Caixa de Pribnow
A caixa de Pribnow (ou caixa de Pribnow-Schaller) é unha secuencia de nucleótidos que forma parte da rexión promotora dos xenes procarióticos, que é esencial para o inicio da transcrición en bacterias. A súa secuencia de seis nucleótidos é TATAAT, polo que é rica en timina e adenina (igual que a caixa TATA eucariótica).[1][2] É unha secuencia idealizada ou consenso, que é a que se encontra con máis frecuencia no gran número de promotores que foron ananlizados, pero cada promotor en concreto pode variar da secuencia consenso nalgunha posición dos nucleótidos. Tamén se lle chama comunmente a secuencia -10, porque está centrada arredor de 10 pares de bases augas arriba do sitio de iniciación da transcrición.
A caixa de Pribnow ten unha función similar á da caixa TATA dos promotores de eucariotas e arqueas: é recoñecida por unha subunidade da ARN polimerase que se une a ela durante a iniciación da transcrición. Esta rexión do ADN é tamén o primeiro lugar onde os pares de bases se separan durante a transcrición procariótica para permitir así o acceso á cadea molde do ADN. A riqueza en AT é importante para permitir máis doadamente esta separación, xa que a adenina e a timina son máis fáciles de separar[3].
T | A | T | A | A | T |
---|---|---|---|---|---|
82% | 89% | 52% | 59% | 49% | 89% |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Pribnow, David (1975). "Nucleotide sequence of an RNA polymerase binding site at an early T7 promoter". PNAS 72 (3): 784–788. ISSN 1091-6490. PMC 432404. PMID 1093168. doi:10.1073/pnas.72.3.784.
- ↑ 2,0 2,1 Schaller, Heinz; Gray, Christopher; Herrman, Karin (1975). "Nucleotide sequence of an RNA polymerase binding site from the DNA of Bacteriophage fd". PNAS 72 (2): 737–741. ISSN 1091-6490. PMC 432391. PMID 1054851. doi:10.1073/pnas.72.2.737.
- ↑ Yakovchuk, Peter; Protozanova, Ekaterina; Frank-Kamenetskii, Maxim D. (2006). "Base-stacking and base-pairing contributions into thermal stability of the DNA double helix". Nucleic Acids Research 34 (2): 564–574. ISSN 0305-1048. PMC 1360284. PMID 16449200. doi:10.1093/nar/gkj454.
- ↑ Harley, Calvin B.; Reynolds, Robert P. (1987). "Analysis of E. coli promoter sequences" (PDF, 0.9 MB). Nucleic Acids Research 15 (5): 2343–2361. ISSN 0305-1048. PMC 340638. PMID 3550697. doi:10.1093/nar/15.5.2343.