CIFP Universidade Laboral

centro público de ensino secundario en Acea de Ama, Culleredo

Coordenadas: 43°19′06″N 8°22′18″O / 43.318333333333, -8.3716666666667

O CIFP Universidade Laboral é un centro de ensino secundario non obrigatorio do concello de Culleredo, situado en Acea de Ama.

CIFP Universidade Laboral
Enderezo
Acea de Ama (O Burgo, Culleredo)
Datas
Inauguración1964
Educación
Xestión
TipoPúblico
Na rede
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesuniversidadelaboralcoruna/

Historia editar

Ten a súa orixe na construción en xullo de 1962 da Universidade Laboral para as profesións marítimo-pesqueiras, dentro do I Plan de Desenvolvemento Económico e Social 1964-1967. Unha gran praza de acceso dá entrada ás instalacións da Universidade Laboral, de 3500 m², nun extremo da cal se ergue un mastro de navío de 38 metros de altura.

O conxunto harmonízase dende unha idea de funcionalidade do espazo, o que se concreta nunha serie de edificacións intercomunicadas a través de galerías cubertas dando lugar a un Centro singular nunha contorna única. Foi proxectada polos arquitectos José López Zanón e Luís Laorga Gutiérrez e foi elixida polo Colexio de Arquitectos da Coruña, no día Mundial da Arquitectura (edición 2001) como exemplo da “recuperación da modernidade arquitectónica no noso país nos anos 60".

A andaina do centro iníciase en outubro de 1964 co nome de Universidade Laboral “Crucero Baleares”, con dependencia do Ministerio de Traballo e subvencionado polas Mutualidades Laborais. A orientación profesional preferente era Marítimo-pesqueira, e a procedencia do alumnado, que abarcaba toda España, e a súa condición de bolseiros en réxime de internado, implicou a construción dun internado, ademais das aulas e talleres e dun importante complexo deportivo.

Cos anos seguintes viñeron sucesivas mudanzas que irán configurando a súa identidade: primeiro foi adscrito como Instituto Nacional de Ensinanzas Integradas (INEI) ao Ministerio de Sanidade; posteriormente como Centro de Ensinanzas Integradas (CEI) ó Ministerio de Educación e Ciencia, pasando a denominarse Instituto de Educación Secundaria e Profesional (IESP). Despois foi transferido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia coa denominación de IES Universidade Laboral. No curso 2021/22 foi incluído na categoría de Centros Integrados de Formación Profesional, pasando a ter o nome CIFP Universidade Laboral.

A superficie total reduciuse pola expropiación perimétrica por mor da construción da AP-9 e posteriormente pola subdivisión do recinto en cinco entidades de funcionamento autónomo: o Complexo Deportivo (dependente da Secretaría Xeral de Deportes e Xuventude), o CPI Sofía Casanova, o Centro Residencial Docente, o IES Eduardo Blanco Amor e o propio CIFP Universidade Laboral.

Oferta educativa editar

A orientación profesional de Marítimo-Pesqueira ampliouse a outras familias profesionais (Electricidade, Frío e Climatización, Electrónica de Comunicacións e Caldeirería), BUP, COU, estudos da UNED e ensinanza profesional de adultos. Andando os anos incorporouse ós novos proxectos educativos deseñados polo MEC (Bacharelatos, FP específica, Educación permanente de adultos (EPA) e Programas de Garantía Social). Despois, ao pasar a ser Centro Integrado de Formación Profesional, deixou de impartir o Bacharelato.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar