-deportiva. Deputación de Pontevedra.
- Soliño Troncoso, A.; Chamorro Sanromán, J. (2018): Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoráns.
- As Covas de Sarmento. Mina Romana no Picoto. Ficha-Inventario da Consellería de Cultura da Xunta de Galícia.
Lugares e parroquias
editarLugares de Mañufe
editarLugares da parroquia de Mañufe no concello de Gondomar (Pontevedra) | |
---|---|
O Barco | O Campo das Bestas | A Costa | Cristillón | A Cruz | Fontán | Galisteo | A Goldra | O Lameiro | A Moreira | Nande | Penalba | Piquetes | A Ponte | A Portavedra | Pousada | O Rapadouro | San Brais | San Sebastián | Santo André | Seidóns | A Sequiña | A Texosa | O Verdeal |