Baixa Idade Media na Península Ibérica

Durante a Baixa Idade Media na Península Ibérica, o derradeiro período da Idade Media (séculos XIV e XV), os reinos peninsulares atravesaron graves problemas sociais, económicos e políticos. Logo da expansión económica dos séculos XII e XIII, neste tempo teñen lugar as crises baixomedievais.

Mapa da Península Ibérica en 1410

Crise demográfica

editar

A Peste Negra inaugurou unha etapa de mortalidades catastróficas que minguou a pobación en varias vagas. Estímase que a chegada da epidemia foi na primeira metade do ano 1348 por portos do Mediterráneo e que despois do verán xa se rexistrarían casos en Galicia, León, Asturias e norte de Portugal, probablemente vencellados ao Camiño de Santiago. A enfermidade afectou especialmente a Cataluña e Navarra, calcúlase que neste reino finou a metade dos veciños, e provocou a perda dun cuarto da poboación castelá no século XIV.[1][2]

Crises económicas e sociais

editar

Depresión agraria e revoltas campesiñas

editar

Durante a primeira metade do século XIV sucedéronse malas colleitas debido a un ciclo climático máis rigoroso, o que significou escaseza de alimentos e carestía.[3][4] Mais, a crise demográfica agravou a crise agraria e provocou un descenso do número de campesiños e o abandono de explotacións. Como consecuencia, os señores feudais viron minguar as súas rendas e reaccionaron con abusos contra os seus servos, confiscando terras e impondo novos impostos (malos usos). Isto causou un forte descontento no campesiñado que acabou por facer levantamentos contra a nobreza. Son exemplos destacados os remensas cataláns, que loitaron contra o réxime señorial e os malos usos, e os Irmandiños galegos.

Problemas urbanos

editar

Doutra parte, as cidades sufriron o colapso do comercio, e nelas orixináronse episodios violentos como ataques antisemitas ou revoltas urbanas.[5][6] Ademais dos problemas derivados da crise económica, nalgunhas cidades, as tensións nacían polo acceso e control das institucións municipais, como o da "busca i la biga" na Barcelona do século XV.[7]

Mención especial precisan os episodios antixudeus. Xa dende o século XIII foron comúns medidas para segregar ás comunidades xudías establecendo as xudarías, ou que discriminaban a esta comunidade: uso de vestimentas distintivas ou prohibición de participación en determinadas celebracións, por exemplo.[8] A partir do XIV as tensións sociais derivaron en frecuentes ataques antixudeus sendo vítimas de libelos como os que os culpaban da Peste Negra ou con intencionalidade política, como no contexto da guerra entre Pedro I e Henrique II de Castela (1351-1369).[9] Uns dos primeiros grandes ataques son os rexistrados en 1321 en Lizarra e Pamplona no marco das cruzadas dos pastores, mais os maiores pogroms foron os do 1391. Estes comezaron en Sevilla e tiveron como detonante as prédicas do arcediago de Écija, Ferrán Martínez, pero cedo se espallarían a diversas cidades da Coroa de Castela e de Aragón.[10][11]

Crises políticas

editar
 
Miniatura do século XV con Henrique II matando a Pedro I de Castela.

Outra manifestación das crises baixomedievais foron os conflitos no seo das monarquías feudais peninsulares. O feudalismo impedira un poder centralizado nos reis, así ao longo da Idade Media, os monarcas foron cada vez máis dependentes da nobreza. Mostra disto foi que, a partir do século XIII, os reis navarros e aragoneses deberon xurar o respecto aos privilexios nobiliarios (foros). Mais durante os séculos XIV e XV, os reis trataron de impoñer a súa autoridade, e os estamentos privilexiados (nobreza e clero) resistíronse. Deste xeito, as tentativas autoritarias do rei, as reaccións nobiliarias contra elas, ou os conflitos sucesorios derivaron en crises como a do Interregno portugués entre 1383 e 1385 ou do Compromiso de Caspe (1412) e nas varias guerras civís que sacudiron a Castela entre 1351 e 1369, 1437 e 1445 e de novo entre 1474 e 1479, a Navarra entre 1451 e 1464 e a Cataluña entre 1462 e 1472.

  1. Ruiz de Loizaga, Saturnino (2009). La Peste en los reinos penínsulares según documentación del Archivo Vaticano (1348-1460). UPV/EHU. pp. 23–30. ISBN 978-84-935565-5-6. 
  2. Monteano, Peio J (2002). La ira de Dios. Los navarros en la Era de la Peste (1348-1723). Pamiela. ISBN 9788476813539. 
  3. "A distant mirror : the calamitous 14th century". search.worldcat.org (en castelán). Consultado o 2023-12-06. 
  4. "Was the Little Ice Age triggered by massive volcanic eruptions?". ScienceDaily (en inglés). Consultado o 2023-12-06. 
  5. Igual Luis, David (2008). "Economía, mercado y comercio en la Península Ibérica (1350-1516)". eHumanista 10: 172–200. 
  6. Rodríguez, Ana (2013). "Modelos de diversidad: crecimiento económico y crisis en los reinos hispanos en la Baja Edad Media". Vínculos de Historia: 27–49. ISSN 2254-6901. 
  7. Ryder, Alan (2007). "Turmoil in Barcelona: Busca and Biga". Oxford Academic. Consultado o 2023-12-07. 
  8. Hinojosa Montalvo, José (2000). Los judíos en la España medieval: de la tolerancia a la expulsión. Instituto de Estudios Almerienses. ISBN 978-84-8108-206-7. 
  9. Cantera Montenegro, Enrique (2022). "Peste negra y judíos: una panorámica general acerca de la incidencia de la epidemia en el mundo judío occidental". Cuadernos del CEMYR (en castelán) (30): 109–148. ISSN 2530-8378. 
  10. "ARTEHISTORIA - Historia de España - Ficha El pogrom de 1391". web.archive.org. 2008-05-07. Archived from the original on 07 de maio de 2008. Consultado o 2023-12-06. 
  11. "Seville, riot of 1391". www.jewishencyclopedia.com. Consultado o 2023-12-07. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar