Canabarro

vasilla de olaría

Un canabarro[1] ou porrón[2] (en español: botijo) é un recipiente de barro cocido poroso empregado para conservar a auga fresca, de ventre amplo e cunha anga na parte superior, unha boca para enchelo e unha biquela para beber.[3] En olaría defínese como vasilla de corpo esferoide, unha anga na súa parte superior, e con dous ou máis buracos. Polo xeral chámase boca ao máis largo —polo que se enche—, e biquela ou bico ao outro, que produce un fino chorro ideal para beber sen demasiado refugallo.

Canabarros variados do Museo de cerámica de Chinchilla de Montearagón, Albacete.
Canabarro argárico de Beniaján, considerado o máis antigo dos achados na Península Ibérica.

O porrón é un obxecto típico da cultura mediterránea. É habitual no sur de FranciaCastela, Aragón e o terzo sur da Península Ibérica (Estremadura, A Mancha, Levante e Andalucía), menos común nas zonas húmidas da península.

O exemplar máis antigo aparecido na Península Ibérica pertence á cultura argárica e foi achado na necrópole de Puntarrón Mozo (Beniaján), próxima á capital da rexión murciana, en cuxo museo arqueolóxico se conserva; peza importante na historiografía da cerámica por se tratar dunha 'obra pechada', cun só orificio de 2 cm e a anga colocada na parte superior; a medida do porrón é de 11×9,5 cm.[4]

FuncionamentoEditar

O principio de funcionamento do canabarro é o seguinte: a auga almacenada fíltrase polos poros da arxila e en contacto co ambiente seco exterior (característica do clima mediterráneo) evapórase, producindo un arrefriado (2,219 kilojoules por gramo de auga evaporada). A clave do arrefriado está, polo tanto, na evaporación da auga exudada, xa que esta, para se evaporar, tira parte da enerxía térmica da auga almacenada dentro da vasilla.[5]

Nalgunhas rexións, antes de usalo por vez primeira, cúrase deixándoo durante un par de días cheo de auga e cun pouco anís. En zonas de litoral, para curar o barro introdúcense algúns cantos mariños pola boca de carga, déixanse en auga uns días e enxáuganse ben para que non quede resaibo a sal.

Efectos similaresEditar

No ano 2000, un profesor de escola nixeriano gañou o "Rolex Award for Enterprise" polo seu sistema de conservación de alimentos mediante un método de arrefriamento evaporativo similar ao canabarro. O seu sistema consiste en dous vasos ou potas de arxila, o máis pequeno metido dentro do maior. O espazo entre ambos énchese de area mollada. A comida ponse no vaso interior. A evaporación da auga entre as potas arrefría os alimentos e mantenos por debaixo da temperatura ambiente, sempre que a area entre as potas permaneza húmida.[6][7]

No deseño dos edificios acontece un efecto similar, chamado 'efecto canabarro' ou efecto botijo en castelán, para conseguir a autorregulación da temperatura nos cuartos das vivendas.[8][9]

NotasEditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para canabarro.
  2. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porrón.
  4. Historia y arte en la cerámica de España y Portugal. De los orígenes a la Edad Media. Les Puntxes. ISBN 978-84-611-3612-4. 
  5. Botijos contra el cambio climático (2007-2008).
  6. "El efecto botijo". www.botijopedia.com (en castelán). Consultado o 2022-05-28. 
  7. "Rolex.org - Rolex Awards". rolex.org (en inglés). Consultado o 2022-05-28. 
  8. "¿Adiós al aire acondicionado? El efecto botijo enfría la casa y es más barato". Consumer (en castelán). 2018-07-11. Consultado o 2022-05-28. 
  9. "Proyecto Aura 2012" (PDF). institucional.us.es (en castelán). 

Véxase taménEditar