Bupréstidos

(Redirección desde «Buprestidae»)
Buprestidae

Agrilinae (fila inferior), Chrysochroinae (fila superior, esquerda 3), e Buprestinae (outros) de Genera Insectorum
Clasificación científica
Reino: Animalia
(sen clasif.) Euarthropoda (clado)
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Elateriformia
Superfamilia: Buprestoidea
Familia: Buprestidae
Leach, 1815
Subfamilias

Agrilinae
Buprestinae
Chrysochroinae
Galbellinae
Julodinae
Parathyreinae
Polycestinae
(pero ver texto)

Os bupréstidos (Buprestidae) son unha familia de escaravellos, ás veces chamados escaravellos xoia polas súas brillantes cores metálicas e iridescentes. As larvas perforan as plantas e teñen cabezas aplanadas. A familia é unha das máis grandes dos escaravellos, cunhas 15 000 especies coñecidas de 450 xéneros. Ademais, describíronse 100 especies fósiles.[1]

As especies máis grandes e máis espectacularmente coloreadas de bupréstidos son moi aprezadas polos coleccionistas de insectos. Os élitros dalgúns bupréstidos foron utilizados tradicionalmente na arte de adornar con élitros e en xoiería en certos países de Asia, como a India, Tailandia e o Xapón.

Descrición e ecoloxía editar

A súa forma é xeralmente cilíndrica ou de alongada a ovoide, con lonxitudes de 3 a 80 mm, aínda que a maioría das especies son de menos de 20 mm. Os xéneros Catoxantha, Chrysaspis, Euchroma e Megaloxantha conteñen as especies máis grandes. Poden ter diversas cores brillantes e complicados debuxos. A iridescencia é común nestes escaravellos e non se debe a pigmentos do exoesqueleto, senón que é causada por coloración estrutural, na cal a textura microscópica da súa cutícula reflicte selectivamente frecuencias específicas da luz en determinadas direccións. Este é o mesmo efecto que fai que un disco compacto reflicta múltiples cores.

As larvas perforan as raíces, troncos e talos e follas de varios tipos de plantas, desde árbores a plantas herbáceas. Os tipos que furan a madeira xeralmente prefiren pólas mortas ou moribundas en árbores que no resto están sans, mentres que uns poucos tipos atacan madeira verde san; algúns destes son graves pragas que poden matar as árbores e causar grandes danos económicos, como o invasivo Agrilus planipennis. Algunhas especies son atraídas por bosques que se queimaron recentemente para poñeren alí os ovos. Poden percibir o fume da madeira de piñeiro queimada desde uns 80 km de distancia, e poden ver a luz infravermella, o que lles axuda a achegarse ás zonas nas que houbo incendios forestais.[2]

Hai dez especies de Buprestidae que se alimentan nas piceas e abetos, pero os Tsuga son a súa fonte de alimento preferida.[3] Igual que ocorre coas larvas dos cerambícidos (de cabezas arredondadas), a maioría da alimentación ocorre en árbores mortos ou moribundos, ou preto de feridas en árbores vivas. Os danos só son abundantes alí onde teñen a posibilidade de reproducirse continuamente. A historia vital destes escaravellos perforadores é similar á das larvas de cerambícidos, pero informouse dalgúns ciclos vitais moi longos en condicións adversas. As larvas que acabaron o seu crecemento, de ata 25 mm de longo, están aplanadas caracteristicamente e a parte anterior do corpo é moito máis ancha que o resto. Os adultos de aspecto broncíneo só se ven xeralmente onde hai material adecuado en localizacións soleadas.

Sistemática editar

A clasificación dos bupréstidos non está aínda firmemente establecida, pero parece haber cinco ou seis liñaxes principais, que poden considerarse subfamilias, posiblemente cunha ou dúas que serán elevadas a familias. Algúns outros sistemas definen ata 14 subfamilias.

As subfamilias comunmente aceptadas, con algúns xéneros representativos (non están todos) son:

 
Espécime de Agrilus biguttatus (Agrilinae)
 
Espécime de Eurythyrea austriaca (Buprestinae)
 
Temognatha alternata, un Buprestinae de 2,6 cm de lonxitude de Cooktown, Australia
 
Espécime de Capnodis cariosa (Chrysochroinae)
 
Espécime de Julodis ehrenbergii de Grecia (Julodinae)
 
Unha especie de Acmaeodera (Polycestinae)

Agrilinae – Cosmopolitas, coa maioría dos taxons no hemisferio Norte

Buprestinae – Cosmopolitas

Chrysochroinae

Galbellinae

Julodinae

Polycestinae

Notas editar

  1. "The first fossil buprestids from the Middle Jurassic Jiulongshan Formation of China (Coleoptera: Buprestidae)" (PDF). Zootaxa 2745: 53–62. 2011. 
  2. H. Schmitz, H. Bleckmann (1998). "The photomechanic infrared receptor for the detection of forest fires in the beetle Melanophila acuminata (Coleoptera: Buprestidae)". J Comp Physiol A 182: 647–657. 
  3. Rose, A.H.; Lindquist, O.H. 1985. Insects of eastern spruces, fir and, hemlock, revised edition. Gov’t Can., Can. For. Serv., Ottawa, For. Tech. Rep. 23. 159 p. (citada en Coates et al. 1994, cita orixinal de 1977)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar