Abrir o menú principal

Blackburn Olympic Football Club

Artigos de calidade
Este artigo é actualmente un candidato a artigo de calidade. Un artigo de calidade debe servir como demostración dos mellores traballos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.

O Blackburn Olympic F.C. foi un equipo de fútbol inglés de finais do século XIX co sede na cidade de Blackburn, en Lancashire. A pesar de que o club existiu só unha década, é moi importante na historia do fútbol en Inglaterra, xa que foi o primeiro equipo do norte do país e o primeiro da clase traballadora que gañou a principal competición futbolística da nación, a Football Association Challenge Cup (coñecida xeralmente como FA Cup). A copa só fora gañada por equipos afeccionados adiñeirados dos Home counties,[a] e a vitoria do Olympic marcou un punto decisivo na transición do deporte, dende un pasatempo dos homes de clase alta a un deporte profesional.

Blackburn Olympic
Blackburn Olympic 1883.jpg
NomeBlackburn Olympic Football Club
Alcume(s)The Light Blues
FundaciónFebreiro de 1878
EstadioHole-i'th'-Wall, Blackburn
Lancashire, Inglaterra Inglaterra
LigaNingunha (1878–1888)
The Combination (1888–1889)
Na casa
Fóra

O club fundouse en 1878 e nos seus inicios só participou en torneos locais menores. En 1880 ingresou por primeira vez na FA Cup e tres anos máis tarde venceu o Old Etonians F.C. en Kennington Oval, gañando o trofeo. Esta vitoria foi un factor importante na decisión tomada polo consello de administración deportivo, a Football Association, para permitir o profesionalismo. Con todo, o Olympic foi incapaz de competir cos equipos máis ricos e de mellor soporte económico da era profesional e desapareceu en 1889.

Moitos dos partidos que o Olympic xogou como local disputáronse no Hole-i'-th-Wall Stadium, que lle debe o seu nome a un pub próximo. A partir de 1880, a primeira equipación do Olympic consistiu nunha camisola celeste e pantalóns brancos. Un xogador do club, James Ward, foi convocado pola selección inglesa e outros seis xogadores internacionais xogaron para o club; entre estes encontrábase Jack Hunter, quen era o adestrador do club cando o equipo gañou a FA Cup.

HistoriaEditar

Formación e primeiros anosEditar

 
O cadro de xogadores do Olympic de 1882, amosando os dous trofeos que o club gañou neses catro anos de existencia.

O fútbol orixinouse na década de 1860 no sur de Inglaterra e era practicado por equipos de clase alta, ex alumnos das public schools e graduados de Oxbridge. Con todo, o xogo propagouse polas cidades industriais do norte na década seguinte.[1] A cidade de Blackburn, en Lancashire, tiña máis dunha ducia de equipos de fútbol activos contra o ano 1877, co Blackburn Rovers, fundado en 1875, visto xeralmente como o equipo principal da cidade.[2] O Blackburn Olympic F.C. foi fundado en febreiro de 1878 cando dous destes clubs, o Black Star e o James Street, decidiron unirse;[3] Sydney Yates, o dono dunha fundidora de ferro local, é considerado como o fundador e foi un dos principais beneficiarios do club.[4] O nome foi elixido por James Edmondson, quen fora o primeiro tesoureiro do club, e crese que se inspirara nunha recente escavación en Olympia, lugar dos antigos Xogos Olímpicos.[2] O primeiro partido do novo club foi un amigable xogado o 9 de febreiro de 1878, que finalizou con vitoria por 2-0 sobre o equipo local, o St. John's.[2] En abril, o club ingresou na súa primeira competición, a Livesey United Cup. O Olympic derrotou o St. Mark's na final para gañar o torneo e como o certame non se realizou de novo, retivo o trofeo a perpetuidade.[5]

Durante as dúas tempadas seguintes, continuou xogando partidos amigables e ingresou na Blackburn Association Cup, un torneo de eliminación directa na que só participaban os clubs locais, creado pola organización que manexaba o fútbol na cidade. O Olympic gañou a copa en 1879 e en 1880, que foi a última edición do certame, xa que desapareceu cando a Blackburn Association foi absorbida pola Lancashire County Football Association, que tiña un maior alcance. Como ocorreu coa Livesey United Cup, o trofeo mantívose en posesión do Olympic polo resto da existencia do club.[6] A diferenza do Blackburn Rovers, que estaba formado principalmente por ex alumnos das public schools, o Blackburn Olympic estaba integrado por homes da clase traballadora.[4] Ambos clubs enfrontáronse por primeira vez o 15 de febreiro de 1879, con vitoria por 3-1 do Olympic.[4]

A comitiva do club decidiu en 1880 que o Olympic debía competir por premios maiores e optou por ingresar en dúas competicións adicionais, a Lancashire Senior Cup e a Football Association Challenge Cup (FA Cup), que era a competición futbolística máis importante do país.[7] No primeiro partido do club na FA Cup, os Light Blues foron derrotados 5-4 polo Sheffield FC,[8] e perderon de novo en primeira rolda na tempada seguinte, desta volta como visitantes, cun resultado de 3-1 ante o Darwen.[9] A reputación do club na súa área de orixe estaba crecendo, polo que se organizaban partidos con equipos máis afastados, como o Sheffield Wednesday, o Nottingham Forest e mesmo contra equipos escoceses, como o Cowlairs e o Hibernians.[10] Os seus crecentes gastos foron cubertos coa axuda de Sydney Yates, que prestou apoio financeiro ao Olympic durante a maior parte da súa existencia.[11] Ao final da tempada 1881-82, o Olympic derrotou o Blackburn Rovers para obter a East Lancashire Charity Cup.[12]

ÉxitoEditar

 
O segundo trofeo da FA Cup, amosado aquí, ten un deseño idéntico ao gañado polo Olympic en 1883. O trofeo orixinal foi roubado en 1895 e nunca puido ser recuperado.

Na FA Cup da tempada 1882-83, o Olympic derrotou a catro clubs de Lancashire, o Accrington, o Lower Darwen, o Darwen Ramblers e o Church, para chegar á quinta rolda. Nesta etapa, o sorteo indicou que os Light Blues debían xogar contra un equipo galés, o Druids.[13] O Olympic derrotou o club de Ruabon por 4-1 e chegou ás semifinais, onde se enfrontou por primeira vez cun club do sur de Inglaterra, o Old Carthusians.[13] Os Carthusians, o equipo dos ex alumnos da Charterhouse School, gañaran a copa dous anos antes e mesmo os diarios de Blackburn considerábanos como os favoritos para chegar á final.[14][15] O Olympic, con todo, gañou 4-0 nun partido xogado en cancha neutral en Whalley Range, Manchester, para alcanzar a final, onde xogou con outro dos grandes equipos afeccionados, o Old Etonians, en Kennington Oval.[13] Os Etonians derrotaran o Blackburn Rovers, o clásico rival do Olympic, na final do ano anterior, que foi a primeira vez que un equipo do norte chegaba ata esa fase.[16]

Antes da final, o ex xogador da selección inglesa Jack Hunter, quen se unira ao club en 1882 en calidade de xogador e adestrador, fixo os preparativos para levar o equipo a Blackpool durante algúns días e realizar un adestramento especial. Ningún club fixera ata a data nada parecido e a idea foi considerada extremadamente orixinal.[17][18] O escritor Mark Keech sinalou na súa Encyclopedia of British Football, publicada en 2002:

This was the first recorded occasion of sustained systematic training, with players leaving home for a period of time to live communally. Esta foi a primeira ocasión rexistrada dun adestramento sistemático sostido, con xogadores que deixaban o seu fogar durante un período de tempo para vivir en comunidade.[4]

Na seguinte táboa amósase o camiño percorrido polo Blackburn Olympic para gañar a FA Cup da tempada 1882-83:[4][13]

Rolda Rival Resultado Data e lugar
Primeira Rolda Accrington 6-3 S/D
Segunda Rolda Lower Darwen 8:1[b] S/D
Terceira Rolda Darwen Ramblers 8-0 S/D
Cuarta Rolda Church 2-0 S/D
Quinta Rolda Druids 4-1[c] S/D
Semifinais Old Carthusians 4-0 S/D
Whalley Range, Mánchester
Final Old Etonians 2-1 31 de marzo de 1883
Kennington Oval, Londres

A final disputouse o 31 de marzo de 1883 en Kennington Oval, no barrio Kennington de Londres,[13] ante 8 000 persoas.[4] Os Etonians tomaron a dianteira cando Harry Goodhart marcou durante a primeira metade; con todo Arthur Matthews empatou para o Olympic na segunda parte.[19] Pouco despois, Arthur Dunn lesionouse e debeu abandonar o campo, reducindo a dez o número de xogadores do Etonians o resto do partido. O resultado mantívose igualado ao final dos noventa minutos regulamentarios. Segundo as regulacións da FA Cup, podían xogarse trinta minutos de tempo extra en caso de empate, a xuízo do árbitro, e en resposta ao fervente ánimo do público, os capitáns pediron seguir xogando para tratar de asegurar un resultado. Durante o tempo extra, a maior resistencia do Olympic comezou facerse notar. Arredor dos vinte minutos do suplementario, Jimmy Costley recibiu un pase de John Yates e pateou o balón para marcar o gol decisivo, vencendo ao porteiro do Etonian, John Rawlinson.[20] Durante o regreso do equipo a Blackburn, os xogadores formaron parte dun desfile de celebración e foron recibidos nunha recepción cívica, na cal o capitán Albert Warburton proclamou:

The Cup is very welcome to Lancashire. It'll have a good home and it'll never go back to London. A copa é moi benvida en Lancashire. Terá unha boa casa e nunca regresará a Londres.
Albert Warburton[21]
 
Final da FA Cup de 1883, gañada por 2-1 ante o Old Etonians. Na esquina superior esquerda obsérvase a Arthur Kinnaird, capitán do Etonians, e na dereita a Albert Warburton, do Olympic.

No sur, con todo, a vitoria do Olympic sobre un dos equipos afeccionados máis grandes provocou consternación. Daquela, a Football Association (a FA), o consello de administración deportivo, prohibiu que os clubs pagaran aos seus xogadores. A pesar de iso, os clubs da clase traballadora, especialmente os que tiñan a súa base en Lancashire, estaban baixo sospeita de realizar pagos ilegais aos seus xogadores dende, canto menos, 1876.[22] No inicio dunha boa racha de vitorias do Olympic, varios xornalistas e oficiais afiliados cos clubs afeccionados do sur intensificaron os seus esforzos para que a FA investigara as finanzas dos clubs do norte. Enfocáronse principalmente na viaxe de adestramento realizada en Blackpool polo Olympic, suxerindo que os xogadores non poderían terse tomado tanto tempo de traballo, a menos que o club lles estivera pagando algunha clase de soldo. Tamén xurdiron preguntas en torno aos xogadores que se trasladaban dunha cidade a outra, aparentemente co simple propósito de xogar para un novo equipo de fútbol. No caso do Olympic, Jack Hunter mudárase de Sheffield para unirse ao club.[23] Finalmente non se tomou ningunha medida contra o Olympic, a pesar de que se impuxeron castigos para outros clubs, incluíndo o Preston North End, que foi expulsado da FA Cup. Pola súa banda, isto provocou que os clubs do norte fixeran planos para romper as relacións coa FA e formar un consello de administración rival que non impuxera o chamado ideal afeccionado nos clubs.[24][25]

Deterioración e colapsoEditar

 
O Blackburn Rovers, rival local do Olympic, gañou a FA Cup por primeira vez en 1884 e axiña se transformou no club máis importante da cidade. Na fotografía, os xogadores xunto coa East Lancashire Charity Cup, a FA Cup e a Lancashire Cup.

A tempada seguinte, o Olympic chegou de novo ás semifinais da FA Cup, do mesmo xeito que o Blackburn Rovers. Cando se realizou o sorteo das semifinais, o club foi emparellado co Queen's Park e o Rovers co Nots County, ambos a partido único, abrindo a posibilidade de que os dous equipos puideran enfrontarse na final. O Olympic, con todo, foi superado e derrotado 4-0 polos seus opoñentes escoceses. O club presentou unha apelación ante a FA, baseándose na invasión do campo realizada por algúns dos 16 000 espectadores, mais non lle resultou favorable.[26] Na final, que se disputou o 29 de marzo de 1884 no Kennington Oval, o Blackburn Rovers derrotou o Queen's Park por 2-1.[27]

O club nunca puido acadar de novo este nivel de éxito. Na tempada 1884-85, o Olympic perdeu por 3-2 na segunda rolda da FA Cup ante os Rovers, que consolidaron a súa posición como equipo principal da cidade, gañando o torneo por segunda tempada consecutiva.[28] En 1885 evitouse a ameaza dun cisma dentro do deporte, cando a FA aceptou legalizar o profesionalismo.[29] Nunha cidade do tamaño de Blackburn, con todo, ao Olympic foille difícil competir por espectadores e patrocinio co consolidado e máis exitoso Blackburn Rovers; en consecuencia, o Olympic non puido pagar salarios ao mesmo nivel que ese club ou que outros equipos profesionais de Lancashire. En 1886, o comité do club viuse obrigado a reducir os salarios dos xogadores a un cuarto do que estaba sendo ofrecido polo Preston North End, un dos clubs máis importantes da rexión. En resposta, moitos dos xogadores chave abandonaron o club e foron fichados axiña por equipos máis ricos.[30]

A Football League, a primeira liga de fútbol asociado do mundo, foi fundada en 1888 polos clubs máis importantes das Midlands e do Norte. William McGregor, o presidente do Aston Villa e impulsor da nova competición, impuxo unha norma que establecía que só un club de cada vila ou cidade podía unirse á liga, e elixiuse aos Rovers, antes que ao Olympic, para ser o representante de Blackburn.[31][32] Algúns dos clubs que non foron invitados a unirse á liga, incluíndo o Olympic, formaron The Combination. Con todo, esta foi unha competición mal organizada e desapareceu antes do final da tempada 1888-89.[33] Acosado por serias débedas, o comité do club anunciou a principios de 1889 que todos os xogadores profesionais serían liberados dos seus contratos con efectos inmediatos e que dende ese momento en diante o club só empregaría xogadores afeccionados.[34] Esta medida desesperada chegou moi tarde para salvar o club, que quebrou definitivamente en setembro de 1889. O último partido do Blackburn Olympic foi unha derrota como visitante ante o Everton.[35] Un equipo afeccionado non relacionado con sede na cidade adoptou o nome de Blackburn Olympic en 1959.[36]

UniformeEditar

Ao comezo da existencia do club, os xogadores vestían usualmente con camisolas cor maxenta, aínda que as regras respecto ao equipamento eran menos ríxidas daquela e o defensor central Tommy Gibson insistía en empregar unha camisola que presuntamente dáballe sorte, de cor ámbar con círculos negros. Máis tarde, o seu compañeiro Alf Astley copiou o seu exemplo.[37]

Cando o club ingresou na FA Cup por primeira vez en 1880, as regras da competición sinalaban que todos os xogadores do equipo debían vestir cores a xogo, polo que se elixiu unha nova combinación de camisolas celestes e pantalóns brancos.[37] Cando había unha coincidencia de cores cos adversarios e o Olympic víase obrigado a cambiarse, os xogadores vestían cunha camisola azul escura e con pantalóns brancos.[38] Non hai rexistro de que o club tivera ningún escudo, a pesar de que as fotografías do equipo que gañou a FA Cup mostraban a varios xogadores co distintivo da Lancashire Football Association cosido nas súas camisolas, indicando que representaban a Lancashire nos partidos entre condados.[39]

 
 
 
 
 
Titular


 
 
 
 
 
Suplente


EstadioEditar

 
Vista moderna do pub Hole-i'-th'-Wall, que lle deu nome ao estadio do club.

O primeiro partido do Olympic tivo lugar nun terreo pertencente ao Blackburn Cricket Club, localizado a campo aberto en Higher Oozebooth. Durante os primeiros dezaoito meses de existencia do club, o Olympic xogou os seus partidos como local en varios lugares de Blackburn, incluíndo Roe Lee e Cob Wall.[40] En 1879 a comitiva do club obtivo o contrato de arrendamento dun terreo adxacente ao pub Hole-i'-th'-Wall, localizado na cume do outeiro Shear Brow. O lugar fora empregado previamente por outro club, o Queen's Own, mais quedara vacante cando o club quebrou despois de que moitos dos seus xogadores ficharan polo Blackburn Rovers.[41]

A superficie de xogo inclinábase cara abaixo e era coñecida, inicialmente, por estar extraordinariamente enlamada; con todo, o comité do club investiu cen libras en 1880 para mellorar a drenaxe.[41] As instalacións eran mínimas e a maioría dos espectadores parábanse arredor do perímetro do campo, como era ocorría en moitos campos de fútbol desa época.[42] Erixiuse unha tribuna detrás da portería en 1881,[43] pero esta foi danada severamente por unha treboada en 1884 e substituída por unha estrutura máis elaborada, localizada nun dos costados máis longos da área de xogo. Ao mesmo tempo, construíronse outros refuxios para darlle aos espectadores situados noutras áreas a posibilidade de cubrirse dos elementos.[44] A maior asistencia rexistrada no Hole-i'-th'-Wall foi de aproximadamente 10 000 espectadores, para un partido contra o Preston North End en novembro de 1884; con todo, a asistencia normal para os partidos do Olympic era de entre mil e dúas mil persoas.[45] Logo da desaparición do club, o terreo foi adquirido polo Blackburn Railway Clerks Club. Actualmente é sede do St. Mary's College de Blackburn.[46]

XogadoresEditar

 
O equipo do Blackburn Olympic que gañou a FA Cup de 1883.
 
Jack Southworth foi un dos futbolistas que chegou xogar coa selección de fútbol de Inglaterra despois do seu paso polo Blackburn Olympic, participando en tres encontros e logrando anotar tres goles.

O equipo do Olympic que gañou a FA Cup en 1883 estaba composto por once xogadores nados en Inglaterra, polo que esta foi a primeira vez que un all-English XI gañou a competición.[47][d] O equipo formou co seguinte once, cuxo traballo tamén se especifica nunha columna denominada Ocupación:[4][48]

Posición Xogador Ocupación
POR Thomas Hacking Axudante de dentista.
DEF James Ward Operador dunha máquina de algodón.
DEF Albert Warburton Plomero e propietario dun pub.
MED Thomas Gibson Traballador dunha fundición de ferro.
MED Jack Hunter Propietario dun pub.
MED William Astley Tecedor.
DIA Tommy Dewhurst Tecedor.
DIA Arthur Matthews Enmarcador de cadros.
DIA George Wilson Administrativo.
DIA Jimmy Costley Fiandeiro.
DIA John Yates Tecedor.

James Ward foi o único xogador que foi elixido para formar parte da selección inglesa mentres xogaba no club.[49] Xogou un só partido, un empate contra Gales o 14 de marzo de 1885 en Leamington Road, Blackburn.[50] Tommy Dewhurst foi elixido para un partido internacional en 1884, mais foi desestimado xa que estivo involucrado nunha pelexa cun xogador rival durante un partido entre o Olympic e o Northwich Victoria.[51] Outros seis xogadores que xogaron no Olympic representaron a Inglaterra, antes ou despois da súa etapa no club. Estes foron Joe Beverley (3 partidos, 0 goles),[52] Edgar Chadwick (7 partidos, 3 goles),[53] Jack Hunter (7 partidos, 0 goles),[54] Jack Southworth (3 partidos, 3 goles),[55] William Townley (2 partidos, 2 goles)[56] e John Yates (1 partido, 3 goles).[57][58]

AdestradoresEditar

O concepto de mánager futbolístico ou adestrador non existía no século XIX, aínda que algunhas fontes modernas identifican a Jack Hunter como o mánager do equipo.[59][60] A principal responsabilidade de Hunter era adestrar os xogadores, a pesar de que nos últimos anos do club tamén se encargou de buscar e fichar xogadores afeccionados prometedores.[61] O benfeitor do club, Sydney Yates, mantivo o cargo de presidente e o seu irmán Fred serviu como presidente do comité do club. A maior parte da administración foi manexada polo secretario, un posto que foi ocupado por Bill Bramham durante case toda a existencia do club.[62]

PalmarésEditar

O club gañou os seguintes trofeos ao longo da súa curta traxectoria:[35]

A única competición na que o club participou e que nunca puido gañar foi a Lancashire Senior Cup.[35]

RivalidadesEditar

A principal rivalidade do Blackburn Olympic era co Blackburn Rovers. O primeiro partido entre ambos equipos disputouse en febreiro de 1879, cunha vitoria por 3-1 a favor do Olympic. Ambos clubs xogaron corenta veces entre si, mais o Olympic só gañou seis destes partidos.[35] A rivalidade volveuse especialmente intensa en setembro de 1884 cando, en medio de acusacións de que os clubs estaban empregando tácticas deshonestas en intentos para roubarse os xogadores estrelas entre si, o secretario dos Rovers envioulle un telegrama ao seu colega, no que establecía que non xogarían partidos contra o Olympic na tempada 1884-85.[63] En decembro, con todo, os clubs foron emparellados mediante sorteo para enfrontarse entre si pola FA Cup e os partidos retomáronse máis tarde esa tempada.[63] O seu último encontro foi un partido en beneficio do Olympic en febreiro de 1889, no que os Rovers gañaron 6-1. Os Rovers aceptaron que o economicamente afundido Olympic quedara con todos os cartos recadados polas entradas, en lugar de compartilo.[35]

NotasEditar

  1. O termo Home counties fai referencia aos condados que rodean a Londres.
  2. Spartacus Educational indica que o resultado foi 9-1.
  3. Spartacus Educational indica que o resultado foi 4-0.
  4. O termo all-English XI fai referencia a que os once xogadores eran de nacionalidade inglesa.
Referencias
  1. Davies 2003, pp. 29, 33.
  2. 2,0 2,1 2,2 Phythian 2007, p. 7.
  3. Mason, Tony (1980). Association football and English society, 1863-1915 (en inglés). Harvester Press. p. 3. ISBN 0-3910-1718-7. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Blackburn Olympic". The Encyclopedia of British Football (en inglés). Spartacus Educational. Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2009. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  5. Phythian 2007, p. 9.
  6. Phythian 2007, pp. 82–83.
  7. Phythian 2007, pp. 21, 23.
  8. "FA Cup 1880-81" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  9. "FA Cup 1881-82" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  10. Phythian 2007, pp. 84–85.
  11. Phythian 2007, p. 44.
  12. Phythian 2007, p. 86.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "FA Cup 1882-83" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019. 
  14. Soar & Tyler 1983, p. 157.
  15. Phythian 2007, p. 43.
  16. Soar & Tyler 1983, p. 158.
  17. Gibbons, Philip (2001). Association Football in Victorian England - A History of the Game from 1863 to 1900 (en inglés). Upfront Publishing. p. 71. ISBN 1-84426-035-6. 
  18. Warsop 2004, p. 7.
  19. Warsop 2004, p. 38.
  20. Warsop 2004, p. 139.
  21. Soar & Tyler 1983, p. 20.
  22. Davies 2003, p. 36.
  23. Phythian 2007, p. 54.
  24. Davies 2003, p. 38.
  25. Dunning, Eric; Sheard, Kenneth (2005). Barbarians, Gentlemen and Players: A sociological study of the development of rugby football (en inglés). Routledge. p. 159. ISBN 0-7146-8290-X. 
  26. Phythian 2007, p. 61.
  27. "FA Cup 1883-84" (en inglés). Football Club History Database. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2007. Consultado o 7 de outubro de 2019. 
  28. "FA Cup 1884-85" (en inglés). Football Club History Database. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2007. Consultado o 7 de outubro de 2019. 
  29. Goldblatt, David (2007). The Ball is Round: A Global History of Football (en inglés). Londres: Penguin. pp. 37–47. ISBN 978-0-14-101582-8. 
  30. Phythian 2007, p. 71.
  31. Butler, Byron (1987). The Football League 1988–1988 The Official Illustrated History (en inglés). Anne Press. p. 11. ISBN 0-356-15072-0. 
  32. James, Gary (2008). Manchester – A Football History (en inglés). James Ward. p. 45. ISBN 978-0-9558127-0-5. 
  33. Shury, Alan; Landamore, Brian (2002). The Definitive Newton Heath F.C. (en inglés). SoccerData. p. 11. ISBN 1-8994-6816-1. 
  34. Phythian 2007, p. 79.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Phythian 2007, pp. 82–96.
  36. "The History of Blackburn Olympic Football Club" (en inglés). Blackburn Olympic Football Club. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2009. Consultado o 7 de outubro de 2019. 
  37. 37,0 37,1 Phythian 2007, p. 8.
  38. Phythian 2007, p. 36.
  39. Phythian 2007, p. 81.
  40. Phythian 2007, p. 10.
  41. 41,0 41,1 Phythian 2007, p. 15.
  42. Davies 2003, p. 85.
  43. Phythian 2007, p. 29.
  44. Phythian 2007, p. 64.
  45. Phythian 2007, p. 18.
  46. Phythian 2007, p. 99.
  47. Barnes, Stuart (2009). 2009–2010 Nationwide Football Annual (en inglés). Sportsbooks. p. 381. ISBN 1-8998-0781-0. 
  48. Warsop 2004, p. 53.
  49. Phythian 2007, p. 120.
  50. "Jim Ward" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  51. Phythian 2007, p. 59.
  52. "Joseph Beverley" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  53. "Edgar Chadwick" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  54. "Jack Hunter" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  55. "Jack Southworth" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  56. "William Townley" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  57. "John Yates" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009. 
  58. Joyce, Michael (2004). Football League Players' Records 1888–1939. Soccerdata (en inglés). SoccerData. pp. 25, 51, 246, 262 e 290. ISBN 1-8994-6867-6. 
  59. Soar & Tyler 1983, p. 158).
  60. Taylor, Matthew (2007). The Association Game: a history of British football (en inglés). Pearson Education. p. 44. ISBN 0-5825-0596-8. 
  61. Phythian 2007, p. 74.
  62. Phythian 2007, p. 67.
  63. 63,0 63,1 Phythian 2007, pp. 63-66.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Davies, Hunter (2003). Boots, Balls and Haircuts: An Illustrated History of Football from Then to Now (en inglés). Cassell Illustrated. ISBN 1-8440-3261-2. 
  • Phythian, Graham (2007). Shooting Stars: The Brief and Glorious History of Blackburn Olympic 1878–1889 (en inglés). SoccerData. ISBN 1-89946-883-8. 
  • Soar, Phil; Tyler, Martin (1983). Encyclopedia of British Football (en inglés). Willow Books. ISBN 0-0021-8049-9. 
  • Warsop, Keith (2004). The Early FA Cup Finals and the Southern Amateurs (en inglés). SoccerData. ISBN 1-8994-6878-1. 

Ligazóns externasEditar