Batalla de Mylae (36 a. C.)

Batalla naval entre Octavio e Sexto Pompeio

A batalla de Mylae foi unha batalla naval que tivo lugar no ano 36 a. C. nas proximidades da cidade de Mylae (en grego antigo, Mυλαί), a actual Milazzo, fronte á costa norte de Sicilia, no contexto da Guerra de Sicília (44 a. C. - 36 a. C.). No combate, enfrontouse a frota de Sexto Pompeio baixo o mando de Papías e a frota do Segundo Triunvirato, mandada por Marco Vipsanio Agripa; o resultado foi de vitoria para a frota deste.

Batalla de Mylae (36 a. C.)

Localización de Mylae (Milazzo) na costa norte de Sicilia
Data 11 de agosto do 36 a. C.
Lugar Mylae, norte de Sicilia
Resultado Vitoria do Segundo Triunvirato
Belixerantes
Segundo Triunvirato Sexto Pompeio
Líderes
Marco Vipsanio Agripa Papías
Baixas
5 barcos 30 barcos

Contexto editar

Sexto Pompeio no Tratado de Misenum (39 a. C.) acordou co Segundo Triunvirato unha distribución do poder polo que mantiña o goberno das illas de Sardeña, Córsega e Sicilia, e recibía Acaia no Peloponeso, sería nomeado cónsul e entraría no colexio de augures[1] e seguiría ao mando dunha poderosa armada coa que controlaba gran parte do mar Mediterráneo e a cambio, remataría co bloqueo e enviaría trigo a Roma como xa se establecera con anteriodidade.[2]

Mentres Marco Antonio marchaba cara Oriente, e pasaba o inverno en Atenas, o pacto rachouse. Non está clara a causa pero, segundo Apiano, debeuse a que Sexto Pompeio recibiu o Peloponeso de Antonio a cambio de darlle un cuantioso tributo que lle debía os peloponesios. En troques, Sexto, opinaba que cando recibiu o Peloponeso, recibíao con todo. Inmediatamente, armou máis barcos e, de novo, foi xurdindo unha pirataría no Mediterráneo.[3]

Con todo, a principios do ano seguinte, o 38 a. C., o seu principal almirante, que era liberto, Menas[4] ou Menodoro desertou con tres lexións e 60 barcos pasando ao bando de Octaviano, a quen lle deu o control de Córsega e Sardeña e 3 lexións[5] e recibiu como recompensa o rango ecuestre.[6] Loitou por Octavio ao mando de Calvisio Sabino[7] na batalla naval de Cumas. No 36 a. C. retornou con Sexto Pompeio,[8] pero Sexto fíxoo vixiar de preto; e Menodoro, anoxado por ser tratado con sospeita, cambiou de novo de bando.[9]

Porén non está clara a causa directa da rotura do tratado. Mentres algúns autores falan do interese de Octaviano de eliminar o poder de Sexto Pompeio, unha vez que Lépido está debilitado e Marco Antonio está en Oriente, e o acusou de non cumprir o acordado,[4][10] outros afirman que os triunviros se negaron a cumpri-la súa parte do tratado polo que se reiniciaron as hostilidades.[11]

Pompeio respondeu cun bloqueo das rutas marítimas que ocasionou que Roma perdese importantes fontes de grans, e rexeitou un dos primeiros intentos de invasión de Octaviano. Despois deste fracaso, o amigo e tenente de Octaviano, Agripa, deseñou un plan de invasión a grande escala para que Octavio conquistase Sicilia. Tres exércitos diferentes baixo o liderado de Octaviano, Estatilio Tauro e Lépido desembarcarían en Sicilia desde Puteoli, Tarento e África, respectivamente.[12]

Batalla editar

Octavio navegou en agosto do 36 a.C. coa súa frota primeiro a Stromboli. Despois de que os seus exploradores tivesen a impresión de que a forza principal de Sexto Pompeio se enfrontaba a el na costa siciliana, entregou o mando supremo a Agripa e regresou a toda prisa a Italia e dende alí marchou co segundo exército de invasión ao mando de Estatilio Tauro en Tauromenium (Taormina) para desembarcar na costa nordeste de Sicilia. Agripa navegou coa frota ata Hiera (Marettimo) no oeste de Sicilia e ocupou a illa, que non estaba defendida polas tropas de Sexto.[13] Agripa navegou entón cara ao leste coa metade dos seus barcos para atacar unha frota baixo Papías. Sexto observou o avance de Agripa e enviou a maioría dos seus barcos a Papías como reforzo. As dúas frotas reuníronse en Mylae (Milazzo) o 11 de agosto. Cando Agripa se decatou de que agora se enfrontaba a unha frota moito máis grande, solicitou inmediatamente os barcos que quedaban en Hiera. Tamén enviou un mensaxeiro a Octavio para informarlle de que as forzas principais do Sexto estaban agora en Mylae.[14]

 
Os barcos romanos estaban equipados cun dispositivo de abordaxe chamado corvus, que permitía abordar e captura-los buques inimigos.

Ambas frotas estaban equipadas con catapultas e torres. Os barcos de Sexto eran máis pequenos e áxiles e tiñan mariñeiros máis experimentados. Os barcos de Agripa, pola contra, eran máis grandes e máis estables e superiores no combate corpo a corpo.[14] A táctica de Papías era desactivar os barcos inimigos e illalos da súa formación. A seguir, mediante hábiles manobras dos barcos, tentou destruír os temóns dos barcos contrarios sen ser abordado. Pola contra, os barcos de Agripa, porén, intentaron embestir aos seus opoñentes ou conquistalos coa axuda de ganchos de agarre e pontes de agarre (corvus). Deste xeito conseguiron afundir eles mesmos o barco de Papías. Con todo, este, puido salvarse nadando ata un dos seus barcos veciños.[15][16]

Sexto Pompeio observaba a batalla dende un banco. Cando se decatou de que os barcos de Agripa operaban con máis éxito e que outros barcos chegaban dende Hiera, ordenou a Papías que comezase unha retirada controlada. Os seus barcos retiráronse lentamente cara ás augas costeiras pouco profundas e aos esteiros, onde os capitáns de Agripa cos seus barcos máis grandes non querían seguilos e a batalla chegou ao seu fin. Nese momento Papías perdera 30 barcos, mentres Agripa tan só perdeu 5.[17] Agripa conseguiu facerse con Mylae e con Tyndaris.[18]

Consecuencias editar

Sexto conseguiu retirar os seus barcos sen molestias das augas costeiras e reunilos nunha frota. Coa súa rápida retirada, Sexto sorprendeu a Octavio cando chegou a Tauromenium e atacouno con éxito. O propio Octaviano apenas puido salvarse en terra e sufriu a perda de máis de 60 barcos. A pesar deste éxito, Sexto non puido evitar o desembarco das tropas de Octavio e tivo que pór a súa frota a salvo do avance de Agripa. Despois de que boa parte de Sicilia xa fora controlada polas tropas de invasión traídas de África e Italia, a última gran batalla naval tivo lugar en setembro na baía de Naulocos, na que Agripa destruíu a frota do Sexto.

Notas editar

  1. Apiano (1985), pp. 295-296 [Libro V, 72]
  2. Apiano (1985), p. 295 [Libro V, 72]
  3. Apiano (1985), pp. 300-301 [Libro V, 77]
  4. 4,0 4,1 Mangas 1991, p. 20
  5. Apiano (1985), pp. 300-301 [Libro V, 78]
  6. Mangas 1991, p. 21
  7. Apiano, Libro V, capítulo IX, 80
  8. Apiano, Libro V, capítulo X, 96
  9. Apiano, Libro V, capítulo XI, 100
  10. Hornblower & Spawforth 2003, p. 1.217
  11. Bunson 2009, p. 441
  12. Apiano, Libro V, capítulo XI, 97
  13. Apiano, Libro V, capítulo XI, 105
  14. 14,0 14,1 Apiano, Libro V, capítulo XI, 106
  15. Sabin (2007)
  16. Apiano, Libro V, capítulo XI, 107
  17. Apiano, Libro V, capítulo XI, 108
  18. Smith (1857), p. 385

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes antigas editar

  • Apiano (1985). Historia Romana III. Guerras civiles (Libros III-V). (Colección: Biblioteca Cláscia Gredos, nº 84) (en castelán). (tradución e notas de Antonio Sancho Royo). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3552-7. 

Fontes modernas editar

Ligazóns externas editar