Célula G
Unha célula G ou célula de gastrina é unha célula da parede interna do estómago que segrega a hormona gastrina. Funciona conxuntamente coas células principais gástricas e coas células parietais ou oxínticas, e a súa misión principal é estimular a produción de ácido clorhídrico no estómago.
As células G atópanse na parte media das glándulas gástricas do antro do estómago, no inicio do duodeno e no páncreas fetal.[1] Aínda que non son tan numerosas coma outras células, o seu número total non é pequeno, e estimacións feitas na mucosa gástrica de cans, gatos e ratas dan unhas cifras de 500.000 células G por cm2.
Control da actividade das células G
editarEstán innervadas polo nervio vago. As fibras postganglionares do nervio vago liberan o péptido liberador de gastrina sobre as células G durante a estimulación parasimpática. Este péptido, xunto coa presenza de aminoácidos no estómago, a hipercalcemia ou a distensión do estómago, estimulan a liberación de gastrina por parte das células G.
A actividade secretora das células G está inhibida pola presenza de ácido no estómago e por algunhas hormonas como a somatostatina, secretina, GIP, VIP, glicagón e calcitonina.
Secrecións
editarA gastrina liberada polas células G é unha hormona peptídica, que se une a receptores das células parietais e das células similares ás enterocromafíns (ECL), facendo que liberen, respectivamente, ácido clorhídrico e histamina.
A gastrina únese a receptores B de colecistoquinina da superficie celular das células similares ás enterocromafíns ou células ECL, estimulándoas para que liberen histamina.[2]
A gastrina tamén estimula as células parietais ou oxínticas facendo que incrementen o bombeo as ATPases de K+/H+ da membrana celular. Isto faino a célula G de dúas maneiras: de forma indirecta incrementando a cantidade de histamina (liberada polas células ECL), e por estimulación directa pola gastrina, o que causa que a célula parietal incremente a secreción de ácido clorhídrico ao estómago ata en 8 veces.
A gastrina ten outras funcións adicionais na regulación do aparato dixestivo, xa que inflúe nas células principais, na liberación de bile, e secrecións pancreáticas e sobre os esfínteres e músculo liso gástrico.
Características histolóxicas
editarAs células G distínguense doadamente das outras células gástricas do antro. Son células piramidais, co vértice estreito estendido ata a luz da glándula gástrica, onde ten algúns microvilli; o núcleo é central e o citoplasma claro. Contén moitísimos gránulos de 150-400 nm de diámetro, algúns claros e outros máis densos, que se concentran na base da célula, que dá á lámina propia, e, de feito, liberan a súa secreción cara á lámina propia e non na luz da glándula [3].
Notas
editar- ↑ "Medcyclopaedia - iv_1/g/G_cell". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2012. Consultado o 14 de xaneiro de 2012.
- ↑ Arthur C. Guyton, John E. Hall (2006). Elsevier Saunders, ed. Textbook of Medical Physiology (11 ed.). Philadelphia. pp. 797. ISBN 0721602401.
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 637-638. ISBN 84-7605-361-4